O Parlamento galego aprobou este venres por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo PSdeG-PSOE na Comisión de Educación e Cultura que insta a Xunta a "dotar ao Ateneo de Ourense, antes de que remate o ano 2017, dun espazo de titularidade pública axeitado e coas condicións requiridas para que esta entidade continúe coa súa actividade sen ánimo de lucro". O futuro da asociación cultural, con case medio século de historia, está no aire tralo seu obrigado traslado do local que ocupa na actualidade, o que espertou nas últimas semanas un amplo movemento de reivindicación na cidade.
A proposta, presentada pola deputada Noela Blanco, destacaba que o Ateneo "nunha época na que o debilitamento da ditadura comezaba a ser patente, fomentou as actividades de oposición ao franquismo favorecendo a confluencia de diversos movementos de protesta, sendo dende os seus inicios un verdadeiro reduto para debater en liberdade, e un referente de tolerancia e diversidade". "Este espazo aberto á sociedade aglutinou a persoeiros do mundo da cultura e da sociedade ourensán tan insignes coma os escritores Vicente Risco e Blanco Amor, o doutor Cabaleiro Goás, o pintor Xaime Quesada, ou aos políticos Celso Montero e Peña-Rey", engadía, explicando que "coa chegada da democracia o Ateneo mantivo a súa acción, formando parte da súa programación actividades culturais, roldas de prensa de plataformas cidadás, actos de solidariedade, debates políticos, ou actividades varias como campionatos de xadrez".
Esta semana o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, ofreceu a súa "total colaboración" á plataforma ProAteneo, amosando a súa disposición a mediar ante a Xunta e tamén a ceder espazo no centro cultural Marcos Valcárcel, onde poderían seguir desenvolvendo as súas actividades. "Non entenderíamos unha cidade e unha provincia de Ourense sen un referente social e cultural como é o Ateneo", dixo Baltar.