"A idea da mercantilización das relacións sociais e do mundo que nos rodea en xeral é algo que me interesa e sobre o que estou a traballar tamén noutros proxectos", conta a directora de 'Rent-a-pal' Irene Pin
Esta semana nas redes sociais da TVG apareceron unhas publicacións que espertaron a incredulidade de moitas persoas ao falar dunha suposta aplicación chamada ‘Rent-a-pal’, que poderiamos traducir como ‘Aluga un amigo’. Pero de que se trata todo isto? A responsable é a creadora audiovisual Irene Pin (Lugo, 1995), que nos propón reflexionar sobre como nos relacionamos na sociedade actual. Rent-a-pal é unha webserie producida por Aqueladas para a Televisión de Galicia que xa se pode ver na plataforma de contidos dixitais AGalega. A lucense xa sorprendeu coa serie web interactiva Amnesia 3.0 e agora está inmersa noutro proxecto do que aínda non pode desvelar nada, mentres segue a traballar na que será a súa primeira longametraxe. Con Rent-a-pal converteuse na primeira galega en gañar o premio á Mellor dirección no festival Carballo Interplay.
O que te moveu a escribir o guión da serie foi sentir que na actualidade estamos en venda mesmo como persoas?
Si, totalmente. A idea da mercantilización das relacións sociais e do mundo que nos rodea en xeral é algo que me interesa e sobre o que estou a traballar tamén noutros proxectos. Xurdiu esta maneira de materializalo nunha serie a partir de coñecer que existen realmente este tipo de axencias que se dedican a alugar amizades. Cando o vin nunha nova resultoume súper heavy e, sen ter unha vontade de indagar niso desde un punto de vista documental, si que me pareceu moi representativo ou evocador deste mundo no que vivimos, no que todo está en venda, ata a amizade, que é como esa cousa pura que non debera estalo...
Na serie deixas claro que a protagonista sabe como é unha verdadeira amizade, o que pasa é que por momentos precisa case esquecelo para continuar coa súa vida, non?
Hai un xogo moi interesante entre a máscara que se pon para traballar e quen é ela. En todos os capítulos hai un momento no que parece que a máscara vai caer, sexa para ben ou para mal. Traballamos moito este concepto dende a dirección de fotografía e a realización, segundo como nos colocabamos en relación coas personaxes. Sempre hai unha máscara e unha representación moi clara no inicio, pero en determinados momentos semella que vai rachar. Para a protagonista é difícil colocarse nun traballo no que ten que finxir todo o tempo e no que as cousas que lle din, ao final, tamén lle poden chegar a afectar. Somos persoas e empatizamos, nese mundo no que todo está en venda seguimos a ser seres humanos. Resúltame moi interesante como esas dúas realidades conviven na nosa vida diaria, non sucede só neste universo de ficción.
"Persoa realmente significa máscara. Todos nos configuramos, cando temos unha relación, cunha máscara"
Aí é onde a historia quizá resulta máis crúa, pois ao final todas poñemos unha máscara para ir traballar.
Si, para ir traballar e para vivir. Persoa realmente significa máscara. Todos nos configuramos, cando temos unha relación, cunha máscara. Coas amizades esa máscara debera achegarse máis ao que somos, pero é certo que especialmente na sociedade actual vivimos con moitas máscaras. Xa non só as do traballo e as das relacións mercantís ou económicas, senón tamén as das redes sociais e como nos presentamos ao mundo.
O equipo da serie captou ben a mensaxe que querías transmitir? Repites coa actriz Sara Ferro, coa que xa traballaches na serie web Amnesia 3.0 e mais na curtametraxe Somos cárcere.
Coñecémonos hai tempo e xa nos entendemos bastante ben. Ademais creo que os actores viven moito nese sistema no que teñen que usar moitas máscaras e a mercantilización aféctalles directamente á súa persoa. Ao final, agora véndese unha ‘marca persoal’ aínda que cambies cando interpretas en cada momento, vas labrando o teu selo como actor. Nese sentido, penso que é unha profesión que se presta moito a empatizar con este tipo de traballo. Ademais, os actores moitas veces atravesan etapas de moita precariedade entre un traballo e outro e ese é o punto de partida que ten a protagonista a nivel vital nesta historia. Non se conta directamente na serie, faise máis nos contidos transmedia que ten asociados, pero a protagonista vén de estar no paro, por iso acepta este traballo. Somos da mesma xeración e agora mesmo isto é algo xeracional para a xente da miña idade e da de Sara.
"Para min sería moi difícil non empatizar con esas persoas, aínda que saibas que esa amizade é unha falsidade"
Mentres estabas escribindo o guión de Rent-a-pal preguntácheste se ti aceptarías ese traballo que colle a protagonista?
Eu teño moi claro que non o aceptaría, pero cando estás escribindo tes que facer o exercicio de colocarte noutra pel. Intentei colocarme na pel de aceptalo, pero creo que me custaría moito, que é o que lle pasa á protagonista, que ten moito de min. Para min sería moi difícil non empatizar con esas persoas, aínda que saibas que esa amizade é unha falsidade. Tamén vén da dúbida esta escrita, que empurra a unha persoa a poder buscar a compaña a través desta fórmula mercantilizada? É unha investigación, como digo, sen moita base documental; é máis ben un exercicio de imaxinación e formular ese dilemas que poden xurdir.
É máis unha reflexión de tipo sociolóxico ou filosófico.
Si, claro. O concepto do alugueiro de amigos sérvenos de punto de partida para analizar cousas que, poñéndoas no foco dunha maneira esaxerada, están no noso día a día. Desta maneira, creo que é fácil empatizar co que lle pasa á protagonista con estas persoas porque ten que facer que é amiga dos seus xefes, que é algo que nos pode pasar a todas na vida real.
"De entrada se non sabes moi ben de que vai a serie, semella unha cita normal, non sabes se amorosa ou de colegas... ata que te vas decatando de que aí hai algo raro"
No primeiro capítulo introduces a violencia machista cun enfoque moi interesante porque se consegue ver esa violencia que ás veces chamamos “invisible” e que non require nin de contacto físico entre agresor e vítima. Entendo que abordas este tema a propósito no inicio da serie.
Si, porque tamén nos permite contar moi ben como nos metemos no universo da serie. De entrada se non sabes moi ben de que vai a serie, semella unha cita normal, non sabes se amorosa ou de colegas... ata que te vas decatando de que aí hai algo raro. Era moi complexo atopar o equilibrio para non pasarse, foi algo que traballamos moito a nivel actoral. Pero aproveitamos para meternos de cheo nesa incomodidade máxima que experimenta a protagonista, que parte da experiencia real de moitas persoas do xénero feminino.
Como é moi difícil transmitir esa experiencia a quen non a viviu, resultaría tamén bo levala aos institutos ou poder facer coloquios. Pensaches en facelo?
A serie estará en aberto na plataforma da TVG AGalega, así que entendo que non haberá problema para poñela en centros de ensino se o profesorado quere. Eu xa teño traballado con outros proxectos en Educación, pero de momento non é algo no que pensamos. En realidade, o interesante de contar historias é que lle cheguen á sociedade, que provoquen debate e nos fagan pensar. Escribimos ou facemos proxectos deste tipo para iso, así que sería moi bonito que tivese esa saída.
Na idea inicial da serie web os capítulos eran máis longos, pero apostaches por reducilos ata os nove minutos para facilitar a produción. Iso non complica moito para contar a historia ao ter que condensalo todo moito?
A nivel narrativo é un desafío porque tes menos tempo para presentar o conflito. Son conflitos que van a temas moi fondos e hai que enuncialos e desenvolvelos en moi poucas páxinas, a partir fundamentalmente do diálogo e o subtexto, porque non son capítulos de moita acción e teñen poucas localizacións. Para min foi un exercicio con moito de depuración que resultou moi interesante a nivel de escrita.
E, á vez, segues co proxecto do guión da túa primeira longametraxe, Terás que saltar?
Si, sigo en fase de desenvolvemento nese eterno ciclo de reescribir e descubrir cal é a historia que queremos contar. Estou traballando nisto con Cósmica Producións. A peli vai en bastante medida tamén da mercantilización das relacións humanas, pero desde outra perspectiva. Hai un salto que é un salto de conciencia que leva á protagonista a ver as cousas doutra maneira. Espero que algún día se chegue a facer.
"Foi moi bonito poder ver a serie proxectada en pantalla grande alí en Carballo e compartilo coa xente. Os proxectos non se pechan ata que chegan ao público"
Con Rent-a-pal vés de gañar o premio á Mellor dirección no Carballo Interplay, que tal a experiencia no festival?
Para min ir o Interplay é sempre como volver a casa dalgunha maneira. É un festival co que teño relación dende hai uns cantos anos e sinto que a nivel persoal e profesional me animou moito a seguir creando contido. Creo que se non existisen iniciativas coma esta eu tería deixado de crear hai moito tempo porque as que traballamos directamente para internet tampouco teríamos un espazo para mostrar o que facemos. Ademais, o premio ao proxecto axuda a quen está a comezar e para nós levalo con Amnesia 3.0 supuxo unha fonte de apoio moi forte tanto no persoal como no profesional. A min deume moita confianza e seguridade en min mesma. Foi moi bonito poder ver a serie proxectada en pantalla grande alí en Carballo e compartilo coa xente. Isto xa o entregamos hai seis meses e pensaba que estaba acabado, pero realmente os proxectos non se pechan ata que chegan ao público. O mellor que che poden dicir é que a serie lles fixo pensar, a ver se nos fai reflexionar un pouco sobre como nos relacionamos cos demais.
Consideras que a xente de xeracións máis vellas vai entender a serie da mesma maneira que a da túa?
Supoño que igual igual non, pero penso que haberá puntos de conexión. Xa na rodaxe vimos que os actores doutras xeracións entendían o guión de forma un pouco diferente.