A Real Academia Galega e a Universidade de Santiago presentaron este mércores a segunda edición de 'Novas voces para a lingua', o proxecto audiovisual protagonizado por mozos e mozas que son exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida, da creación e do desenvolvemento profesional.
A serie titúlase Superheroínas e está protagonizada por sete mulleres novas que promoven o uso cotián do galego
Nesta ocasión a serie titúlase Superheroínas e está protagonizada por sete mulleres novas que promoven o uso cotián do galego en cadanseu vídeo. No primeiro escoitamos á cociñeira Lucía Freitas (Santiago de Compostela, 1982), distinguida cunha estrela Michelin, que nesta conversa reivindica o traballo feminino, a cociña galega e a lingua do país e conclúe que "o futuro é galego, e o futuro é en feminino".
"É un proxecto que lle leva a contraria a ese discurso de lingua como peza de museo, e é un proxecto que busca apoderar a muller, que busca amosar unha muller que usa o idioma no seu día a día”, destaca o director
Os seis vídeos restantes estarán protagonizados pola poeta Alba Cid, a cantante Andrea Pousa, a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, a xornalista Esther Estévez, a instagramer Paula Jorge Horta, a fotógrafa Antía Castro. A serie está dirixida por José Manuel Diego Ferreira, alumno de 4º de Xornalismo no momento en que se levou a cabo como parte do seu traballo fin de grao (TFG).
O director destaca que a serie busca "desacralizar e levar a contraria". “Levámoslles a contraria aos medios de comunicación porque non nos dan oco á xente nova. Ademais é un proxecto que lle leva a contraria a ese discurso de lingua como peza de museo, e é un proxecto que busca apoderar a muller, que busca amosar unha muller que usa o idioma no seu día a día”, di.
Os vídeos están protagonizados"por mulleres novas que dende distintas actividades e coñecementos se manifestan abertamente a prol da práctica do idioma galego, algo que define con esperanza un horizonte novo”, dixo Freixanes
Na presentación do proxecto o presidente da RAG, Víctor Freixanes, destacou que “este acordo entre a Real Academia Galega e a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC nace coa intención de darlles voz aos novos creadores e creadoras que, no ámbito da comunicación e do audiovisual, queren amosar o seu compromiso coa lingua galega”. Freixanes subliñou, ademais, que os vídeos desta segunda edición de Novas voces para a lingua están protagonizados "por mulleres novas que dende distintas actividades e coñecementos se manifestan abertamente a prol da práctica do idioma galego, algo que define con esperanza un horizonte novo”.
As outras seis protagonistas
A serie ábrese coa cociñeira Lucía Freitas e continuará coa poeta Alba Cid, a cantante Andrea Pousa, a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, a xornalista Esther Estévez, a instagramer Paula Jorge Horta e a fotógrafa Antía Castro
Alba Cid (Ourense, 1989), galardoada co premio nacional para poetas menores de 31 anos do Ministerio de Cultura, confesa que a escolla do galego como lingua de expresión literaria foi froito dun “exercicio de claridade e de coherencia” consigo mesma. “A min o galego abriume portas en todos os países lusófonos”, engade a cantante Andrea Pousa (Tomiño, 1990). Laksmy Irigoyen (Maó, 1979, con raíces en Salvaterra de Miño), produtora xefa do videoxogo The Waylanders, reflexiona tamén sobre o valor engadido da lingua e da cultura propias na creación de contidos exportables e de éxito.
A instagramer Paula Jorge Horta (Burela, 1989) réstalles importancia aos comentarios nas redes sociais baseados nos prexuízos lingüísticos; Esther Estévez (Verín, 1997) fala da súa experiencia á fronte do programa da TVG Dígocho Eu e Antía Castro (Santiago de Compostela, 1999), veciña de Vedra e superheroína máis nova, define a lingua como a súa fonte de inspiración e parte esencial da súa identidade persoal.
‘A orixe da nosa lingua guapa’
O CPI Santa Lucía de Moraña acolleu a presentación da película A orixe da nosa lingua guapa, impulsada pola RAG
O CPI Santa Lucía de Moraña acolleu hai uns días a presentación da película A orixe da nosa lingua guapa. A peza baséase nunha idea orixinal da académica Fina Casalderrey, que asina o guión coa profesora de galego Fátima R. Ruibal. A docente do IES Antón Alonso Ríos (Tomiño) é ademais a mestra-meiga que protagoniza esta película canda as verdadeiras estrelas da produción: os nenos e as nenas do CPI Santa Lucía que se converteron en actores e actrices para a ocasión.
Con esta curtametraxe de ficción, a Real Academia Galega inaugura un novo espazo para o público máis novo no marco de Primavera das Letras, o proxecto web da institución para nenos e nenas de infantil e primaria que puxo en marcha en 2016. Dende a sección Lingua Guapa estenderá a oferta de contidos alén da celebración da figura homenaxeada cada Día das Letras Galegas con diversos recursos para achegar a rapazada á lingua e á literatura galegas de xeito ameno.