Novos horizontes para a narración oral: volve o Festival Atlántica cunha edición ao aire libre

Presentación do Festival Atlántica este martes na Cidade da Cultura © Festival Atlántica

Quico Cadaval, Paula Carballeira, Celso Sanmartín, Charo Pita, Thomas Bakk, Marcelo Ndong, Sofia Maul, Eugenia Manzanera e ata 35 artistas participan do 1 ao 11 de xullo no festival de narración oral Atlántica

Entre o 1 e o 11 de xullo o festival internacional de narración oral Atlántica volve situar a Galicia no centro da tradición oral con 82 funcións repartidas en 27 concellos das catro provincias, nas que participarán un total de 35 artistas nacionais e internacionais. "Levamos todos máis dun ano coa parede da sala como único horizonte. Por iso o Festival Atlántica, neste dobre Xacobeo, quere regalarlle ao seu público horizontes amplos, diferentes, fermosos, dourados polo sol, aireados polos ventos que chegan desde o mar, perfumados polas belidas flores que tapizan o país".

A directora do certame, Soledad Felloza, salientou que haberá espectáculos pensados para todos os públicos, desde bebés ata adultos pasando pola mocidade. Volverán os itinerarios narrados pola cidade vella de Santiago e tamén o binomio música e contos. Ademais, na programación apostarase por las actividades literarias e polo cinema.

Cartaz do Festival Atlántica 2021 CC-BY-SA Festival Atlántica

Quico Cadaval, Celso Sanmartín, Paula Carballeira, Cándido Pazó, Charo Pita, Avelino González e Raquel Queizás, entre outros, serán a representación galega deste ano en Atlántica. Mais chegarán contadores de Guinea Ecuatorial, Brasil ou Portugal, e voces procedentes de Zamora, Salamanca ou Catalunya. Entre eles están Thoma Bakk, Marcelo Ndong, Sofia Maul, Eugenia Manzanera, Pep Bruno e José Luis Gutiérrez "Guti"

Esta novena edición do festival aposta polas accións ao aire libre e coa intención de seguir demostrando que a cultura é segura. As 82 funcións previstas vanse celebrar en 40 sedes diferentes ao longo dos concellos participantes. "Este grado de deslocalización vai achegar o encontro ata un público potencial de máis de 400.000 persoas grazas ao esforzo e ao traballo en rede dos concellos, fundacións e asociacións participantes", salientaron na presentación.

Espazos do patrimonio galego como o Castelo da Frouseira, en Foz; as Torres de Altamira, en Brión; ou o curro de Sabucedo acollerán espectáculos de Atlántica

Santiago de Compostela, Ferrol, Outes, Lalín, Teo, Alfoz, A Pobra do Caramiñal, Cuntis, Pazos de Borbén, Brión, Ribeira, Mondoñedo, Sanxenxo... e moitos máis concellos acollerán a programación do Atlántica, que se pode consultar no seu sitio web. O festival reformulouse pola pandemia e pasa de marzo a xullo, e tamén chegará por primeira vez a espazos declarados Ben de Interese Cultural como o Castelo da Frouseira, en Foz; as Torres de Altamira, en Brión; ou o curro de Sabucedo, onde se celebra cada xullo a espectacular rapa das bestas.

Carballeiras, fragas autóctonas con xacementos arqueolóxicos, castros, petróglifos e barcas tradicionais da Ribeira Sacra ou da Guarda vanse converter en miniescenarios nos que escoitar historias mentres se atravesa o río ou a ría. Nesta edición tampouco faltarán os contos ao solpor coas illas Cíes no horizonte. 

Contos no Camiño

Este certame de narración oral que agromou en Compostela en 2013 achégase neste Ano Santo 2021 ao Camiño de Santiago con espectáculos itinerantes como o que o catalán Pep Bruno realizará ao longo do Camiño francés, con tres funcións programadas e outras tantas espontáneas no transcurso da súa travesía a pé. 

Por outra banda, o galego Avelino González fará o mesmo polo Camiño portugués. Cando ambos os dous artistas cheguen a Santiago de Compostela, a Colexiata do Sar acollerá unha función conxunta titulada Historias de andantes que será o epílogo da súa "peregrinación cuentera".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.