O éxito de 'Os Bolechas' en Portugal lévaos a renovar as súas emisións na RTP

Os Bochechas emítense na RTP dende xaneiro de 2015 © http://osbochechas.pt

En xaneiro de 2015 Os Bolechas cruzaron o Miño e comezaron a emitirse na televisión pública portuguesa (RTP). Dende entón Os Bochechas, que é como se coñece en Portugal a serie protagonizada polos personaxes creados por Pepe Carreiro, vén colleitando un grande éxito entre o público luso. Unha boa acollida que levou a que esta semana se anunciase a renovación, por cuarto ano consecutivo, da serie, que se emite no programa estrela da franxa infantil da RTP, o Zigzag.

Ademais da emisión en televisión, a canle pública portuguesa levou a cabo diversos concursos e promocións arredor da serie, deixando patente o seu compromiso cos Bochechas, que contan coa súa propia web, con xogos online, descargas de actividades e unidades didácticas para o seu uso por parte de profesorado, pais e nais. Ademais, dende a páxina pódense encargar os libros dos Bochechas en portugués. Os seis irmáns (Carlos, Filipa, Ana, Paulo, Sónia, Tatá) e a súa mascota Chispa, contan pois en Portugal cunha lexións de seguidores e seguidoras, nun fenómeno que non deixa de crecer.

A serie, que botou a andar no ano 2012, continúa tamén a emitirse todos os días na TVG. De igual xeito, os seus capítulos poden verese a través da app Xabarín TVG. Destacan tamén os vídeos formativos protagonizados por esta familia, como os que animan a “lavar os dentes” ou a “irmos á cama”. E tamén o curso de inglés-galego One2Three. Na web OsBolechas.gal tamén están dispoñibles xogos, libros, descargas e unha unidade didáctica con distintos contidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.