Hai dúas semanas dous torques e o brazalete de ouro, de posible orixe castrexa e procedentes dunha colección particular galega, foron vendidos nunha poxa realizada pola casa Ansorena por un total de 210.000 euros
Hai dúas semaas dous torques e o brazalete de ouro, de posible orixe castrexa e procedentes dunha colección particular galega foron vendidos nunha poxa realizada pola casa Ansorena por un total de 210.000 euros. A polémica que seguiu a esta venda nos dían vén de provocar a reacción do Ministerio de Cultura, que a través dun decreto declarou as pezas como "inexportables", provocando que a venda ficase abortada, segundo confirma a propia casa de poxas.
Nun principio, tanto o Ministerio de Cultura como a Consellaría de Cultura rexeitaran exercer o dereito de tanteo indicado na lexislación debido ás "dúbidas razoables" existentes sobre a orixe concreta das xoias, que a Xunta sitúa fóra de Galicia. Con todo, algúns arqueólogos ourensáns apuntan que o achado destes elementos puido levarse a cabo no castro de Beade entre 1939 e 1940. As pezas están datadas na II Idade de Ferro (entre os séculos V e I a. C.).
Nun principio, tanto o Ministerio de Cultura como a Consellaría de Cultura rexeitaran exercer o dereito de tanteo indicado na lexislación debido ás "dúbidas razoables" existentes sobre a orixe concreta das xoias
O Estado e a Xunta están a traballar para declarar as pezas BIC e tentar realizar unha operación de compra con elas, sobre todo unha vez que o seu valor e atractivo para compradores internacionais ficou reducido. Con todo, O Goberno galego insiste en que previamente se debe aclarar a procedencia das pezas e cuestións de propiedade. A Xunta lembra que se a adquisición pública non se realizou antes foi “pola falta de certezas documentais e ante as dúbidas sobre a procedencia e propiedade exacta das pezas”.
O Estado e a Xunta están a traballar para declarar as pezas BIC e tentar realizar unha operación de compra con elas se se comproba a súa procedencia
Aínda que a poxa ficou anulada, unha vez que se decretou a imposibilidade de que as pezas cruzasen a fronteira do Estado, Ansorena segue a ofrecer os tres elementos nas súas páxina web para "venda directa" por un prezo de 210.000 euros máis un 23% de comisión.
No pasado outras pezas semellantes, con orixe galega, foron vendidas a compradores estranxeiros e remataron en coleccións privadas ou museos internacionais. É o caso, por exemplo, dos Ourense Torcs, achados na década dos 50 do pasado século e adquiridos en 1960 polo Museo Británico, onde se poden contemplar.