O Festival de Cine Rural 'Carlos Velo' xa ten finalistas

O Realiméntate 2015, en Lalín Dominio Público Realiméntate

A segunda edición do Festival Internacional de Cine Rural 'Carlos Velo', que se celebrará entre o 26 e o 28 de xuño entre Cartelle e Celanova, anunciou este domingo os seus finalistas. Son un total de dez traballos, cinco na categoría de documental e cinco na de ficción, historias locais e universais procedentes de seis países diferentes (Colombia, México, Islandia, España, Bolivia e Burkina Faso) que retratan aspectos moi diversos do mundo rural contemporáneo, deixándonos unha paisaxe chea de grandes interrogantes.

Trátase de “documentais e ficcións que demostran que o noso percorrido pola vida e as cuestións existenciais que nos impón son moi semellantes en todas partes do mundo”, comentan os directores do festival, Inés Vázquez e Aser Álvarez, gratamente soprendidos polo extraordinario nivel dos traballos seleccionados. O anuncio fíxose no marco do Realiméntate 2015, un evento que se celebra en Lalín co obxectivo de reivindicar a volta ao mundo rural dende unha perspectiva contemporánea.

De feito, durante este domingo os dez traballos finalistas vanse proxectar no marco do Realiméntate, dándolle a oportunidade ao público de Lalín de escoller co seu voto os mellores traballos de documental e ficción. Os organizadores do FICCVelo destacaron na rolda de prensa que comparten con Realiméntate unha visión de conxunto do mundo rural, da alimentación, a saúde, a cultura e a sustentabilidade. Estes puntos en común e as reflexións compartidas sobre o mundo rural levaron a facer da capital do Deza unha extensión do II FICCVelo. De igual xeito, o Xornal Agrario Galego, un portal web especializado no mundo rural contemporáneo, creado no marco das iniciativas multidisciplinares do I FICCVelo, é o medio oficial do Realíméntate 2015 e foi tamén presentado no marco desta feira agroalimentaria, cultural e gastronómica de Lalín.

O Festival, organizado polos colectivos LAREIRA POP e ARRAIANOS, avanza así na súa vontade fundacional "de servir como punto de encontro para os profesionais do sector audiovisual que traballan en entornos rurais e xerar un espazo para o debate e a reflexión creativa sobre o pasado, o presente e o futuro do mundo rural, dende unha perspectiva multidisciplinar e contemporanea".

 

Filmes finalistas na categoría de documental

Waiting for the t(rain), de Burkina Faso
Minerita, de Bolivia
Santiago, olladas de perfil, de Galicia
Som Pastor, de Mallorca
Por que non cantades todas, de Galicia.


Filmes finalistas na catgoría de ficción

Whale Valley, de Islandia e Dinamarca
Julia, de Colombia
Aquí no pasa nada, de México
Garand, de España
Cólera, de España

O Realiméntate 2015, en Lalín Dominio Público Realiméntate
Cartaz da edición 2014 do festival © Festival de Cine Carlos Velo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.