Ecoralia, a lambona ecolóxica, o último proxecto do músico Paco Cerdeira, foi presentado hai uns días en Lugo e comezará a xirar por Galicia a partir do ano que vén. A meiga Ecoralia é unha personaxe de nova creación feito da man do Craega, con ilustracións de Laura Romero
“Don Arsenio escoitou con atención os consellos da meiga. Entendeu que todos os produtos químicos que esparexía nas súas árbores chegaban á terra e á auga. Pensou nos ríos e os regatos que serpeaban cruzando os montes, e mais nas fragas nos soutos..." Este é un fragmento de Ecoralia, a lambona ecolóxica, o último proxecto do músico Paco Cerdeira, coñecido como Pakolas polo público infantil, que foi presentado hai uns días en Lugo e comezará a xirar por Galicia a partir do ano que vén.
A meiga Ecoralia é unha personaxe de nova creación para este proxecto feito da man do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), que conta coas ilustracións de Laura Romero.
Trátase da primeira vez que o compositor traballa co Craega. “Foi unha experiencia mo boa. Tiven liberdade en todo momento para facer as cousiñas ao meu xeito”, subliña Paco Cerdeira. Segundo explica, a idea é darlle continuidade ao proxecto con máis historias e mesmo que Ecoralia comparta aventuras coa popular Ramona.
Un 700 nenos de educación primaria da cidade Lugo foron os primeiros en coñecer, o pasado venres 13, este novo espectáculo en que Paco Cerdeira interpreta en directo as cancións de Ecoralia, xuntando música, historias e moita participación co público co obxecto de que a rapazada poida aprender sen renunciar ao divertimento. Ao tempo, a ilustradora Laura Romero vai trazando a historia en directo sobre os escenario. Romero licenciada en Belas Artes na Universidade de Salamanca e baixista da banda Zenzar, participou en todo o proceso creativo desta peculiar personaxe e as súas aventuras ecolóxicas.
Todo o proxecto Ecoralia, composto polo conto, xunto coas seis cancións creadas por Pakolas así como as unidades didácticas, pódese descargar a través da páxina do Craega de xeito gratuíto
Todo o proxecto Ecoralia, composto polo conto, xunto coas seis cancións creadas por Pakolas así como as unidades didácticas feitas por dous profesores, pódese descargar a través da páxina do Craega de xeito gratuíto. Ao longo do ano irase facendo un traballo de divulgación do proxecto para que o mestrado de Primaria o mesmo as familias fagan uso destes materias segundo as súas necesidades. Ao tempo que o proxecto músico teatral divulgativo xirará polo territorio galego. “Fixen seis pezas que axudan a contar o conto. A música viste o conto, e ao revés”, explica Paco Cerdeira.
Ecoralia, a lambona ecolóxica é un libro destinado a un público de ata 12 anos, unha ferramenta educativa que combina música e lectura para transmitirlles aos máis pequenos a importancia da alimentación e do coidado do medio ambiente. Desde o Craega detallan que o proxecto busca fomentar valores como a sostibilidade e o consumo responsable dun xeito lúdico, facendo que a aprendizaxe sobre alimentación ecolóxica sexa divertida e inspiradora.
“Fixen seis pezas que axudan a contar o conto. A música viste o conto, e ao revés”, explica Paco Cerdeira
O obxectivo principal do Craega ao desenvolver esta idea, segundo explica a entidade, é que os máis pequenos coñezan o sistema de produción ecolóxica dun xeito ameno e divertido, co fin de concienciar as futuras xeracións da importancia da alimentación saudable e ecolóxica.
Máis de 1.500 operadores no Craega
No Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia están inscritos un total de 1.552 operadores certificados (cifra de 2023), que poden garantir que os produtos que ofrecen son xestionados de acordo a prácticas agrícolas respectuosas co medio ambiente e o benestar animal. Os produtos de orixe animal son os máis representativos na nosa comunidade e supoñen o 52% do total: o leite en primeiro lugar, seguido das carnes, conservas de peixe e ovos. Aínda que nos últimos anos ten un importante crecemento a produción vexetal, con crecemento nos tubérculos, recolleita silvestre e a horticultura que tanto demanda o consumidor.
Paco Cerdeira subliña o peso que ten esta actividade nas vilas galegas e como a rapazada das contornas máis rurais axiña “recoñece os seus veciños” entre directorio de operadores do Craega.
Desde o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica destacan que hai operadores en 279 concellos de Galicia. O sector eco galego, cun volume de ventas de 113 millóns de euros, ten dous polos territoriais claros, segundo os datos do Craega: a provincia de Lugo, que leva o peso da produción con 478 operadores e a de Pontevedra, que leva o peso da industria con 140. Na última década medrou a superficie ecolóxica en Galicia un 198%, pasando de 15.670 ha no ano 2013 a 46.967 ha no ano 2023. As provincias interiores, Ourense e Lugo acaparan o 85% do total da superficie inscrita en agricultura ecolóxica en Galicia.