A primeira edición do Carballo Interplay, o primeiro festival de webseries que se celebra no Estado, premiou o serial catalán Les coses grans como mellor traballo en imaxe real e Ventura time, tamén de Catalunya, co galardón de obra de animación. Poetarras foi galardonado, pola súa banda, como a mellor webserie en galego, nunha categoría na que Palabras secretas recibiu tamén unha mención especial.
A mellor produción en galego, Poetarras, consiste en sketches dun denominado "colectivo arterrorístico" e foi creada polos galegos Manuel Gago, Rubén Lino Mandado e Daniel Vilaverde.
'Poetarras' foi premiada como mellor webserie en galego e os galegos Zahera e Abonjo como mellor actor
O Carballo Interplay pecha este domingo logo de catro días nos que 35 webseries competiron nun certame no que tamén foi premiado Entre pipas, como mellor guión, con mención especial para lavida.es. Ademais, Luís Zahera e Xúlio Abonjo recibiron o premio (ex aequo) a mellor actor polas súas interpretacións en Entre pipas, mentres que o galardón de mellor actriz recaeu en Mar Ulldemolins por Les coses grans.
Esta última obra catalá foi tamén premiada polo público, que lle outorgou o seu premio, mentres que Cálico electrónico obtivo tamén unha mención especial do xurado como mellor serie de animación. Foron máis de 5.000 euros os cartos repartidos, ademais dun agasallo deseñado polo artista plástico David Méndez. O Interplay contou tamén con moreas de actividades, entre concertos, talleres, debates e master class, unhas actividades que se pechan hoxe en Carballo.
A catalá 'Les coses grans' gañou o premio á mellor webserie en imaxe real e recibiu tamén o galardón do público
Ao tempo, na primeira edición deste pioneiro festival, presentouse unha webserie realizada polas persoas participantes nun taller que o festival puxo en marcha durante o mes de marzo en Carballo. Arredor de vinte mozas da localidade crearon Toñito, ti es especial, unha obra de cinco capítulos.
O xurado deste festival estivo formado polo director e guionista de Malviviendo, David Saínz; a directora de Produción de Diffferent Entertainment SL, Teresa Segura; o debuxante Alberto Vázquez; a guionista e realizadora Lidia Fraga; o responsable do ReTwittMad especial webseries, Félix Garrido; e o fotógrafo e cámara F. Arnoso, Pixi.