"O cine é unha celebración colectiva"

Na porta de NUMAX Dominio Público Numax

"O que queremos é que a distribución deixe de ser un problema, e poñer o foco no público". Screenly é unha plataforma de cinema baixo demanda, nacida hai dous anos en Barcelona, que pon en contacto filmes e audiencia, ofrecendo espazos de exhibición en pantalla grande para o visionado de filmes coa única condición de que os promotores do evento sexan quen de reunir un número mínimo de espectadores e espectadoras. A plataforma vén de chegar a Galicia, a Vigo nos Multicines Norte e a Compostela na sala NUMAX e os seus responsables traballan para a incorporación de espazos noutras localidades galegas.

Este xoves xa se poderá ver Encallados en Vigo, despois de que o filme superase (amplamente) o número mínimo de persoas interesadas. Así mesmo, o vindeiro 5 de decembro está programada a proxección en NUMAX de No estamos solos, o documental de Pere Joan Ventura producido por El Gran Wyoming no que se retrata a indignación social dos últimos anos en España a través da experiencia de colectivos coma a PAH, as Mareas e distintas iniciativas locais. Para que o filme se exhiba será necesario que cando menos 49 persoas reserven previamente a súa entrada. Do corwdfunding ao crowdticketing.

Iniciativas como Screenly responden a unha situación na que as salas comerciais acabaron por ser un espazo case vedado para certo tipo de filmes. "O que facemos é abrir unha canle para que as salas poidan estar dispoñibles para outro tipo de película, sempre e cando haxa público para velas", explica María Yáñez, do equipo de Screenly. "O que queremos é que a distribución deixe de ser un problema, e poñer o foco no público. Que a xente deixe de preocuparse por onde exhibir a súa película e poña o foco en atraer a xente, o que dende logo non é nada doado. Hai tantísima oferta en internet, fóra de internet, na casa, fóra da casa, que é moi difícil".

"O que queremos é que a distribución deixe de ser un problema, e poñer o foco no público. Que a xente deixe de preocuparse por onde exhibir a súa película e poña o foco en atraer a xente"

Como en calquera campaña de crowdfunding, os promotores da iniciativas deben implicarse activamente na difusión do evento e na procura do seu público. "Non abonda con crear un evento e agardar á xente. Hai que que ser activo, facer promoción, ofrecer outras cousas, esixe un compromiso. O tipo de marketing e promoción é semellante ao do crowdfunding, ten que ver coa cultura colaborativa e a economía colaborativa", sinala María Yáñez. 

A experiencia de Screenly e doutras plataformas semellantes en todo o mundo está amosando que son aqueles filmes que conseguen crear unha base activista ou conectar cunha comunidade previamente existente os que acadan un maior éxito. Aí entran moitos documentais de temática social, pero tamén produtos de ficción que chegan a converterse en filmes de culto, "que tamén teñen unha gran base social, con outro tipo de activismo", di. O meirande éxito de Screenly ata agora é un documental francés sobre o parto natural, A Loba, que acertou ao conectar coas múltiples comunidades que en España funcionan ao redor desta temática. Encallados pode entrar tamén dentro dos casos de éxito de Screenly: hai unhas semanas xuntou ao redor de 160 persoas en Barcelona e este xoves acadou de novo o seu obxectivo en Vigo.

Screenly ten que ver tamén con recuperar a esencia do cine como experiencia colectiva. "No mundo dixital o contido, a copia, perdeu moito valor. Do que se trata é de converter o cine nunha experiencia. Que teña sentido ir ás salas, que cada pase sexa singular, crear un evento que arranque o espectador do sofá, con extras, cun valor engadido", destaca María Yáñez. "O Do It Yourself é moi importante, pero tamén o é cada vez máis o Do It with Others, este tipo de experiencias colectivas, que neste caso comezan dende o mesmo momento que participas nun obxectivo común, que é que unha campaña de crowdfunding acade un financiamento mínimo ou que, coma neste caso, un filme consiga o quorum esixido para poder ser exhibido", di.

"No mundo dixital o contido, a copia, perdeu moito valor. Do que se trata é de converter o cine nunha experiencia. Que teña sentido ir ao cine, que cada pase sexa singular"

Tamén Alfonso Zarauza incide na importancia deste carácter colectivo: "O cine é unha celebración colectiva. Aínda que ti teñas posibilidade de ver os filmes na casa, o cine sempre foi e será un acto social, como ir ao teatro". E destaca a importancia de camiños alternativos para a distribución, coma o que abre Screenly: "O futuro vai por aí: ir máis ao concreto, ir ao teu propio público, crear o teu propio imaxinario para eses espectadores e espectadoras".

"O filme está constantemente vivo. Non dura só unha fin de semana ou dúas, como algunhas grandes producións. Leva dous anos véndose e segue aí"

"Nos últimos anos, a industria foi matando moitos cines distintos, foi matando moitos públicos", di Zarauza. "Eses públicos e ese cine para minorías estase recuperando estes días con iniciativas como Numax e vémolo cada ano nas salas ateigadas de Cineuropa. Ese público parece que é invisible, que non existe, pero está aí", salienta. O éxito de Encallados tamén o demostra: "O filme está constantemente vivo. Non dura só unha fin de semana ou dúas, como algunhas grandes producións. Leva dous anos véndose e segue aí". Encallados atopou en Screenly un perfecto aliado para a súa vontade de experimentar con camiños distintos para a súa distribución. "É un filme que sempre buscou o seu camiño, un camiño particular, nada estandarizado. Todo o que facemos por Encallados non o facemos tanto por negocio, senón que o facemos como reto e como ilusión. Queremos abrir novos camiños", destaca.

Proxección expansiva no aniversario do Prestige

Dentro deses "novos camiños" dos que fala Zarauza, este venres Encallados incorporará unha nova proposta. Coincidindo co 13º aniversario da catástrofe do Prestige, o filme levará a cabo unha proxección pública en Compostela (Unitaria, Calzada de San Pedro, s/n). Será a partir das 20.30 horas, nun evento no que participará o equipo da película e no que tamén se presentará a novela gráfica que Marcos Vigo realizou a partir do filme. O evento será retransmitido a través de Periscope.

O equipo de Encallados convida a todas as persoas interesadas a ver o filme nas súas casas, á mesma hora que se leva a cabo a proxección en Compostela, e a comentalo nas redes sociais

Pero, ademais, dende este venres Encallados poderá verse online. E os responsables da produción propoñen neste senso unha proxección expansiva do filme, a xeito de "celebración colectiva", convidando a todas as persoas interesadas a ver o filme nas súas casas, á mesma hora que se leva a cabo a proxección en Compostela, e a comentalo nas redes sociais a través do hashtag #EncalladosNaCasa.

"Queremos que o evento sexa un chamamento moi específico aos galegos e galegas que viven fóra. A celebración de que aínda que esteamos repartidos por aí, hai cousas que nos poden conectar"

"Con isto pechamos o ciclo de distribución alternativa", destaca María Yáñez. Zarauza matiza que "estou seguro de que non vai ser o final, porque cada vez que dicimos iso, aparécennos novas oportunidades. Pero posiblemente agora si que a freemos un pouco, porque temos que centrarnos en novos proxectos".

"É un experimento, un máis. Con esta peli levamos experimentando dende o principio", di María Yáñez. "Queremos que o evento sexa un chamamento moi específico aos galegos e galegas que viven fóra. A celebración de que aínda que esteamos repartidos por aí, hai cousas que nos poden conectar", engade.

Na porta de NUMAX Dominio Público Numax
Rodaxe de 'Encallados' © Zircozine
Fotograma de 'No estamos solos' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.