Olloboi: Aprendendo a amar o cine dende Boiro

Imaxe da edición 2018 do certame © Olloboi

O festival audiovisual escolar Olloboi chega este venres á súa novena edición. Un ano máis Boiro acollerá o certame, no que partipan 157 producións realizadas por centros de ensino de todo o país, das que 40 foron seleccionadas como finalistas nas diferentes categorías. 

Ao igual que en edicións anteriores, un destacado grupo de profesionais do audiovisual galego participa como xurado e colabora nas actividades do festival. Entre eles e elas atópanse Alfonso Zarauza, Anxos Fazáns, Xosé Barato, Luis Avilés, Xaime Miranda, Álvaro Gago, Cris Iglesias, Miguel de Lira, Quique Otero e Carmen Méndez.

Dende as 10 da mañá o Centro Social de Boiro acolle a Muchachada Matiné, na que alumnado de toda Galicia recibirá unha clase maxistral dos devanditos profesionais para realizar unha pequena peza audiovisual baseada na cultura de Boiro. Pola tarde, a partir das 18 horas, terá lugar nos Asteleiros Triñanes o groso do festival, anunciándose os proxectos gañadores e proxectándose os traballos galardoados ao longo dunha gala conducida por Quico Cadaval, Federico Pérez e Sabela Hermida.

As 40 pezas finalistas divídense en nove categorías: Olloboi peque, Olloboi Plus 18 e Olloboi Xeral (con recoñecementos á mellor fotografía, montaxe, música e arte, documental). Ademais, a organización entregará o premio principal, o Olloboi Zamburrioi. As pezas participantes pódense ver na web do festival.

O certame comezou a celebrarse no ano 2010 e neste tempo consolidouse como unha cita obrigada para os colexios e institutos de toda Galicia e nunha auténtica canteira de futuros profesionais, afeccionados e seguidores do audiovisual.

Ademais, o festival ten en marcha Aprendo con Olloboi, un repertorio de recursos didácticos online que dan a coñecer o proceso cinematográfico en todas as súas fases, da preprodución á distribución, aportando exemplos do audiovisual galego. A documentación organízase por capítulos estruturados en torno a unha charla (a Olloclase) impartida por profesionais de renome do noso panorama cultural.

Público asistente a unha edición anterior de Olloboi © Olloboi

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.