O Concello da Coruña, obrigado a readmitir a Silvia Longueira como directora da Fundación Seoane

Silvia Longueira © barriodelventorrillo.blogspot.com

O Concello da Coruña terá que readmitir a Silvia Longueira como directora da Fundación Luís Seoane, por mor da sentenza que vén de facer público o Xulgado do Social nº1. O pasado mes de outubro o Goberno municipal destituíra a Longueira, concelleira do PSdeG-PSOE, argumentando que quería darlle "un novo impulso" á institución. En consecuencia, o 23 de outubro varios artistas retiraron as súas obras da Fundación Luís Seoane en protesta pola destitución da directora, entre eles Francisco Pillado.

Porén, Longueira, que tiña un contrato indefinido ao que accedera grazas a un concurso aberto, presentou unha demanda por despedimento improcedente, sinalando que este se debía a "motivos políticos", pois Ana Fernández, concelleira de Cultura, "non podía consentir a permanencia dun rival político nun posto de dirección e de releavancia mediática". Ademais, a acusación argumentaba que o despedimento non seguira o procedemento axeitado, que obrigaba a comunicar a decisión e reunir os membros do Padroado da Fundación.

A sentenza aceptou como probas válidas estas gravacións, realizadas pola propia Longueira, desestimando as protestas da Defensa e a súa argumentación de que se violara o dereito á intimidade da concelleira de Cultura

No xuízo, celebrado o pasado mes de abril, saíron á luz gravacións nas que a Fernández sinalaba que Longueira debía elixir "entre a fundación e a súa profesión política". Noutra das gravacións un dos patróns da Fundación explica as razóns do despedimento deste xeito: "Eles queren botarte, está clarísimo Din que polas mañás os putesas e que polas tardes estás ás súas ordes". A sentenza aceptou como probas válidas estas gravacións, realizadas pola propia Longueira, desestimando as protestas da Defensa e a súa argumentación de que se violara o dereito á intimidade da concelleira de Cultura. O fallo desestimou, ademais, todos os motivos (de mala xestión, ou de deficiente conservación do patrimonio da Fundación) cos que o Concello xustificou o seu despedimento.

Longueira dirixiu a Fundación entre 2004 e 2007, momento no que pediu unha excedencia para ser concelleira de Servizos Sociais no Goberno de Javier Losada. En 2011, tras as eleccións, Longueira solicitou a súa reincorporación á Luís Seoane, que se fixo efectiva o 11 de xuño. Na presente lexislatura, ocupa un posto de edil nas bancadas da oposición con dedicación a tempo parcial. A sentenza obriga a readmitir a Longueira como directora "nas mesmas condicións", o que deixa no aire a continuidade como máximo responsable da institución de David Barro, nomeado o pasado mes de febreiro. O fallo tamén impón o pagamento dunha indemnización de 5.000 euros, máis 112,37 euros por cada un dos días que pasaron dende a destitución.

Silvia Longueira © barriodelventorrillo.blogspot.com
Fachada da Fundación Luís Seoane Dominio Público Fundación Luís Seoane

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.