A canteira audiovisual galega demostra o seu pulo nunha nova edición do certame escolar Olloboi de Boiro, que acolleu 142 pezas a concurso
O certame audiovisual escolar Olloboi celebrou unha edición especial adaptada á pandemia da COVID-19 que non lastrou a participación nin a calidade das pezas audiovisuais a competición. O traballo colectivo que adoitan levar a cabo desde Boiro non se puido repetir desde que comezou a pandemia, mais a comunidade educativa seguiu creando e presentáronse un total de 142 obras nesta edición 10+1.
Moitas destas creacións realizáronse á marxe das aulas. "O impulso da creación rompendo as barreiras da realidade", din as organizadoras de Olloboi, que ten no seu sitio web penduradas todas as gañadoras para achegar o que se está a facer nas escolas galegas. No festival participan sobre todo alumnas e alumnos de Secundaria, mais tamén hai pezas que chegan desde a Educación Primaria, da Universidade ou doutras escolas de ensinanzas superiores.
"A presión da COVID e o cambio de ubicación non ensombreceron unha edición brillante, onde foi máis importante que nunca o vínculo emocional que une a quen sustenta este festival: escolas, veciñanza, cineastas", salientan desde a organización do festival Olloboi.
Desta vez non se puido repetir a 'Muchachada Matiné', unha actividade na que alumnado, artistas e "informadoras" de Boiro fan unha curta 4x4, mais esta fin de semana estrearon nunha celebración ao aire libre no parque da Cachada de Boiro Cadernas de Olloboi, un documental sobre os dez anos de historia do festival, que pronto estará dispoñible para ao seu visionado.
O xurado da edición 10+1 do Olloboi estivo constituído polo profesor e profesional do audiovisual Manolo González, a profesora Olga Aguiar, os realizadores Andrés Goteira, Suso López, J.M. Tubío, Cris de la Torre, Xaime Miranda, Sabela Blanco e as asociacións Unión de Muchachas e Mestras polo Futuro.
Cando rompe o mar, de Alba Camaño, alumna do IES María Soliño, levou o premio á mellor obra de non ficción por un relato en primeira persoa sobre violencia machista. O mellor guión foi para Vida furtiva, unha curta realizada para o programa 'Vidas mariñeiras' polos alumnos de audiovisual do IES Terra de Trasancos, que xa levara un premio no FIC Bueu no apartado escolar.
O premio Wabisabi (cine con alma adolescente) foi para a curta As derradeiras, de Rita S. Dosil, Asier Torrado e Valeria Torrado, do IES Praia Barraña, na que representan a vida que levaron as súas avoas. A mellor vídeoarte foi para Background, do IES Cacheiras e para Sombra, de Lucía Ladero, alumna do IES Concepción Arenal.
Non me vai mal levou o premio ao mellor videoclip. Esta peza realizouse nas aulas de Música e Educación plástica visual e audiovisual polo alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro.
O quentamento global está presente en Sálvora, premio Compromiso, unha peza do alumnado do IES A Cachada coordinada polas profesoras Ana Moreiras e Silvia García, que xa obtivera o primeiro premio do concurso Senda dos Faros da Consellería Educación.
O Mellor Peque foi para o CEIP Carballal e a peza Maruxa, a mellor Ficción +18 para Aarón Vilariño, alumno da Escola Superior de Cinema i Audiovisuals de Catalunya (ESCAC) pola curta Rakel e a mellor Non ficción -18 para As ladras, de Daniel Vázquez, alumno da Universidade Carlos III de Madrid.
Como novidade, nesta edición que tratou de vencer as limitacións da pandemia outorgáronse dous galardóns especiais. O premio á Mellor iniciativa educativa externa ás aulas, que recaeu no programa Vidas Mariñeiras do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte. E o premio Cine e educación ambiental, que se repartiu entre as pezas Quen seiturará?, de alumnado da Universidade de Santiago de Compostela, As derradeiras, do IES Praia Barrña e A lata, de alumnado de Primaria do CEIP Virxe do mar.