Santiago acollerá entre o 12 e o 19 de decembro o CultRural, que baixo o lema “Compostela, capital da cultura rural”, desenvolverá unha serie de actividades como conferencias, exposicións, gastronomía ou cinema, todas elas co mundo rural como eixo central.
No marco de CultRural levarase a cabo o Festival Internacional de Cine Rural de Galicia Carlos Velo, que neste ano acada a súa cuarta edición tras recibir máis de 300 curtametraxes, en categoría ficción e documental. Os dez finalistas proxectaranse durante os días 13 e 14 de decembro na Facultade de Ciencias da Comunicación (18,30 horas). Nesta ocasión, ademais, farase unha retrospectiva sobre Chanfaina Lab, experiencia audiovisual colectiva que se leva a cabo en San Sadurniño e coa que se pretende poñer en valor a localidade a través da gravación dunha curta. Igualmente, o cineasta Oliver Laxe ofrecerá un coloquio o mércores día 13, ás 18,00 horas, durante o que presentará o seu proxecto de desenvolvemento rural nos Ancares e mostrará un adianto da súa próxima película Aquilo que arde.
A cuarta edición do Festival Internacional de Cine Rural de Galicia “Carlos Velo” estará acompañada de exposicións, conferencias ou actividades gastronómicas
Durante os días 12 a 14 (ás 17,00 horas) terán lugar, na Facultade de Ciencias da Comunicación, debates de propostas, institucionais e privadas, sobre o desenvolvemento rural. E o día 15, ás 12,30 horas, no Pazo de Raxoi, presentarase o proxecto de coworking rural de Cataluña.
Na área gastronómica, o Centro de Formación e Cultura Gastronómica de Hostelería Compostela acollerá o venres, día 15, ás 10,30 horas, un obradoiro culinario sobre a cabra e o grelo de Santiago con Xan Galbán, de balde e aberto ao público e aos profesionais previa inscrición. Ademais, durante os días 15, 16 e 17 terán lugar as Xornadas da Cabra, na que diferentes restaurantes de Santiago ofrecerán menús coa carne de cabra como protagonista.
Os días 18 e 19 a Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo e o IES Rosalía de Castro, respectivamente, acollerán a divulgación das conclusións de Compostela cultRural 17, o visionado dos materiais gañadores do IV FICRural de Galicia e a presentación do proxecto Compostela Capital Rural de Galicia (CultRural). O sábado 16, no restaurante Paz Nogueira, presentarase o libro “Arraiano entre Arraianos”, de X.L. Méndez Ferrín, editado por Ediciones Positivas e a Revista Arraianos.