Marcos Pérez Pena

Unha ducia de momentazos dos nove anos do festival Carballo Interplay

Este mércores comezou a novena edición do festival de contidos dixitais que dende o ano 2014 converte Carballo nunha das capitais mundiais da creatividade máis nova. Nestes nove anos centos de producións pasaron polo certame, que acolleu debates, presentacións e obradoiros das propostas máis avanzadas, consolidando a cita a nivel internacional. Velaquí algúns deses momentos.

  1. 01

    Unha ollada aos inicios

    O Carballo Interplay non é moito de mirar cara ao pasado, pero nesta edición comezará a facelo coa celebración do décimo aniversario do nacemento dunha das primeiras webseries galegas e unha das máis icónicas, Angélica e Roberta, e coa emisión do capítulo especial gravado para a ocasión. Precisamente Angélica e Roberta foron as encargadas de promocionar a primeira edición do certame, aló polo 2014. 

    "Cando nós empezamos con isto, en Galicia case non había nada. Entramos en contacto con novas formas artísticas e de produción, a usar as redes sociais e internet... Non o buscabamos, pero acabamos aquí", destacaba nese momento en conversa con Praza.gal  Sonia Méndez, directora do festival e protagonista da serie xunto con Sandra Lesta.

  2. 02

    Así foi aquela primeira edición

    A primeira edición do Carballo Interplay xa contiña todos os sinais de identidade que marcaron dende entón o festival de contidos dixitais: webseries, encontros profesionais, obradoiros e masterclass, concertos, risas e moita festa. Xosé Barato, Xúlio Abonjo ou Yolanda Muíños foron algunhas das estrelas daquel ano, na que Unicornibot puxeron a música.

  3. 03

    Poetarras, gañadores da primeira edición

    Nesa primeira edición 'Poetarras' foi premiada como mellor webserie en galego. Os sketches do "colectivo arterrorístico" formado Manuel Gago, Rubén Lino Mandado e Daniel Vilaverde acadaron unha gran popularidade nese tempo no que nacía o fenómeno das webseries, pero un dos seus grandes éxitos chegou a través desta canción dedicada a Alberto Núñez Feijóo, tan de actualidade no seu adeus á Xunta.

  4. 05

    Un código fonte de cultura audiovisual

    O Interplay sempre foi máis que un concurso de webseries. Foi un espazo de encontro e tamén de debate. Un dos contidos máis interesantes das primeiras edicións era o Código Fonte Audiovisual, un espazo a cabalo entre unha conferencia e unha proxección, no que se convidaba a distintas persoas para que seleccionase e comentase pezas de vídeo referenciais para ela: o seu código fonte de cultura audiovisual. No 2015 a xornalista Belén Regueira foi unha das convidadas e aquí esxplicaba o que ía amosar en "Mulleres, homes e o audiovisual que os pariu"

  5. 06

    O primeiro premio de honra

    Na terceira edición do Carballo Interplay a webserie El Partido, de Álex Rodrigo, foi a gañadora, nunha gala na que se entregou un premio inédito, o de honra, na lembranza do humorista Pedro Reyes, recentemente falecido. O finado actor protagonizaba outra das webseries da sección oficial, Reyes for president, na que chegaba a dirixir o Goberno de España cun programa sinxelo: "honestidade brutal".

  6. 08

    Berce e fábrica do audiovisual galego

    No 2017 'Hai vida en Bran? acadou o galardón ao mellor proxecto de webserie en galego. E, polo tanto, na edición 2018 estreou en Carballo os seus primeiros capítulos. "Nas webseries contas con máis liberdade creadora: non tes que preocuparte da corrección no guión porque se vaia emitir nunha televisión xeralista. E creo que o público agradece isto", destacaba a súa directora nesta entrevista. O CIP consolidouse como "berce e fábrica" de webseries galegas, medrando en paralelo a unha nova forma de crear e de consumir audiovisual 

  7. 09

    O Campamento Kamikaze

    Unha das actividades máis interesantes nas últimas edicións é o Campamento Kamikaze, un encontro formativo no que ao longo de varias xornadas un grupo de persoas soleccionadas traballan en equipo con profesionais do mundo das series dixitais e do audiovisual para idear, gravar e postproducir un capítulo da webserie Dinosaurio.

  8. 10

    Un festival en batamanta

    O CIP adoita celebrarse nos primeiros días de abril. No ano 2020, polo tanto, as datas inicialmente previstas coincidiron co confinamento obrigado pola pandemia de COVID. O festival reprogramouse para o mes de novembro e todas as súas actividades foron online. Por primeira vez na historia do festival o público puido ver e votar a través da rede as series finalistas da Sección Oficial.

  9. 12

    Pringadas, o máis novo do audiovisual galego

    Un dos grandes momentos desta edición 2022 será a estrea dos primeiros capítulos de Pringadas, a serie protagornizada por tres compañeiras de piso -Xoana, Catu e Antía- que abren o seu diario persoal que relatar situacións que as fixeron sentir como unha "pringada". Todo, con Santiago de Compostela como escenario. O pasado ano fora premiada por "responder á necesidade de contidos en galego enfocados á xeración Z, por afondar e conectar coa súa realidade e pola liberdade dunha protesta que foxe dos estereotipos".