O persoal dos arquivos da Xunta denuncia un trato salarial e laboral "discriminatorio"

Arquivo de Galicia CC-BY-SA Luis Miguel Bugallo Sánchez (Lmbuga)

Este domingo 9 de xuño celébrase o Día Internacional dos Arquivos. Aproveitando esta conmemoración, a Asociación Profesional de Arquiveiras e Arquiveiros da Xunta de Galicia (APTAX) denunciaron a súa situación laboral, criticando que "a Xunta  outórganos un trato salarial e laboral discriminatorio, pois facemos o mesmo traballo e asumimos as mesmas responsabilidades que o persoal técnico de calquera outra administración cobrando ata un 20% menos". Engaden que "a esta discriminación salarial engádense condicións laborais negativas, como ter que traballar polas tardes sen retribución, ou carecer de carreira profesional real".

"Algúns arquivos da Xunta teñen ao seu servizo unha soa persoa para xestionar máis de 7 km. lineais de documentos"

Tamén lembran que a Lei de Arquivos obriga ao Goberno galego a que os seus centros dispoñan "de persoal suficiente e cualificado", porén, sinalan que "a realidade é que algúns arquivos da Xunta teñen ao seu servizo unha soa persoa para xestionar máis de 7 km. lineais de documentos".

Nun manifesto que foi lido o pasado venres ao mediodía en concentracións que tiveron lugar nos Arquivos Históricos Provinciais, do Arquivo do Reino de Galicia e do Arquivo de Galicia, arquiveiros e arquiveiras enumeran outros incumprimentos da Lei de Arquivos. Subliñan que a norma dispón que debe haber un arquivo central para cada consellería, "pero das dez consellerías existentes, só dúas contan con arquivo central dotado de persoal técnico", din. 

"Asumimos as mesmas responsabilidades que o persoal técnico de calquera outra administración cobrando ata un 20% menos"

Tamén reclaman que os seus arquivos dispoñan das infraestruturas necesarias para garantir a conservación dos documentos, como tamén establece a Lei, "pero a realidade é que todos os seus arquivos están colapsados ou practicamente colapsados", rematan.

Esta denuncia súmase á realizada hai dous meses polo sindicato Alternativas na Xustiza-CUT, que alertou da situación dos arquivos xudiciais galegos: sobrecargados, cheos de humidade e en risco de destrución.

Lectura do manifesto, o ano pasado © APTAX

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.