O cinema de aquí navega: 10 filmes galegos no Play-Doc

Unha das edicións anteriores do Play-Doc © Play-Doc

O Festival Internacional de Documentais Play-Doc, que se celebrará en Tui do 13 ao 17 de abril, amosará un ano máis a calidade crecente dos realizadores e realizadoras galegas. A No Cow on the Ice (Eloy Domínguez Serén), que competirá con outros catro títulos na sección oficial, únense as nove películas da Sección Galicia, na que destaca a crecente presenza e impacto internacional dos seus autores e autoras.

Entre os títulos, destaca a estrea española de Tout le monde aime le bord de la mer, debut de Keina Espiñeira sobre un grupo de inmigrantes que intentan cruzar a España polo estreito de Xibraltar, nunha sorte de limbo xeográfico e espiritual na zona de Ceuta e Melilla. A cinta convenceu á crítica na súa recente estrea internacional en Róterdam, onde o xurado a seleccionou como finalista para os Premios do Cinema Europeo (EFA). Tamén estrea, e mundial, é Freedom to Kill the Others' Children, de David Varela. O filme reflexiona sobre o conflito palestino-israelí en torno a un caso concreto de intercambio de prisioneiros.

Destaca a estrea española de Tout le monde aime le bord de la mer, debut de Keina Espiñeira sobre un grupo de inmigrantes que intentan cruzar a España polo estreito de Xibraltar

As cuestións de identidade política e cultural semellan marcar a axenda dos directores galegos este ano. Alberte Lobelle tamén dá o salto internacional con Den Pobedy, sobre o Día da Vitoria nas repúblicas ex-soviéticas. O filme é respectuoso con documentos recuperados do pasado, ao tempo que apunta unha interesante lectura sobre o sentimento patriótico e as súas consecuencias no actual conflito en Ucraína. A obra foi ben recibida no circuíto mundial de festivais, con estrea en FIDMarsella. Outro internacional é Iván Castiñeiras, xa presente en Play-Doc en 2014 con A Raia. En Où est la jungle?, producida no prestixioso centro francés Le Fresnoy, o autor trasládanos ao Amazonas para indagar sobre o impacto do home branco nas tribos indíxenas do lugar.

Cada vez é máis habitual que o cinema galego se exporte en citas de prestixio. Xacio Baño estreou o seu Eco, filme intimista sobre uns diarios maternos atopados nunha mudanza, en Locarno; e Helena Girón e Samuel M. Delgado fixeron o propio con Sin Dios ni Santa María en Toronto, un filme sobre a bruxería que se converteu na curta revelación española do ano, con seleccións e premios en todo o mundo. A esta internacionalización, neste caso da cultura galega, contribúe Contrafaces, de Fon Cortizo. Os protagonistas do filme son literatos estranxeiros que, por diversos motivos, decidiron escribir poesía en galego, como Erin Moure ou Elías Knorr. A arte centra tamén A imaxe reb/velada, de Andrea Vázquez. En concreto, a fotografía. Este é o retrato de Baldo Pestana, importante fotógrafo galego emigrado en varios países de Sudamérica e en París que, xa nonaxenario, decidiu volver á aldea galega da súa familia para pasar os seus últimos días.

Os días afogados, de César Souto e Luis Avilés, abrirá a selección na xornada de inauguración do festival

O último filme na sección, Os días afogados, de César Souto e Luis Avilés, abrirá a selección na xornada de inauguración do festival. A cinta pecha este círculo en torno á identidade e a resistencia política. Retomando imaxes gravadas nos últimos días da vila de Aceredo (Ourense) a inicios dos noventa, sobre a loita dos veciños, na súa oposición á construción do embalse de Lindoso, polo cal a vila ficou anegada; os directores volven ao lugar dos feitos, que emerxe de entre as augas anos despois, para revivir ese suceso e reflexionar sobre a memoria da localidade.

 

No cow on the ice

A estes nove filmes únese, na sección oficial, sección oficial Eloy Domínguez Serén, varias veces seleccionado no programa non competitivo Galicia. No seu novo traballo, No Cow on the Ice (Non hai vacas sobre o xeo), o autor conta as súas vivencias como emigrante en Suecia, sobrevivindo con varios traballos alimenticios, mentres documenta todo para a súa película. Os sentimentos dunha xeración que debeu emigrar pola dura situación económica en España quedan ben representados, nunha película na que moitos mozos españois se verán identificados.

A mesa de debate que se organiza en cada edición xirará en torno ao Cinema da diáspora e a identidade galega

A mesa de debate que se organiza en cada edición xirará en torno ao Cinema da diáspora e a identidade galega. Estará coordinada pola xornalista especializada en cultura Montse Dopico, e nela participarán os directores Fon Cortizo, Eloy Domínguez Serén e Andrea Vázquez. Todos eles, dende as súas propias experiencias e obra, tentarán definir como o cinema galego presente se está a preocupar por estas cuestións e como as representa.

Où est la jungle?, de Iván Castiñeiras © Play-Doc
'Tout le monde aime le bord de la mer', de Keina Espiñeira © Play-Doc
Un fotograma de 'No Cow on the Ice' © Play-Doc

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.