O Livro da Montaria é unha das obras medievais máis importantes de Portugal. O tratado de caza foi redactado na corte de João I entre 1415 e 1433 e dende o ano 1600 estivo custodiado en Monforte no colexio dos Xesuítas. Porén, coa expulsión de España desta orde no século XVIII o libro orixinal desapareceu e críase perdido. Só se conservaban copias realizadas no século XVII e XIX. Ata hai uns anos.
En febreiro de 2014 localizáronse no Arquivo Provincial de Lugo 24 fragmentos do libro
En febreiro de 2014 localizáronse (con certa polémica) no Arquivo Provincial de Lugo 24 fragmentos do libro que foran reutilizados como encadernación de distintos protocolos notariais do século XVIII en Monforte de Lemos. A raíz dese achado, descubriuse que 20 anos antes, en 1995, se producira o roubo doutro fragmento da obra no depósito notarial de Monforte. A Policía identificou a persoa que levara a cabo o espolio, que xa falecera, e a súa familia entregou voluntariamente o documento.
A Policía identificou a persoa que levara a cabo o espolio, que xa falecera, e a súa familia entregou voluntariamente o documento
Este xoves o Ministerio de Cultura entregará ao Arquivo Provincial de Lugo o manuscrito xunto con outros 23 documentos relacionados co Concello de Monforte de Lemos e datados entre os século XII e XVI, que foron recuperados na mesma operación. Dende o ano 2014 que fora recuperado, os documentos desaparecidos permanecían custodiados na sede do Ministerio para a súa restauración, estudo e dixitalización por parte de persoal técnico cualificado.
O único exemplar medieval, en Lugo
Agora o Arquivo Provincial de Lugo contará co manuscrito orixinal e único exemplar medieval dunha obra clave, un tratado de cetraría e montaría con información sobre as distintas presas e as técnicas específicas para cazalas. Ademais deste fragmento, no Arquivo Provincial consérvanse dez pregos enteiros, dez medios pregos e catro fragmentos, maioritariamente do libro primeiro e do terceiro e, en menor cantidade, do libro segundo.
O Livro da Montaria foi redactado na corte de João I de Portugal, ao parecer, por iniciativa directa do rei. Adoita datarse entre 1415 e 1433 porque no texto D. João intitúlase señor de Ceuta, e esta cidade foi tomada o 21 de agosto de 1415; finalmente, en 1433 prodúcese o pasamento do rei. Está estruturada en tres libros, sumando un total de 70 capítulos.
Ata a descuberta que tivo lugar no ano 2014, considerábase que tan só existían tres copias do Livro da Montaria, todas elas posteriores á época medieval
Ata a descuberta que tivo lugar no ano 2014, considerábase que tan só existían tres copias do Livro da Montaria, todas elas posteriores á época medieval. A máis antiga, datada en 1626 e realizada a partir do manuscrito de Monforte de Lemos, consérvase hoxe na Fundación Oriente de Lisboa. As dúas posteriores elaboráronse en 1844 e en 1897 e áchanse na Biblioteca Nacional de Lisboa e na Biblioteca Xeral da Universidade de Coimbra, respectivamente.