O Delas Fest presenta en Santiago o documental 'Street Heroines', que conta a experiencia das mulleres pioneiras na arte urbana nos Estados Unidos, México ou Brasil, coa presenza da súa directora, Alexandra Henry, o día 20 no Auditorio de Galicia
A cuarta edición do Delas Fest, o festival feminista de arte urbana e contextual, estase a celebrar na contorna de Santiago desde comezos de xuño coas intervencións no espazo público da artista plástica portuguesa Mariana Duarte Santos en Amio (Compostela), a artista visual uruguaia Ceciro en Firmistáns (Ames), a muralista vasca Udatxo en Francos (Teo) e a artista urbana galega Nana en Pedrouzos (Brión). Eses murais de gran formato xa están a piques de seren rematados e o broche final para a cita deste ano será a proxección do documental Street Heroines, dirixido por Alexandra Henry, que lle dá a palabra ás mulleres que forman parte do movemento do graffiti e da arte urbana desde os seus comezos.
O luns 20 de xuño, ás 20 horas, na sala Mozart do Auditorio de Galicia e con entrada de balde preséntase Street Heroines –premio do xurado ao mellor documental no Festival de Cine de Portland– nun encontro coa súa creadora. Un proxecto que tardou unha década en completarse e que comezou pola curiosidade de escoitar ás artistas protagonistas da arte urbana, tendo como unha cámara como única ferramenta, e que foi medrando grazas en parte ao micromecenado de centos de persoas interesadas nel.
″A idea do documental naceu no ano 2012, estaba lendo un libro de autorrealización e dentro das tarefas que tiña marcadas saín por Nueva York coa cámara para retratar as cousas que me interesan: graffiti, arquitectura... a paisaxe urbana. Estaba no barrio de Queens e atopeime con dúas rapazas pintando na rúa, foi a primeira vez que pensei na experiencia feminina dentro da arte urbana. Deume moita curiosidade, conversamos e contáronme as dificultades de facerse un oco nun movemento tan protagonizado polos homes″, conta Alexandra Henry.
"Aínda que non saibas nada do mundo do graffiti, creo que é bo que se vexa a forza de todas estas artistas"
Deste encontro xurdiu unha reportaxe fotográfica que derivou nunha investigación para coñecer as mulleres que estaban facendo graffiti no mundo. Así, en 2013 asistiu ao festival Nosotras estamos en la calle, en Lima (Perú), onde entrou en contacto cun montón delas. Henry realizou varias curtas con mulleres artistas ata que en 2016 tomou a decisión de facer unha longametraxe e iniciou un crowdfunding co que acadou máis de 500 apoios, o que lle permitiu rodearse dunha equipa –tamén feminina– para seguir traballando en Brasil, México, Colombia e na cidade de Nueva York ata completar a rodaxe de Street Heroines, a súa primeira longametraxe documental como directora.
″Neste momento, o contexto en España é moi interesante porque o movemento feminista é moi forte. Penso que é un momento idóneo para mostrar este documental ao público de aquí. Aínda que non saibas nada do mundo do graffiti, ou incluso teñas prexuízos sobre o tema pola parte ilegal que pode levar acompañada, creo que é bo que se vexa a forza de todas estas artistas porque elas son poderosas″, argumenta Alexandra Henry, que se mostra satisfeita coa acollida de Street Heroines no seu paso por festivais de Barcelona ou Madrid.
Entre as testemuñas recollidas no documental aparecen artistas consideradas pioneiras dentro da arte urbana como Lady Pink, Claw Money, Nina Pandolfo, Swoon, Lady Aiko ou a fotógrafa especializada en graffiti Martha Cooper, entre outras. Todas elas explican como o traballo da muller non se xulga igual que o dos homes, o delas vese cuestionado antes incluso de ser valorado. Unha tendencia que está a cambiar, segundo estima a directora, polas conquistas do feminismo que obrigan aos poderes públicos e ás empresas a non deixar de lado ás artistas.
"Espero que cada vez máis xente contacte con estas artistas para colaborar, tamén desde os museos e as galerías de arte"
″O meu primeiro obxectivo con este documental é representar ás mulleres artistas que están facendo graffiti e murais, cousas legais e cousas ilegais. Darlles unha plataforma para que a xente as coñeza. Pero agora son consciente de que a partir desta peza tamén se lles poden abrir portas que antes estaban pechadas. O mundo do graffiti está moi de moda e as marcas patrocinadoras comezan a mirar cara ás mulleres artistas. Espero que isto só vaia en aumento e cada vez máis xente contacte con elas para colaborar, tamén desde os museos e as galerías de arte″, debulla Alexandra Henry.
O graffiti xurdiu como unha vía de denuncia social para as voces que non eran escoitadas polo conxunto da sociedade. E algo diso queda hoxe: "Como o graffiti naceu en Nueva York, as artistas son un pouco máis evolucionadas porque sempre teñen o obxectivo de visibilizar unha mensaxe na rúa, que tamén lles serve para mostrar a súa arte. Por iso creo que nos Estados Unidos hai outra motivación para a arte urbana. Ao principio era máis un acto de protesta, que é o que vexo que ten máis forza en países como Brasil ou México, onde vin que o graffiti é máis político. Con todo, coa pandemia e o asasinato de George Floyd, nos Estados Unidos tamén se están vendo moitas mensaxes contra a policía e contra o racismo".
Ao longo da fin de semana, Alexandra Henry terá oportunidade de achegarse aos murais en proceso do Delas Fest para coñecer ás artistas que participan nesta edición. Despois da experiencia co documental –e a boa acollida– confesa que lle gustaría rodar unha serie falando con artistas por distintas ciudades do mundo nas que se promove o graffiti. "Este tipo de traballos tamén serven como un barómetro, unha maneira de medir o que está a pasar na sociedade contemporánea", defende.
Esta cuarta edición do Delas Fest tamén conta con obradoiros especializados, esta fin de semana a artista visual uruguaia Fitz Licuado dirixe un taller de muralismo con pintura plástica para artistas e estudantes de arte, que se celebrara en Teo. E na semana anterior a muralista guardesa Tamara Baz impartiu un taller de muralismo con spray para público especializado.