O evento presentou este martes a programación da súa oitava edición, que se celebrará do 6 ao 10 de xullo en diversos espazos de Monforte de Lemos, Sober e A Pobra do Brollón
Dende hai oito anos vén celebrándose en Monforte de Lemos o FanCine de Lemos, o festival de cine fantástico da Ribeira Sacra. O evento presentou este martes a programación da súa oitava edición, que se celebrará do 6 ao 10 de xullo en diversos espazos de Monforte de Lemos, Sober e A Pobra do Brollón. “O FanCine de Lemos segue a medrar e a posicionarse como festival de cine fantástico de referencia,” destaca o director do festival, Iván Patiño, que sinala que esta edición "conecta con novas audiencias" e continúa a "tender redes no territorio”.
En Monforte de Lemos, programarase ao aire libre no Parque dos Condes, e mais na Casa da Cultura Lois Pereiro e no Ateneo Casino. Máis alá de Monforte, o festival volve celebrar a gala de clausura no fermoso emprazamento da Adega Algueira en Sober. Ademais, esta edición incorpora un novo espazo singular: as adegas medievais de Vilachá, na Pobra do Brollón. A totalidade da programación do FanCine de Lemos é de balde.
Cine e videoxogos
Compiten 27 curtametraxes nacionais e internacionais, ademais de 9 proxeccións fóra de concurso, nunha programación que este ano empresta unha atención singular á relación entre cine e videoxogos
En total, compiten 27 curtametraxes nacionais e internacionais (seleccionadas de entre os 150 traballos enviados e que competirán polos premios do público e do xurado), ademais de 9 proxeccións fóra de concurso, nunha programación que este ano empresta unha atención singular á relación entre cine e videoxogos. A organización puxo o foco en dúas importantes efemérides que se celebran neste 2022: o 20 aniversario da película Resident Evil e o 40 aniversario de Tron.
O FanCine aliouse co Museo dos Videoxogos de Galicia (MUVI), que levará a Monforte unha exposición interactiva para explorar a simbiose entre o mundo do cine e dos videoxogos. Haberá ademais dúas clases maxistrais sobre videoxogos. Na primeira, a música e compositora de bandas sonoras Isabel Fernández falará sobre o papel da música e o deseño do son en videoxogos. Outra clase maxistral será a cargo de Gato Studio, compañía galega de referencia no sector, creadores do popular xogo inspirado na mitoloxía celta The Waylanders. No FanCine estarán presentes outros expertos e xornalistas especializados como Uroloki e Carlos Pereiro, que participarán nunha mesa redonda.
A programación
O país convidado nesta edición será México, cunha "especial atención" a Andrés Kaiser
O país convidado nesta edición será México. O FanCine de Lemos estreará en España Feral (Andrés Kaiser), unha longametraxe que explora o máis escuro do ser humano. Amosaranse ademais en formato curtametraxe as novas voces do terror mexicano a través dos “catro malditos”: Marcos Muñoz (Salpicón), Carlos Meléndez (Hambre), Juan Medina (Tio) e Carlos Matienzo (Tekenchu). “O Fancine de Lemos segue na procura da vangarda mundial do cine de terror, no que México é referente,” afirma Alejandro García (Rufo), un dos responsables de programación do festival, que emprestará unha "especial atención" a Andrés Kaiser.
Proxectaranse Malencolía, de Alfonso Zarauza, e Jacinto, de Javi Camino
Fóra de concurso, proxectaranse dúas longas mostra do prestixio e calidade dos que goza o audiovisual galego. Malencolía, de Alfonso Zarauza, e Jacinto, do compostelán Javi Camino, unha proxección de especial relevancia por estar protagonizado polo actor Pedro Brandariz, falecido neste 2022 e "amigo e colaborador do FanCine de Lemos".
No FanCine atoparanse varias xeracións de cinéfilos
No FanCine atoparanse varias xeracións de cinéfilos, comezando pola época dos VHS, cunha mesa redonda liderada por Xavi Pons, na que se falará sobre o rol dos videoclubs na formación de amantes da sétima arte. Ademais, haberá un espazo dedicado ao FantaFesti, un espazo de cinema amateur orientado a promover o talento local en colaboración con colexios monfortinos. Celebrarase un acto para celebrar esta iniciativa, no que se proxectarán algunhas das curtas feitas ao longo dos 8 anos que leva en activo.