O PXOM de Folgoso do Courel esquece as valiosas covas da zona

Cova de Arcoia © http://falbo.blogspot.com.es/

O Concello de Folgoso do Courel vén de presentar o avance do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), un documento que xa recibiu as primeiras críticas por parte do colectivo ecoloxista SOS Courel. A entidade fai fincapé nas numerosas ausencias que atopa no documento, nomeadamente no que atinxe a elementos e espazos que forman parte do patrimonio natural e cultural do concello. O PXOM ten aberto o seu periodo de alegacións, que se prolongará durante os vindeiros dous meses.

O Courel contén numerosos tesouros naturais, que nos últimos anos foron decote ameazados por proxectos industriais de todo tipo, dende parques eólicos a minas. Estes tesouros están na superficie, nas súas fragas, vales, montañas e ríos, mais tamén baixo terra, cun conxunto de covas que leva anos sendo estudado por especialistas e afeccionados á espeleoloxía. Unha boa parte destas covas foron esquecidas polo PXOM presentado, entre elas algunha tan coñecida e de gran valor, coma a cova de Arcoia, ou as de Ceza, Chao de Mazairos ou a buraca das Choias de Visuña.

SOS Courel lembra que no PXOM só se recollen unhas oito cavidades naturais, cando na zona hai máis de cen, e que ademais foron inventariadas hai anos pola Federación Galega de Espeleoloxía ou recollidas por outras publicacións, coma a realizada polo clube espeleolóxico Maúxo, de Vigo, e o Instituto de Xeología Isidro Parga Pondal, da Universidade da Coruña. Trátase na súa maior parte de covas kársticas situadas no límite dos glaciares que existiron durante o Pleistoceno nas zonas máis altas da serra. O estudo científico destas cavidades, cuxa formación está asociada aos procesos de drenaxe das antigas masas de xeo, comezou en tempos moi recentes. Algunhas delas foron descubertas en 1993 e 2007.

O Instituto Isidro Parga Pondal, en colaboración coa universidade estadounidense de Georgia, está a utilizar estalagmitas extraídas da cova de Arcoia nun proxecto de investigación cuxo obxectivo é obter un rexistro dos climas prehistóricos das montañas de Galicia. Con esta técnica pódense determinar as condicións de humidade e temperatura que se deron na zona hai milleiros de anos. Nun primeiro ensaio obtívose unha secuencia de datos climáticos que se estende desde hai 14.000 anos (a finais da última glaciación) até a época actual. Agora estanse realizando análises cun fragmento de estalagmita de maior tamaño, e por tanto moito máis antiga, dos que se espera extraer datos dos últimos 235.000 anos.

A entidade tamén sinala a ausencia de numerosos elementos do patrimonio arqueolóxico, etnográfico e arquitectónico

SOS Courel tamén reclama a incorporación doutras formacións xeolóxicas, coma as Penas da Vitureira de Froxán, as Penas de Miranda e os Altos da Serra. E, de igual xeito, bota en falta no documento os hábitats naturais identificados no plano de ordenación de recursos naturais da zona Ancares-Courel elaborado pensando na súa posible declaración como parque natural. A entidade tamén sinala a ausencia de numerosos elementos do patrimonio arqueolóxico, etnográfico e arquitectónico, coma castros, mámoas, explotacións mineiras históricas, ou os acueductos da mina romana de Torubio.

Cova de Ceza © http://espeleobloc.blogspot.com.es/
Cova Buraca das Choias © www.serradocourel.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.