Do 10 ao 14 de marzo celebrarase en Compostela a cuarta edición do Mufest (Festival de Cine feito por Mulleres), unha iniciativa de Andaina que terá cinco días de proxeccións e debates no Teatro Principal e no Museo das Peregrinacións. O programa completo pódese consultar na páxina web do festival.
O Mufest ten como obxectivo promocionar e visibilizar os filmes dirixidos, escritos e/ou producidos por mulleres
O Mufest ten como obxectivo promocionar e visibilizar os filmes dirixidos, escritos e/ou producidos por mulleres, dando a coñecer ao gran público traballos "que quedan ocultos nos grandes circuítos e plataformas do sector cinematográfico", á vez que crear un espazo para o debate sobre a situación deste sector desde unha perspectiva de xénero. Nas distintas sesións proxectaranse un gran número de longametraxes e curtametraxes, apenas unha selección dos ao redor de 700 traballos que se inscribiron inicialmente, procedentes de máis de 50 países.
O festival abrirase o martes cunha mesa redonda na que participarán as responsables de catro festivais de cine feito por mulleres de toda a Península Ibérica: Marta Nieto Postigo (Mostra Internacional de Films de Dones. Barcelona), Amaia Barandica Ortiz de Zárate (Muestra Internacional de Cine y Mujeres. Pamplona), Antónica Pedroso de Lima (Olhares do Mediterrâneo-Women's Film Festival) e Teresa Gómez Louzao (Mufest).
O sábado 14 unha mesa redonda analizará o sector cinematográfico en Galicia desde unha perspectiva de xénero
O sábado 14 outra mesa redonda analizará o sector cinematográfico en Galicia desde unha perspectiva de xénero, coa participación de Olga Osorio (directora), Araceli Gonda (guionista), Nati Juncal Portas (produtora) e Zélia García (Mufest). Ademais, dentro da súa programación o Mufest organiza o curso 'Levando a contraria: iniciación lúdica á creación audiovisual para a realización de curtas de contrapublicidade feminista', impartido por Renata Otero os días 11,12 e 13 de marzo.
A zoqueira galega Elena Ferro, Premio Nacional de Artesanía 2019, deseñou as estauíñas dos premios Mufest 2020. O festival despedirase cunha festa na Sala Capitol o venres ás 21:30, na que actuará A banda da loba e Pandereteiras sen Fronteiros.
Chaman a atención sobre a falta de mulleres candidatas ao Mestre Mateo, "nos que non hai unha soa directora nominada e só un 25% de guionistas"
Unha das críticas que realiza o Mufest é a escasa visibilidade das profesionais no mundo do cine, comezando polos grandes premios. Por exemplo, na última edición dos Óscar non había ningunha muller entre os 5 nominados á Mellor Dirección e só un dos 9 filmes candidatos na categoría de Mellor Película estaba dirixido por unha realizadora (Greta Gerwig, por Mullerciñas). O mesmo pódese dicir dos Premios Goya (ningunha directora entre os catro nominados e só unha guionista entre 15 candidatos) e é unha situación que se arrastra dende o inicio do cinema: en máis de 90 edicións dos Oscar só houbo 5 directoras nominadas e só unha (Kathryn Bigelow en 2010) obtivo o premio.
"Non é que non haxa directoras ou guionistas. As que hai non teñen visibilidade"
"Ou os Mestre Mateo, que se celebran estes días, nos que non hai unha soa directora nominada e só un 25% de guionistas", apuntan Nanina Santos e Aida Raíndo, organizadoras do Mufest. "Non é que non haxa directoras ou guionistas. É que as que hai non teñen nada de visibilidade", apuntan, salientando que "a mirada dominante sobre o mundo no que vivimos segue sendo moi masculina e iso reflíctese no audiovisual".
"Hai grandes temas aos que non se lle está dando visibilidade nos filmes dirixidos por homes"
O festival servirá para amosar que si existe cine feito por mulleres, aínda que a presenza maioritaria de documentais e curtametraxes revela as dificultades que as creadoras teñen para conseguir os apoios económicos necesarios para sacar adiante unha longametraxe de ficción.
Os traballos que se poderán ver no Mufest proceden de medio cento de países, dende os Estados Unidos e boa parte de Europa ata procedentes de filmografías tan diferentes como a exipcia, a romanesa, a filipina, a arxentina, a peruana, a iraniana ou a turca. "É moi interesante ver como nas películas que veñen do primeiro mundo e as que proceden de países en vías de desenvolvemento, os problemas son diferentes, pero tamén se detectan moitas preocupacións comúns entre as directoras dunhas e doutras zonas. Isto revela que hai grandes temas aos que non se lle está dando visibilidade nos filmes dirixidos por homes", salientan.
"As mulleres están máis presentes no xénero documental. Neles tratan moito cuestións de vida colectiva, problemas de explotación laboral, de migracións, maternidade..."
"As mulleres están máis presentes no xénero documental que na ficción. Neles tratan moito cuestións de vida colectiva, problemas de explotación laboral, problemas de migracións, maternidade... E mesmo nos temas que tamén son tratados polos directores homes ves que hai outro tipo de mirada. Narran esas historias dende a súa perspectiva, coas súas vivencias e é moi enriquecedor poder velas", comentan.
"As mulleres somos a metade da poboación: non podes describir o mundo só coa metade da perspectiva, necesitas a perspectiva completa. Se non, non estás describindo o mundo real"
Ademais das proxeccións, Nanina Santos e Aida Raíndo, destacan as dúas mesas redondas que se desenvolverán o martes e o sábado. "Contaremos coa participación das responsables de festivais que teñen moito nivel en toda a Península e será moi interesante ver como plantexan un espazo do audiovisual que moitas veces non se ve representado", salientan. De igual xeito, subliñan o interese da sesión que explorará a situación do propio sector cinematográfico en Galicia: "Para dar unha mirada completa, por iso hai unha produtora, unha directora e unha guionista. Cada unha pode achegar distintas perspectivas dun problema que é común a todas, pero que as afecta de distinta maneira".
"Poderiamos ter incluído tamén ás actrices, que tamén sofren distintos problemas, dende a falta de papeis para as profesionais que chegan a unha determinada idade, un problema que non padecen os homes actores. E tamén o acoso sexual laboral que sofren as actrices máis novas", comentan.
"Ogallá non fixese falta ter un festival de cine feito por mulleres"
Nanina Santos e Aida Raíndo fan fincapé na necesidade de que as profesionais do audiovisual poidan traballar en igualdade de condición, achegando así a súa voz e a súa ollada. "As mulleres somos a metade da poboación: non podes describir o mundo só coa metade da perspectiva, necesitas a perspectiva completa. Se non, non estás describindo o mundo real", din. "Hai que meter unha cuña para cambiar esa dinámica. Eu en xeral son partidaria da discriminación positiva, porque non se pode tratar como igual o que non é igual", subliña Nanina Santos, que engade que "a discriminación positiva non se pode soster para sempre, pero os datos están aí, e estas políticas son necesarias para equilibrar esta desigualdade inicial".
"Este tipo de festivais ten sentido tamén para promover un público e para que o propio público demande estas miradas", engaden, concluíndo que "ogallá non fixese falta ter un festival de cine feito por mulleres".