O Son do Camiño Perseidas reúne a Raphael, Rozalén, Vetusta Morla ou Sabela no Monte do Gozo do 14 de xullo ao 8 de agosto
O Son do Camiño adáptase ás circunstancias da pandemia cun novo ciclo de concertos para este verán desde o escenario do Monte do Gozo. Do 14 de xullo ao 8 de agosto chega o O Son do Camiño Perseidas, que reunirá a 18 artistas nacionais e internacionais como Raphael, Rozalén, Vetusta Morla ou Sabela.
Ata 5.000 persoas poderán desfrutar destas actuacións ao aire libre, cun sistema de separación para cumprir coas medidas de seguridade contra a COVID-19. O anuncio desta nova proposta musical ligada ao Ano Santo 2021-2022 chega unha semana despois de que se confirmase o adiamento do festival O Son do Camiño para o próximo ano.
As cantautoras Guadi Galego e Rozalén abrirán o ciclo de concertos desde o auditorio do Monte do Gozo o 14 de xullo. A galega presentou en 2020 o seu último álbum, Costuras, e acaba de sacar o tema Casa deshabitada xunto a Moel. Pola súa banda, a albaceteña volve a Galicia xunto á intérprete Beatriz Romero para unha actuación na que repasará os grandes temas da súa carreira e os do seu último disco, El árbol y el bosque.
Xoel López, Andrés Suárez e Sabela completan a noite máis galega da programación
O colombiano Camilo pasará polo Monte do Gozo o 15 de xullo, nunha noite que abrirá o músico multi- instrumentista, cantante e compositor galego Pablo Lesuit. Ao día seguinte o escenario será do ferrolán Andrés Suárez, do coruñés Xoel López (que puxo a banda sonora da campaña Xacobeo 21-22) e da luguesa Sabela, co seu disco Despedida.
Vetusta Morla, que xa participou na segunda (e última, de momento) edición do festival O Son do Camiño, volve o 17 de xullo xunto ao grupo pontevedrés Furious Monkey House, que presentarán en directo o seu último álbum Love, scum & dust. O mítico Raphael levará os seus grandes éxitos ata o Monte do Gozo o primeiro de agosto e Loquillo estará o día 7. Tamén participan neste ciclo das Perseidas o violinista Ara Malikian, Estopa, Izal, a cantante e compositora bilbaína Maren. Pechará esta primeira edición Melendi o día 8.
"Os concertos son a esencia da celebración de cada Ano Santo", di o vicepresidente da Xunta
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentaron este venres o cartel de O Son do Camiño Perseidas xunto aos representantes das empresas organizadoras do ciclo, Esmerarte Industrias Creativas e Bring The Noise.
Rueda salientou que "os concertos son a esencia da celebración de cada Ano Santo" e incidiu en que "o Xacobeo serve de elemento transversal para impulsar o crecemento das industrias culturais e musicais e posicionar a Galicia como sinónimo de calidade". Pola súa parte, Román Rodríguez asegurou que a celebración deste ciclo de actuacións durante o verán sitúa a Galicia "como exemplo de xestión, de administración e de apoio á industria".
Na presentación desta edición especial de O Son do Camiño referíronse aos aforos máximos para as actuacións, que terán lugar no auditorio do Monte do Gozo ao aire libre. A estimación da organización, segundo trasladaron na presentación deste venres, pon un máximo de 5.000 persoas por concerto.
Así, explican que o recinto estará parcelado en cinco sectores que, da mesma maneira que as zonas de traballo, van render homenaxe ás sete entradas históricas á cidade desde cada unha das rutas do Camiño de Santiago adoptando as súas denominacións: ″Trinidade″, ″Camiño Francés″, ″Faxeira″, ″Algalia″, ″Mazarelos″, ″Atalaia″ e ″Porta da Pena″.
As entradas para cada un dos concertos estarán á venda o vindeiro venres, día 11, ás 10:00 horas a través da web do festival. Desde a organización de O Son do Camiño salientan que este ciclo de actuacións suporá unha ″punta de lanza″ para a reactivación da industria da música en Galicia, pois para o desenvolvemento dos concertos contará ″con preto de trescentos traballadores directos″.
As entradas estarán dispoñibles desde as 10 da mañá do 11 de xunto
Haberá que agardar ata o ano que vén para que O Son do Camiño recupere o seu formato habitual. A terceira edición xa está programada para os días 16, 17 e 18 de xuño de 2022 no Monte do Gozo. ″Reunirá a máis de 40 artistas: de renome internacional, con ampla representación galega, propostas que visitarán por primeira vez a nosa Comunidade e diversidade de estilos, conformando así un evento para todos os públicos″, aseguran.