O Museo do Pobo Galego homenaxea a Carlos García Martínez, fundador e director durante dúas décadas

Exposición permanente do Museo do Pobo Galego CC-BY-NC Dan Pérez

O pasado 17 de marzo finaba en Santiago de Compostela Carlos García Martínez, fundador e director do Museo do Pobo Galego dende 1999. Coincidindo co 41º aniversario da inauguración do museo, a institución quere renderlle homenaxe ao home que, ao longo de corenta e dous anos, "foi o seu principal valedor", destaca.

O pasado 17 de marzo finou Carlos García Martínez. "Galiza séntese hoxe un chisco máis orfa. Iso si, protexida, baixo as camelias florecidas dun traballo inmenso, que cómpre continuar", escribiu Encarna Otero

Para facelo, o MPG organiza este sábado ás 12 horas un acto conducido por María Xosé Fernández, que contará coas intervencións do antropólogo Francisco Calo Lourido, a arqueóloga Teresa Soeiro, a historiadora Encarna Otero, o escritor e editor Xosé Ramón Fandiño, Carlos A. García Pose en representación da familia e Justo Beramendi, presidente do Padroado do Museo do Pobo. Ademais, haberá unha actuación musical a cargo de Miro Casabella, pechándose cun viño de honor.

Nacido en Compostela en 1945, foi un historiador e dinamizador cultural que tivo unha participación imprescindible na fundación e xestión do Museo durante 40 anos. Foi patrono, secretario e subdirector do mesmo, ata que en 1999 asumiu o cargo de director, que ocupou ata a súa morte. Concha Losada, vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, destaca que Carlos García Martínez "non só representou ao Museo sendo o seu director. Dende o primeiro día Carlos foi pasando por todos os postos e tarefas, estivo presente ou dirixiu todos os traballos que fan posible un museo". "Carlos fixo seu o Museo do Pobo Galego", engade. 

Foi tamén membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, académico correspondente da Real Academia Galega, integrante da Comisión Xestora do novo Seminario de Estudos Galegos, patrón fundador da Fundación Castelao, da Fundación Pedrón de Ouro, socio fundador da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, presidente do Consello Galego de Museos e socio da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Foi galardoado co Premio Trasalba, outorgado pola Fundación Otero Pedrayo, no ano 1999.

"Non só representou ao Museo sendo o seu director. Dende o primeiro día Carlos foi pasando por todos os postos e tarefas, estivo presente ou dirixiu todos os traballos que fan posible un museo", destaca Concha Losada

Poucos días despois do seu pasamento, Encarna Otero dedicoulle un artigo, titulado Carlos García Martínez, na lembranza, no que destacaba que "Galiza foi sempre, na vida de Carlos García Martínez, unha realidade viva, un proxecto a realizar, unha cultura a preservar e a transmitir" e que concluía dicindo que "Galiza séntese hoxe un chisco máis orfa. Iso si, protexida, baixo as camelias florecidas dun traballo inmenso, o de Carlos García Martínez, que cómpre continuar".

O pasado ano o Museo celebrou o seu 40 aniversario, festexando catro décadas dun "milagre de país" e, ao tempo, reclamando un "apoio institucional estable" para continuar o seu labor de preservación da cultura e a identidade galegas.

 

Carlos García Martínez © Xurxo Lobato

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.