Unha ducia de webseries galegas premiadas nos dez anos do Carballo Interplay
O festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que está a celebrar esta semana a súa décima edición, converteuse na última década no escaparate e escola do audiovisual galego máis novo. Unha mostra témola no seu certame de webseries, polo que pasaron boa parte das producións realizadas no país neste tempo. E tamén en obras que ata chegar a Carballo non eran máis que ideas e que no CIP se fixeron co galardón ao mellor proxecto que lles permitiu gravar os seus primeiros capítulos.
-
01
Poetarras (2014)
Na primeira edición do Carballo Interplay triunfou Poetarras. Os sketches do "colectivo arterrorístico" formado Manuel Gago, Rubén Lino Mandado e Daniel Vilaverde acadaron unha gran popularidade nese tempo no que nacía o fenómeno das webseries, pero un dos seus grandes éxitos chegou a través desta canción dedicada a Alberto Núñez Feijóo.
-
02
Fame (2015)
No certame de 2015, segunda edición do CIP, Fame foi elixida mellor webserie en galego. Aínda non existía o premio a proxectos de webserie en galego, pero o festival xa funcionaba como escola e escaparate do audiovisual galego máis novo
-
03
Peter Brandon (2016)
Este galardón ao mellor proxecto de webserie en galego naceu na terceira edición, en 2016, e neste ano foi para Peter Brandon, unha produción de Porco Bravú protagonizada polo chorado Pedro Brandariz, finado o pasado ano. A serie estreou os seus primeiros capítulos na seguinte edición do CIP, en 2017, e nos Premios Mestre Mateo de 2018 foi elixida mellor webserie do país.
Ademais, no Interplay deste 2016 Poetarras volveu levar o premio á mellor webserie en galego
-
04
Teño unha horta en San Sadurniño (2017)
Os premios para webseries no Interplay non sempre foron parar a mozos e mozas de vinte ou vinte e poucos anos. No 2017 o galardón á mellor produción en galego foi para as mulleres que estaban a publicar os vídeos de Teño unha horta en San Sadurniño, un proxecto dese concello ferrolterrán que nacera en 2015 para "difundir e compartir o coñecemento e a experiencia das mulleres en relación cos traballos no campo", enmarcado na iniciativa Fálame de San Sadurniño. "As mulleres de 'Teño unha horta' son unha representación de todas as galegas que traballan no campo", dicíannos nesta entrevista.
-
05
Hai vida en Bran? (2017)
O premio ao mellor proxecto en 2017 foi para Hai vida en Bran?, a serie de Ángela Andrada, coa que falamos no momento da estrea dos tres primeiros capítulos da serie, un ano despois. "O labor que está a facer o Carballo Interplay é moi importante e tamén moi arriscado. É un festival no que se valoran sobre todo as historias e non tanto as persoas que están detrás delas", dicía nesa entrevista.
-
06
As Cousas do Choio (2019)
Nese 2019 o premio á mellor produción en galego foi para As cousas do Choio, protagonizada por Juan O Choio, un mariñeiro de máis de 80 anos que ofrece, dende o seu alpendre, consellos para a vida.
-
07
Amnesia 3.0 (2019)
No 2019 houbo dúas gañadoras do premio a proxectos de webseries en versión orixinal galega, Xan e Amnesia 3.0, que se presentou como "a primeira webserie interactiva en galego". Creada por Irene Pin, Iria Igrexas e Natalia Porca, tratábase dunha "macroprodución con micropresuposto" ao máis puro estilo Black Mirror "que demostra que se pode facer ciencia ficción sen grandes efectos especiais, con historias universais contadas desde aqui". A serie gañou, ademais, o premio á mellor produción en galego na edición 2022, celebrada o pasado ano.
-
08
Xan (2019)
A outra gañadora, dirixida por Lucía Estévez, foi unha aposta completamente distinta. "Xan non é un millenial calquera. Ten un superpoder. Conta coa capacidade de non dicir nada. Porén, ao non falar, Xan é quen de analizar todo o que acontece ao seu redor", destacábase na presentación dunha produción cuxos primeiros episodios puidmos ver na edición de 2020.
-
09
Os 20 do XX (2020)
A edición 2020 do festival estivo completamente marcada pola pandemia de COVID. Tivo que ser, primeiro, adiado de abril a novembro, e mesmo nese momento o festival foi completamente virtual, celebrando dende a casa a creatividade dixital galega. A gañadora do premio á mellor produción en galego foi Os 20 do XX, unha serie de vídeos explicativos animados, publicados en Vinte, que serviron para botarlle unha ollada á sociedade galega de hai 100 anos, aos anos 20 do pasado século.
-
10
Mataría (2021)
Mataría, serie ideada por Pedro Brandariz e polo realizador e actor Javier Seoane, Javi SeGa, foi a gañadora da edición 2021 na categoría de mellor serie en galego. Como colofón ás moitas micropezas publicadas con distintas situacións nas que dan ganas de matar a repunantiños e repunantiñas publicouse esta pequena peza documental en homenaxe ao finado Brandariz.
-
11
Pringadas (2021)
En 2021 Pringadas, de Belén Puime, foi a webserie gañadora do 'Mellor proxecto de serie web. A produción, estreada na edición 2022 e que este ano figura xa como finalista na sección oficil do festival, conta a historia de tres compañeiras de piso que viven en Santiago de Compostela e enfróntanse a rupturas, o sentimento de non pertencer a ningún lado e o diagnóstico dunha ETS, capturando cun ton sincero e desenfadado a realidade dunha gran parte da mocidade universitaria galega.
-
12
Mentres non chova (2022)
Na edición do pasado ano a gañadora do premio ao mellor proxecto de serie en galego foi Mentres non chova, de Carla Álvarez, Xiana Rei Martiz e Luiza Velizarova. Os tres primeiros capítulos desta produción, un thriller "contado a través da pantalla dun teléfono móbil que esconde unha gran reflexión sobre o cambio climático", estreáronse este xoves