As webseries volven a Carballo no 2015

Proxeccións da sección oficial no Interplay © Forum Carballo

A pasada primavera Carballo destacou cunha iniciativa pioneira: o Carballo Interplay, naquel momento o primeiro festival en todo o Estado español dedicado a este novo formato. No 2015 a vila bergantiñá acollerá a segunda edición do certame, que terá lugar entre o 16 e o 18 de abril. Vén de abrirse o prazo para o envío de traballos a concurso, que deberán cumprir dúas simples esixencias: estar producidas entre os anos 2013 e 2015 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento de inscrición, cuxo prazo se pechará o 2 de marzo. Os episodios inscritos poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou animación, nacionais ou internacionais.

A segunda edición do Carballo Interplay contará cun total de oito categorías

A segunda edición do Carballo Interplay contará cun total de oito categorías, dotadas con ao redor de catro mil euros en premios: Mellor webserie imaxe real (800 euros e trofeo), Mellor webserie animación (800 euros e trofeo), Mellor webserie internacional (800 euros e trofeo), Mellor webserie VO galego (800 euros e trofeo), Premio do público (400 euros e trofeo), Premio AGAG mellor guión (200 euros e trofeo), Mellor actriz (trofeo) e Mellor actor (trofeo).

O xurado estará composto por diferentes profesionais do mundo das webseries, audiovisual e cultural así como de representantes de asociacións profesionais relacionadas co sector. O xurado darase a coñecer a través desta páxina web. O público asistente ás proxeccións elixirá o premio do público mediante un sistema de votación por papeletas. O premio ao mellor guión está patrocinado pola Asociación Galega de Guionistas.

As webseries producidas en Galicia poderán optar a ambos os premios (Mellor Webserie e Mellor Webserie VO Galego) segundo o criterio da organización do festival. En todo caso só poderán optar ao premio á Mellor webserie VO galego aqueles traballos cuxa versión orixinal sexa en lingua galega. A organización resérvase o dereito a deixar deserto o premio en caso de que non concorran a concurso un mínimo de tres webseries no devandito idioma. As webseries producidas fóra de España só poderán optar ao premio de Mellor webserie internacional. Os trofeos serán obras orixinais do artista plástico vigués David Méndez Alonso creadas exclusivamente para o festival.

O pasado ano o Carballo Interplay premiou a webserie catalá Les coses grans como mellor traballo en imaxe real e Ventura time, tamén de Catalunya, co galardón de obra de animación

O pasado ano o Carballo Interplay premiou a webserie catalá Les coses grans como mellor traballo en imaxe real e Ventura time, tamén de Catalunya, co galardón de obra de animación. Poetarras foi galardonado, pola súa banda, como a mellor webserie en galego, nunha categoría na que Palabras secretas recibiu tamén unha mención especial. O certame contribuíu notablemente ao desenvolvemento e consolidación en Galicia dun formato que no noso país conta con numerosos e moi recoñecidos exemplos de éxito.

Proxeccións da sección oficial no Interplay © Forum Carballo
Inauguración do Carballo Interplay © Tamara de la Fuente

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.