Nós imos fenda a fenda, convido a que desaprendas canta High Paw. Para desaprender naceu o Delas Fest, que pón á muller no centro da arte urbana e está a celebrar a súa segunda edición. Un certame de resistencia a prol da igualdade organizado pola 7H Cooperativa Cultural, que conxuga os obradoiros coas accións artísticas de rúa entre Teo, Ames, Santiago e Brión, onde rematará o vindeiro 20 de setembro.
Con retraso nas datas por mor da pandemia, e unha exitosa campaña de mecenado con preto de 400 aportacións, o primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa ten a vontade de mellorar ano a ano. "Na análise que fixemos despois da primeira edición estaba a necesidade de seguir medrando en localizacións para chegar a máis xente e facilitar que haxa alternativas culturais nos contextos rurais que normalmente xiran entorno a Santiago, pero tamén teñen vidas e historias que coñecer. Foi unha aposta incorporar Brión e aumentar a intensidade para dedicar unha semana a cada concello", explica Clara R. Cordeiro, comisaria do Delas Fest.
7H Cooperativa Cultural organiza o primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa, que afronta a súa segunda edición entre Teo, Ames, Santiago e Brión coa intención de deconstruír o discurso establecido buscando a igualdade
"Para nós o fundamental é dotar de referentes ás mulleres novas, e ás non tan novas, sobre as artistas que están a traballar no eido da arte urbana porque seguen existindo moitos esterotipos de xénero tamén no ámbito da arte. Queremos axudar a cambiar esa mentalidade e a rachar con eses estereotipos". Con esta iniciativa pretenden apropiarse do espazo público e facilitar unhas condicións de "empatía e liberdade creativa" para as artistas e todas as participantes. En definitiva, buscan "xerar puntos de encontro para mulleres e masculinidades non tradicionais nos que poidamos discutir e crear conxuntamente".
O Delas Fest esperta interese en mulleres moi diferentes, algunhas con experiencia artística, mais non de intervir no espazo público, e outras que chegan con moita curiosidade. "A realidade é que as mulleres nos sentimos menos seguras no espazo público", apunta Cordeiro, quen salienta que a franxa de idades é moi ampla, pois participan desde rapazas de 15 anos a mulleres adultas de 40 ou 50. "Creánse espazos de encontro moi bonitos e, pola experiencia que temos doutros anos, sabemos que nacen crews, que é como se lle chama á xente que vai pintar xunta, que seguen reunindo".
Polo momento, Lidia Cao xa rematou o seu mural coas irmás Aurora e Manuela Liste Forján como protagonistas no pavillón municipal de Calo, no concello de Teo, e Fitz Licuado, chegada do Uruguai, realiza estes días o seu en Ames. A vindeira semana será o turno de Xoana Almar, compoñente de Cestola na Cachola, en Compostela e xa na recta final do festival pintará Susana Blasco en Brión.
O leitmotiv do festival fica condensado na mesa redonda Mulleres e cultura urbana. Unha análise desde o feminismo, que terá lugar o día 12 na xornada que se vai desenvolver na Cidade da Cultura, na que tamén haberá un encontro de improvisación pictórica coas artistas Carola Bagnato (Mar de Plata), Festa (Compostela), IRA (Compostela), Killa.eK (Quito), Porte (Compostela), Sax (Vigo), Shen Oner (Huesca) e Sphiza (Porto). Un día que rematará coa actuación da compositora e cantante viguesa High Paw.
"Está claro que o anonimato, e o feito de traballar con pseudónimos, fai que desaparezca a presenza feminina", sinala Clara R. Cordeiro
Clara R. Cordeiro moderará a conversa entre as artistas galegas Eva Comesaña, Festa, IRA, Iria Prol e Marcia Vázquez. "Trátase de escoitar outras perspectivas desde a experiencia de mulleres profesionais a mulleres que non se adican profesionalmente a isto, pero que teñen unha longa traxectoria artística noutras disciplinas. É o primeiro ano que salimos máis alá da pintura e incorporamos a danza urbana na mesa redonda porque temos coincidido noutros foros e as problemáticas repítense. Hai situacións que é necesario visibilizar e compartir. Para nós é importante que sempre se dea unha dualidade cun plano máis lúdico ou creativo e outro máis teórico".
"No eido da cultura e da arte urbana aínda están as cousas pouco investigadas, e resulta importante que se faga este traballo de documentación e análise para seguir rachando estereotipos e para corrixir as invisibilidades da historia da arte", abunda Cordeiro. A invisibilidade da muller na arte comeza a repararse neste século, mais na arte urbana, que naceu nos anos 60 e 70 do século pasado, se seguen a repetir os mesmos patróns. De aí que, segundo manifestan as organizadoras do Delas Fest, o habitual é que as mulleres non ocupen máis dun 20% dos carteis dos eventos deste tipo.
"Pensamos que é interesante analizar os patróns do que está sucedendo. A nivel teórico, interésanos ver o porqué. Está claro que o anonimato, e o feito de traballar con pseudónimos pola ilegalidade que condiciona moitas veces esa arte urbana, fai que desaparezca a presenza feminina. Se non sabemos quen fixo algo, asumimos que foi un home. E o que buscamos é seguir intentando deconstruír ese discurso", afirma Cordeiro.
Obradoiros de creación
Lupita Hard inaugurou os obradoiros de creación en Teo arredor do lema Graffiti e protesta social. "A xente chámalle graffiti a toda a arte urbana pero en realidade non é así. Creo que é necesario facer esa diferencia, eu falo do graffiti de letras, do ilegal. Pero tamén quería que souberan que non son só unhas letras na parede", apunta. O colectivo Dúo Amazonas, conformado por Natalia Andreoli (Arxentina) e Lina Castellanos (Colombia) impartirá o seu en Santiago e o equipo de 7H Cooperativa Cultural faráo en Ames e Brión.
"A xente chámalle graffiti a toda a arte urbana pero en realidade non é así", apunta Lupita Hard
A artista, residente en Vigo, fai unha diferenciación entre o graffiti en si, e o feito de ser muller neste mundo. "A min o graffiti apórtame moitas cousas positivas, pero o tema da ilegalidade complícase cando es muller e saes pintar soa de madrugada. Tes que estar pendente de que non te pille a Policía, pero tamén de que non te persiga ninguén. Case todas as persoas que pintan son homes, é un mundo moi competitivo e territorial", explica. Con ela colleron a súa primeira lata para pintar varias das participantes no obradoiro: "É importante que a xente non lle teña medo e que se sinta nun espazo seguro para experimentar".
"Eu comecei pintando letras e cambiei a miña iconografía porque me vin nun mundo tan masculino e tan sexualizado que decidín pór aí a miña cona. Sei que ao final para a maioría é algo totalmente descontextualizado e que non é algo que esperas ver na rúa. Pero abre un debate porque fala de sexualidade e de identidade", sinala. Ultimamente cando sae pintar fai "unha especie de bonecas que teñen dúas cabezas, tres tetas, están unidas e se están bicando". "Pintar é moi liberador para min, aparte do nivel de adrenalina que sentes porque non te poden pillar. Pero só o feito de saír pola noite eu soa a pintar xa me resulta moi liberador", asegura.