Irene Pin, Prado Rúa e O Faiado triunfan no Carballo Interplay

Finalistas do Premio ao Mellor Contido Dixital Galego © Carballo Interplay

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay entregou este domingo os premios da súa undécima edición. O Mercado de Carballo, no corazón da vila, pechou a actividades dunha intensa semana na que destacou o recoñecemento ao talento galego emerxente no ámbito audiovisual e dixital

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay entregou este domingo os premios da súa undécima edición. O Mercado de Carballo, no corazón da vila, pechou a actividades dunha intensa semana na que destacou o recoñecemento ao talento galego emerxente no ámbito audiovisual e dixital.

O xurado entregou o premio á Mellor Serie a Historia Mal, dirixida polo andaluz Daniel Cervantes, unha obra de animación coa que lle dan unha volta á historia ou como sinalan os autores, “con máis improvisación que historia”. Esta historia “divertida, intelixente e estrafalaria” demostra que “os cartos non son problema cando se ten talento e coñecemento”. A serie conquistou tamén ao público, que cos seus votos lle concedeu o Premio do Público. A webserie Bananas, enviada dende República Checa, recibiu unha mención especial por parte do xurado. 

Apertura do Carballo Interplay © CIP

Por primeira vez na historia do festival un proxecto galego acadou o premio a Mellor Dirección. A lucense Irene Pin levou o galardón coa súa webserie Rent-a-pal

Por primeira vez na historia do festival un proxecto galego acadou o premio a Mellor Dirección. A lucense Irene Pin levou o galardón coa súa webserie Rent-a-pal, que conta a experiencia de Andrea, unha rapaza que comeza a traballar nun negocio moi singular, unha empresa de alugueiro de amigos. O xurado, formado pola curadora de contido dixital Ainhoa Marzol, o cineasta Joel Bassaget e o artista Fran Rodríguez Casal, destacou a “resistencia a adaptarse a unha estructura narrativa fácil e coñecida para tomarse o seu tempo e peitear coidadosamente os anacos contemporáneos da vida”. 

No caso do Premio a Mellor Proxecto de Contido Dixital en Galego, os gañadores foron o equipo da serie “Delirio Sketch”, co seu proxecto de serie de comedia. O Carballo Interplay achegará con este recoñecemento tres mil euros destinados á produción da serie. Así mesmo, o xurado novo, formado por Afra Torrado, Daniel Valcárcel Colino, Iria Ramos Mesía e o artista Mondra, destacou a webserie china Monster Diner / 怪兽小馆, sobre monstruos agochados entre humanos.

No caso do Premio a Mellor Proxecto de Contido Dixital en Galego, os gañadores foron o equipo da serie “Delirio Sketch”

Por último, nesta edición estreouse o Premio a Mellor Creador e Canle de Contido Dixital en Galego. Dez finalistas en ambas categorías, creador ou creadora e canle, presentaron os seus proxectos ante o xurado formado por Gabri Fuentes, Cibrán Tenreiro, Andrea Villa e Marta Salicrú. 

Finalmente, a gañadora na categoría de mellor creadora foi María Rúa, coñecida en redes como Prado Rúa, pola súa “autenticidade, carisma especial” destacado a calidade lingüística do seu contido e a “rotundidade” para defender “causas que considera xustas”.

María Rúa © CIP

 A gañadora na categoría de mellor creadora foi María Rúa, Prado Rúa

Na categoría de mellor canle o gañador foi o videopodcast O Faiado, realizado por estudantes da Universidade de Santiago, por facer coas súas conversas e entrevistas “do local algo universal e viceversa” e o dominio da comunicación en redes sociais. Podes ler aquí a entrevista que lle fixemos a María Rúa en Vinte, na que se recoñecía como influencer e destacaba que "hai moita xente nova que me escribe para dicirme que se está animando a falar máis galego grazas aos meus vídeos e a min esas cousas énchenme de forza".

Na categoría de mellor canle o gañador foi o videopodcast O Faiado

Antes da entrega dos galardóns, presentada polo dúo cómico Izquierdo Sisters, puido verse o show CFA. Lasamigas Productions da man de Carolina Iglesias e Laura Márquez, no que repasaron os seus referentes e inspiracións do mundo audiovisual e dixital

 

No caso do Premio a Mellor Proxecto de Contido Dixital en Galego, os gañadores foron o equipo da serie “Delirio Sketch” © CIP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.