“Aínda que se trata dunha cifra en constante actualización, á data da redacción deste proxecto constan no inventario do Servizo de Arqueoloxía 20.004 bens arqueolóxicos, dos que 16.800 son xacementos, 940 achados de material arqueolóxico illado que non permite confirmar con seguridade a existencia dun xacemento, 821 topónimos que poden ser indicio dun xacemento e 1.434 referencias non confirmadas a posibles novos xacementos”. Así resume o servizo de Arqueoloxía da Xunta a envergadura do traballo que o Goberno galego vén de sacar a concurso para, por 1,1 millóns de euros, xeolocalizar durante cinco meses con GPS todos os bens arqueolóxicos do país nun rexistro que segue a aumentar de xeito constante, como o demostra o recente achado nas Neves do que os expertos consideran "o maior descubrimento de arte rupestre das dúas últimas décadas en Galicia".
A decisión da Xunta de facilitar as cortas de eucaliptos sen permiso previo obrígaa a modernizar o rexistro de posibles restos para evitar que resulten danados
A iniciativa da Xunta, que chega cando outras moitas realidades físicas xa están xeolocalizadas hai anos, vén motivada pola súa decisión de facilitar a corta de eucaliptos, piñeiros e acacias nos montes galegos. Fronte ás especies frondosas autóctonas, cuxa corta seguirá a requirir dunha autorización previa, o Goberno galego, a través da Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais, que modifica a Lei de Montes, vai permitir que esoutras árbores poidan ser cortadas cunha simple presentación dunha declaración responsable previa por parte do interesado cando se vaia facer alí onde non haxa que respectar ningunha cautela por razóns de proximidade a espazos protexidos, cursos de auga ou bens patrimoniais, entre outros. Ata o de agora, con permisos previos para as cortas, xa se viñan producindo numerosos atentados contra o patrimonio arqueolóxico, polo que a decisión de facilitar eses traballos fai temer a diversas entidades de protección do patrimonio por un incremento dos danos neses restos, que en moitos casos non son visibles nin están correctamente identificados e localizados. De aí a decisión da Xunta de xeolocalizar todos os bens dos que ten constancia, para facilitar que calquera particular saiba se onde quere realizar unha corta hai ou non algún resto, e polo tanto precisa dunha autorización expresa do Goberno galego cunhas cautelas concretas.
O paso dado agora pola Xunta de xeolocalizar os restos arqueolóxicos de xeito oficial viña sendo reclamado desde hai anos polo sector da arqueoloxía para poñer fin ás numerosas imprecisións que presentan as diversas fontes documentais
Á espera de como se concrete o procedemento, sobre o que as entidades de protección do patrimonio amosan serias dúbidas, o paso dado agora pola Xunta de xeolocalizar os restos arqueolóxicos de xeito oficial viña sendo reclamado desde hai anos polo sector da arqueoloxía para poñer fin ás numerosas imprecisións que presentan as diversas fontes documentais actuais ao respecto, nas que é doado atopar xacementos debuxados nos planos a varios centos de metros de onde están realmente.
O prego de condicións do servizo que agora contratará a Xunta explica como “a maior parte” dos xacementos arqueolóxicos de Galicia, cando esta asumiu a competencia, “rexistráronse nos anos 80 e 90 do século XX, cando nin a cartografía nin os medios materiais existentes permitían situar as entidades que se localizaban de forma precisa, o que afecta tanto aos de pequeno tamaño como aos máis grandes pola súa incorrecta delimitación. O documento detalla como os máis numerosos dos actualmente rexistrados son os túmulos funerarios, as coñecidas como mámoas, que supoñen o 48% do total, seguidos da arte rupestre, os castros, co 17%, e os petróglifos, co 16%.
As Rías Baixas preséntanse como a zona con maior número de xacementos identificados por quilómetro cadrado, ata 1,86 na comarca do Morrazo
Canto á súa distribución territorial, os arqueólogos da Xunta salientan que nela inflúe “a intensidade da investigación que se desenvolveu” en cada comarca. Así, as Rías Baixas preséntanse como a zona con maior número de xacementos identificados por quilómetro cadrado, ata 1,86 na comarca do Morrazo. Fronte a esa cifra, o Macizo Central ourensán baixa a 0,3 xacementos por quilómetro cadrado. En función desas intensidades a Xunta dividiu o contrato que agora vén de sacar a concurso en 25 zonas de traballo, con orzamentos que van desde os 77.000 euros para a zona do Morrazo e Pontevedra ata os 30.000 euros para o Macizo Central.
Expertos consultados advirten do reducido dos cartos e o tempo consignados pola Xunta
Ante estas cifras, expertos consultados advirten do reducido dos cartos e o tempo consignados pola Xunta. Apuntan, por exemplo, que visitar os 1.200 xacementos dos que a priori o Goberno galego ten constancia na zona do Morrazo e Pontevedra, para a que están destinados 77.000 euros, suporía destinar a cada elemento un custo en traballo do persoal de apenas 60 euros, ao tempo que os cinco meses de prazo implicarían ter que visitar unha ducia de emprazamentos en cada xornada laborable.
Porque en todas esas 25 zonas, as empresas de arqueoloxía que obteñan os contratos deberán realizar o que a Xunta denomina “prospección arqueolóxica superficial extensiva, entendida como a exploración superficial e sistemática do territorio de cara ao estudo e investigación para a correcta identificación, descrición e localización dos ben arqueolóxicos [...] así como identificar e rexistrar aqueloutros novos que poidan existir nas súas proximidades”. O obxectivo non é, xa que logo, escavar, algo que queda para o futuro, senón identificar e documentar sobre o terreo. E agora, facelo con GPS.