O pleno da Coruña denuncia o desmantelamento do CGAI por parte da Xunta

Imaxe do pleno celebrado este luns na Coruña © Concello da Coruña

O pleno municipal da Coruña aprobou por maioría, cos votos da Marea Atlántica, PSdeG-PSOE e BNG unha moción presentada por esta última forza que insta á Xunta a “retirar a proposta de modificación da relación de postos de traballo no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), e proceder á reposición das prazas amortizadas”.

O texto manifesta "a desconformidade da Corporación do Concello da Coruña diante desta medida de afogamento e desmantelamento encuberto do CGAI, un centro cultural de vital importancia para a nosa cidade, por atoparse situado nela, máis tamén para o conxunto do país". A moción expresa ademais "a solidariedade do conxunto da Corporación" coas traballadoras e os traballadores do centro.

En xullo a Xunta executou a amortización de tres prazas no CGAI, o que implicou o despedimento dun dos dous proxeccionistas. O despedimento desta persoa -con contrato fixo, que consolidara a súa praza despois dunha longa batalla xudicial que rematara cunha sentenza do TSXG- fíxose ademais a través dunha RPT (relación de postos de traballo). Tanto para os traballadores, coma para os sindicatos este procedemento é inaceptables. Ademais, ao igual que a totalidade de entidades profesionais do sector audiovisual, denuncian que o recorte de prazas na filmoteca impedirá ao centro levar a cabo as súas funcións de arquivo, investigación e difusión do audiovisual en Galicia.

"A situación precaria que padece o CGAI froito dos recortes fai que hoxe se amoreen nos corredores do centro centos de latas da nosa memoria audiovisual co perigo de que se estraguen obras imprescindíbeis da nosa memoria audiovisual e outros materiais", engade a moción presentada polo BNG.

 

Imaxe do pleno celebrado este luns na Coruña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.