Do 25 ao 29 de novembro os cines Códex de Lugo acollen o Festival Cinema Mulleres (FILMU), unha iniciativa impulsada pola Casa da Muller do Concello de Lugo que pretende visibilizar ás mulleres cineastas de todo o mundo, dar a coñecer e poñer en valor os seus traballos. O obxectivo do Festival, no que se proxectará un gran número de filmes realizados por mulleres e haberá varias charlas e debates con cineastas invitadas, é a creación de redes de interacción feministas e audiovisuais.
O festival busca ser un espazo de reflexión, tanto sobre os productos audiovisuais e a súa mensaxe como da situación profesional das cineastas
A inauguración do Festival coincide, intencionadamente, co Día Internacional para a eliminación de loita contra a Muller (25N), e busca ser un espazo de reflexión, tanto sobre os productos audiovisuais e a súa mensaxe como da situación profesional das cineastas. Ademais, preténdese que a actividade do festival vaia máis aló desta semana, pois proxecta a realización ao longo dos vindeiros meses de diversas accións encamiñadas á visibilización, á denuncia, á reflexión e ao logro da igualdade.
"A anomalía do patriarcado tamén contamina o audiovisual. É tempo xa de reconstruír a historia", destácase na presentación do festival
"Paralelamente á historia do cinema corre un relato distinto, que é o da representación das mulleres nel e a asunción dun determinado rol fóra del. Desde aqueles últimos anos do século XIX o cinema contou a vida. E esa sucesión de fotos fixas, proxectadas a unha determinada cadencia, conforman o que no mundo se move e o que move o mundo, cunha rara excepción: a muller, que se quedou, en múltiples ocasións, no ángulo morto, estática, fóra de cadro, invisible, sen relato. A anomalía do patriarcado tamén contamina o audiovisual. É tempo xa de reconstruír a historia", destácase na presentación do festival.
"Dado que o cinema e os contidos audiovisuais alagan as omnipresentes pantallas en casa, na rúa e nas aulas, os contidos que se difunden a través delas contribúen a construír un relato de consenso sobre os patróns de xénero, os modelos de éxito ou a aceptación da violencia"
No festival presentarase tamén un 'Decálogo de como ver cinema en igualdade', elaborado polas responsables de CIMA EDUCACIÓN (Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales). "Dado que o cinema e os contidos audiovisuais alagan as omnipresentes pantallas en casa, na rúa e nas aulas, os contidos que se difunden a través delas contribúen a construír un relato de consenso sobre os patróns de xénero, os modelos de éxito ou a aceptación da violencia", destacan dende a entidade. "É necesario identificar eses patróns e construír novos relatos para crear un novo imaxinario no que se potencie a igualdade e establézanse novas relacións e dinámicas de xénero. O decálogo nace como un instrumento para estimular a reflexión sobre os estereotipos e os relatos", engaden.
O FILMU entregará os premios Nova Onda ás películas que, por su calidade e pola súa visión, fan unha mellor representación da muller e as súas situacións. A programación distribúese en catro seccións: Plano galego, Mirada, Fundido a... Arxentina e Contrapicado, que inclúen un total de 13 filmes. Entre eles destacan 'A estación violenta', 'Os fillos da vide', 'Varda par Agnès', 'Cléo de 5 à 7', 'El proxeneta. Paso corto, mala leche', 'Hijas de Cynisca', 'Trinta Lumes', 'A Illa das Mentiras' ou 'La Ciénaga', entre outros.
A programación distribúese en catro seccións: Plano galego, Mirada, Fundido a... Arxentina e Contrapicado, que inclúen un total de 13 filmes
De igual xeito, un gran número de cineastas de Galicia e doutros territorios participarán en conversas e encontros, presentando os seus filmes: Anxos Fazáns, Ana Domínguez, Diana Toucedo, Paula Cons, Beatriz Carretero, Mabel Lozano, Sol Berruezo Pichon-Rivière, María Onís e Laura Amdán. Así mesmo, o xoves 26 de novembro terá lugar a mesa de debate 'Ser muller. Ser cineasta. Somos invisibles?', un encontro virtual no que participarán Chelo Loureiro, Amàlia Sancho, Conchi Iglesias e Nell Córdova.