O festival itinerante Tosta péchase en Euskadi con ampla presenza galega

Tosta concibiuse como punto de encontro da diversidade lingüística da Europa atlántica © tosta2016.eu

O festival itinerante Tosta 2016, concibido como unha celebración e unha reivindicación da diversidade lingüística da Europa atlántica, chegará esta semana á súa derradeira etapa, en Euskadi. A ruta, que comezou en Irlanda en abril, rematará en Errentería no marco do festival Atlantikaldia e farao cunha importante presenza galega.

O proxecto Tosta, promovido por Donosti 2016 Capital Europea da Cultura, contou coa participación galega da Mesa pola Normalización Lingüística co apoio da Área de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña e o Concello de Rianxo. Rianxo, de feito, acolleu o proxecto do 9 ao 11 de setembro, tres días de concertos e outras actividades.

Errentería, do 22 ao 26 de setembro, acollerá ademais as presentacións dos traballos das diferentes artistas que participaron en intercambios culturais. No caso galego, a música Belém Tajes recolleu e mesturou cancioneiro galego e irlandés, e a artista plástica galesa Luned Rhys elaborou diferentes pezas baseadas na súa experiencia en Galicia.

A Banda Tosta, con participación de artistas en linguas minorizadas, mostrará a través da música a diversidade lingüística, co concurso de Marit Talens (Frisia), Caoimhín Ó Fearghail (Irlanda), Gwilym Bowen Rhys (Gales), Mónica de Nut (Galicia), Bec Applebee (Cornualles), Rona Wilkie (Escocia), Harkaitz Martinez de San Vicente, Mikel Ugarte, Iñigo Egia, Mixel Ducau (Euskadi). De igual xeito, Mónica de Nut e Luís Martíns oferecerán un concerto o sábado.

Así mesmo, unha mesa redonda analizará este venres 23 de setembro a situación das linguas minorizadas en Europa e contará coa presenza do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. Maceira tamén tomará parte nunha xuntanza coas sete entidades (de Euskalherría, Gales, Irlanda, Frisia, Cornualles, e Escocia) que participaron no proxecto, na que se explorarán novas experiencias conxuntas para espallar e compartir a reivindicación das respectivas linguas unidas polo Atlántico. Este acto coincide coa celebración do Día Europeo das Linguas o 26 de setembro.

Segundo sinalou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, "experiencias como a de Tosta demostran a ¨necesidade do verdadeiro plurilingüismo onde cada pobo se mostra e se reivindica en pé de igualdade e solidariedade, expresándose da mellor maneira posíbel, na maior achega á súa existencia e á humanidade, no seu propio idioma¨.

Tosta, ao seu paso por Rianxo, hai unhas semanas © Tosta2016.eu
Outra das actuacións deste festival itinerante en Rianxo © tosta2016.eu
Tosta concibiuse como punto de encontro da diversidade lingüística da Europa atlántica © tosta2016.eu
Rianxo acolleu a comezos de setembro tres días de concertos e outras actividades © tosta2016.eu

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.