10 anos do Carballo Interplay: o festival de contidos dixitais analiza como cambiaron as redes nunha década

Final de "Petiscos no Derby" na novena edición do Carballo Interplay © CIP

O Carballo Interplay (CIP) chega aos dez anos. O festival de contidos dixitais celebrará a súa primeira década de existencia cunha edición, do 29 de marzo ao 1 de abril, que unha vez máis achega unha coidada selección das voces máis potentes da cultura, o activismo e o humor da Internet do Estado. A programación defínese pola súa variedade, pero en conxunto buscará facer balance (e homenaxe) destes dez anos, analizando como cambiaron as redes na última década e facendo fincapé "nos proxectos que empregan a rede como unha ferramenta para mellorar o mundo e sobre todo aquelas propostas que apoian a cultura e o activismo".

O festival de contidos dixitais celebrará a súa primeira década de existencia cunha edición, do 29 de marzo ao 1 de abril, que unha vez máis achega unha coidada selección das voces máis potentes da cultura, o activismo e o humor da Internet do Estado

"Carballo convértese na capital das webseries. Desde hoxe e até o vindeiro domingo, a localidade acollerá o Carballo Interplay, o primeiro festival dedicado a este innovador formato no Estado", escribiamos en Praza.gal en abril de 2014, xusto antes de dar comezo a primeira edición do CIP, un momento no que Sonia Méndez, directora do festival, destacaba "cando nós empezamos con isto, en Galicia case non había nada. Entramos en contacto con novas formas artísticas e de produción, a usar as redes sociais e internet... Non o buscabamos, pero acabamos aquí".

Unha vez máis, a principal motivación será reivindicar a creación de contidos dixitais dende Galicia e en galego, xa sexa en redes sociais coma Twitter, Youtube, Twitch ou Tiktok, no eido audiovisual ou en formato podcast

O programa completo está xa dispoñible na web, onde xa se poden adquirir as entradas para as actividades de forma gratuíta. Durante catro días a Costa da Morte e Carballo converteranse un ano máis nun referente internacional no ámbito da cultura dixital e das creacións máis novas. Unha aposta de futuro que hai tempo que xa é presente.

Unha vez máis, a principal motivación será reivindicar a creación de contidos dixitais dende Galicia e en galego, xa sexa en redes sociais coma Twitter, Youtube, Twitch ou Tiktok, no eido audiovisual ou en formato podcast. Nesta ocasión, os contidos galegos protagonizarán as xornadas do mércores 29 e o xoves 30 de marzo, que contarán con actividades coma a gravación en directo do podcast “Petiscos no Derby”, a estrea do talk show “Dando a turra”, o repaso á historia da internet galega con María Yañez en “O outro lado da pantalla”. 

16 webseries de todo o mundo compiten na sección oficial, unha coidada peneira a partir das 200 propostas recibidas; tres galegas e en galego, unha do resto do Estado e 12 do resto do planeta, con producións de Bélxica, Australia, República Checa, Moldavia, Arxentina, Chile, Rusia, Canadá ou Brasil.

“Dando a turra” é un talkshow creado por Belén Puime e Uxía Vázquez, con convidadas sorpresa. A intención deste programa é falar con distintas personalidades da mocidade galega sobre un futuro adulto que cada vez está máis cerca, así coma intentar dar resposta a preguntas como: "como vai afrontar esta xeración ser adultos funcionais?", "que cambios debería haber no eido laboral?" ou "é a xeración z unha xeración de cristal?".

“O outro lado da pantalla” será un repaso a como chegaron as primeiras conexións nos años 90, as primeiras webs en galego, os primeiros medios dixitais e as primeiras plataformas sociais de contido, que naceron dende abaixo, colectivamente, e con dúas motivacións principais, a lúdica e a activista. 

Ademais estrearase en exclusiva a serie web en galego gañadora na anterior edición, Mentres non chova, unha obra creada por Carla Mojón, Xiana Rei Martiz e Luiza Velizarova. A webserie trata unha realidade distópica na que un malvado empresario busca instalar unha cúpula xigantesca que protexa toda Galicia da chuvia, para así aumentar os seus beneficios económicos. 

As webseries divídense en tres bloques: “Movidas Humanas”, “Movidas antes dos 30” e “Movidas despois dos 30”. Ademais, haberá un cuarto bloque chamado Series Golfas no que se fará un repaso das 8 series máis 'gamberras' proxectadas no Interplay ao longo dos seus dez anos de historia

O festival non perde a súa esencia inicial como certame, escaparate e propulsor de webseries. 16 webseries de todo o mundo compiten na sección oficial, unha coidada peneira a partir das 200 propostas recibidas; tres galegas e en galego, unha do resto do Estado e 12 do resto do planeta, con producións de Bélxica, Australia, República Checa, Moldavia, Arxentina, Chile, Rusia, Canadá ou Brasil. 

As webseries finalistas divídense en tres bloques distintos en base á súa temática e os seus protagonistas: “Movidas Humanas”, “Movidas antes dos 30” e “Movidas despois dos 30”. Ademais, este ano haberá un cuarto bloque chamado Series Golfas no que se fará un repaso das 8 series máis 'gamberras' proxectadas no Carballo Interplay ao longo dos seus dez anos de historia. A diferencia do resto, este bloque proxectarase no Casino 1889 de Carballo, para facer a experiencia máis amena e informal.

O panel de debate 'Amiga, yo te cuento' quere poñer o foco no traballo das persoas que utilizan a rede para ensinar outras realidades ou facer do mundo online un espazo máis habitable dende o humor, a divulgación e os memes

En total, daranse 5.800 euros en premios entre os cales están o premio a Mellor serie de 800 euros, Mellor serie versión orixinal en galego, tamén de 800 euros, Mellor guión e Mellor dirección, ambos de 200 euros. Ademais, o público decidirá cos seus votos entre todas elas un premio de 400 euros e un xurado novo entregará outro premio de 400 euros. 

Os 3.000 euros restantes recibiraos quen gañe o premio a mellor proxecto de webserie en galego, para o cal este ano chegaron 12 candidatas, un número superior ao de outras edicións que consolida ao Carballo Interplay como epicentro de creación audiovisual galega e reflicte o interese de crear por parte das novas xeracións. Algunhas das series que gañaron outras edicións son Mentres non chova (2022), Pringadas (2021) ou Cacola (2020). Dos 12 proxectos serán seleccionados 4 para realizar un pitching presencial que determinará quen recibe esa axuda económica e que webserie se presentará na próxima edición do festival.

Cartel do panel 'Amiga, yo te cuento', con Excómplice/Culomala, Estela Ortiz e Proyecto Una © CIP

A Zona PRO do Carballo Interplay falará das industrias detrás do podcast, as redes sociais e os medios públicos e analizará como cambiou o xeito de comunicar en internet nos últimos 10 anos

Un dos pratos fortes deste Carballo Interplay será o show “Rajando con… Tomàs Fuentes e Laura Marquez”, o venres 31 ás 22.30 horas no Pazo da Cultura de Carballo. Para quen prefira o formato podcast, un ano máis o festival conta coa gravación en directo de un dos podcasts máis escoitados de Radio Primavera Sound, DENTRO, o venres 31 ás 18.30 horas.

Ademais, o panel de debate 'Amiga, yo te cuento' quere poñer o foco no traballo das persoas que utilizan a rede para ensinar outras realidades ou facer do mundo online un espazo máis habitable dende o humor, a divulgación e os memes. Este ano virán a falar do tema Excómplice/Culomala, Estela Ortiz e Proyecto Una. Será o 1 de abril ás 11.30 horas.

O festival rematará coa súa xa habitual Entrega de premios. Será o sábado 1 de abril, ás 21 horas, momento no que Sandra Lesta e Xúlio Abonjo presentarán “Calquera tempo pasado foi anterior”, un repaso polos momentos máis estelares da historia do festival,

Finalmente, a Zona PRO do Carballo Interplay, que terá lugar o venres 31 de marzo pola mañá no Pazo da Cultura de Carballo, falará das industrias detrás do podcast, as redes sociais e os medios públicos e analizará como cambiou o xeito de comunicar en internet nos últimos 10 anos.

O festival rematará coa súa xa habitual Entrega de premios, na que se dirá quen son as gañadoras do Certame de series e o Concurso de proxectos de serie web en galego. Este ano a gala será especialmente importante por tratarse da décima edición do festival. Será o sábado 1 de abril, ás 21 horas, momento no que Sandra Lesta e Xúlio Abonjo presentarán “Calquera tempo pasado foi anterior”, un repaso polos momentos máis estelares da historia do festival, coa participación de múltiples amizades que xa forman parte da historia do Carballo Interplay, amenizado con música do Dj Ninguén de ningures. 

Cartel da décima edición do Carballo Interplay © CIP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.