O pregón de Sofía Toro e música de Carlinhos Brown abren un mes de Festas de María Pita

Carlinhos Brown, que esta noite abre as Festas de María Pita Dominio Público Praza Pública

A regatista Sofía Toro (A Coruña, 1990), medalla de ouro nos xogos olímpicos de Londres 2012, lerá esta noite, ás 21.15 horas na praza de María Pita, o pregón de inicio das festas grandes da Coruña. A continuación, Carlinhos Brown coa súa fusión brasileira meterá o ritmo no corpo de coruñeses e visitantes que darán comezo así a un mes de festas que se expandirán por toda a cidade con actividades para todos os gustos.

Por esa mesma praza de María Pita irán pasando, na programación das súas Noites, artistas como Loquillo (xoves 11), Nouvelle Vague (venres 12),  Carlos Baute (Sábado 13) ou Ute Lemper (domingo 14). Tamén actuarán a Orquestra Galega de Jazz ou a Sinfónica de Galicia, que o sábado 20 estará acompañada da artista nórdica Ane Brun. Ademais, o domingo 7 será o día grande do Festival Noroeste, coas actuacións de Editors, Ocean Colour Scene, Freedonia ou Triángulo de Amor Bizarro. E entre os días 3 e 8 a oferta musical compleméntase co Festival de Habaneras.

Segundo salientou hai uns días na súa presentación o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, as festas “apostan por amosar unha cidade viva e diversa”, cunha programación “variada e de calidade” que promociona “o tecido creativo local”. Para iso, serán estas unhas festas que se deixarán sentir tamén nos barrios, especialmente durante a segunda quincena do mes. E entre os máis pequenos, cunha programación específica co estreo este ano do Parque das Utopías, un programa "transversal, máis aló do mero espectáculo", segundo Sande, "con contidos medioambientais, de xénero e social",

Ute Lemper, Editors, Loquillo, Carlos Baute, actividades infantís, libros, artesanía, habaneras e festas de barrio son algúns dos atractivos que ofrece A Coruña durante agosto

Entre as actividades paralelas, hoxe mesmo comeza a Feira do Libro, cuxas 35 casetas permanecerán abertas nos xardíns de Méndez Núñez ata o vindeiro día 10 e verán pasar por elas máis de 180 escritores. Unha feira que enlazará cunha nova edición de Viñetas desde o Atlántico, que se estenderá entre os días 8 e 14, e que á súa vez enlazará coa Feira do Libro Antigo. O LXXXI Trofeo Teresa Herrera de Fútbol (9 de agosto), regatas de traíñas e a regata de grandes veleiros The Tall Ships Race, que se celebra entre os días 11 e 14, porán a nota deportiva a un mes de festas.

Cartel das Festas de María Pita 2016 Dominio Público Uxía Pin
A regatista coruñesa Sofía Toro Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.