O pasado ano o Festival do Norte fixo mudanza. De Vilagarcía trasladouse á Illa de Arousa, e de maio a xullo, en boa medida buscando evitar as chuvias da primavera. A escolla do lugar foi inmellorable, nun escenario idílico tanto para os concertos coma para a zona de acampada; foi tamén un acerto a escolla do cartel, coa presenza de The Horrors, Is Tropical, Veronica Falls, Austra ou El Último Vecino; ou fórmulas para a extensión do festival por toda a vila, en horarios distintos á noite e con actividades gastronómicas e para os máis pequenos; mesmo se coidaron pequenos detalles, coma o deseño das estruturas físicas do festival, premiadas polo COAG.
Houbo algúns fallos na estrea (críticas ao transporte, por exemplo), pero sobre todo errou o clima, cunha chuvia que nalgúns momentos dificultou a asistencia aos concertos e reduciu a asistencia. Así e todo, e confiando en que este xullo o tempo se axuste algo máis ao calendario, o Festival do Norte regresa á Illa, co obxectivo de asentarse nesta localización paradisíaca e de novo co apoio do Concello, que realizou unha clara aposta polo evento, que leva o nome da Illa de Arousa por todo o Estado.
De novo, un cartaz de primeiro nivel, co primeiro concerto en Galicia de Hercules & Love Affair. O a presenza doutras bandas emerxentes a nivel internacional, como Glass Animals, ou da chilena Javiera Mena. E, sobre todo, unha moi coidada selección do pop estatal, con nomes ben coñecidos coma Hidrogenesse, La Bien Querida, Fernando Alfaro, Grupo de Expertos Solynieve, Perro ou Dorian. Destaca tamén o concerto de despedida en Galicia dos cataláns Standstill.
O Festival do Norte presenta tamén unha boa representación de bandas galegas, encabezadas por Chicharrón, Trajano!, Alex Casanova ou Cazador. E un bo feixe de dj's, coma Amable & Viktor Ollé e Dj Maadraassoo, todos residentes do Razzmatazz barcelonés, ou Isaac Torgal.
Haberá tres escenarios: o Son Estrella Galicia, ubicado na Praia do Bao, preto do Parque Natural do Carreirón; un máis íntimo, no Auditorio da vila, por onde pasarán Los Punsetes ou Neil Halstead; e outro máis distribuído por algúns bares da localidade, onde actuarán entre outros Cooper ou Fernando Alfaro.
O prezo das entradas irá incrementándose a medida que se acheguen as datas de celebración do festival: Ata o 22 de xuño o abono custará 35 euros, que serán 40 ata o 2 de xullo. En taquilla o prezo será de 45. A entrada dá dereito a acampada. E é que o Festival do Norte vívese dende a mañá á noite, con música dende a mesma praia.
