Dende hai tres anos o verán en Lugo soa a blues. Faino a través do Festival Internacional de Blues, que este mes celebra a súa terceira edición, plenamente consolidado na cidade, tralo éxito acadado nos anos 2017 e 2018.
A iniciativa da Deputación provincial terá lugar os días 19, 20 e 21 de xullo cun amplo programa de concertos ao aire libre con entrada gratuíta. Entre os concertos previstos destacan as actuacións de Watermelon Slim, YolanDa Brown, Aretha Soul Divas & The Silverbacks, Izo Fitzroy, Chris O’Leary Band e Ben Poole.
Destacan as actuacións de Watermelon Slim, YolanDa Brown, Aretha Soul Divas & The Silverbacks, Izo Fitzroy, Chris O’Leary Band e Ben Poole
O festival, baixo o nome de Blues Museum de Lugo, aproveita como escenario o patrimonio histórico da cidade, pois os concertos celébranse nos Xardíns do Museo Provincial e na Praza da Soidade.
Ademais dos nove concertos previstos nestas tres xornadas, a cargo dos seis devanditos artistas, a programación inclúe como actividade paralela unha Masterclass a cargo de Ben Poole o sábado 20 ás 13 horas, nos xardíns do Museo Provincial. Poole Esta considerado un dos artistas novos máis excitantes de Rock, Blues e do Soul. Para participar nesta sesión, non se precisa inscrición previa, será ata completar aforo de 40 participantes.
O calendario inclúe un concerto ao mediodía do venres e do domingo, nos Xardíns do Museo, e concentra o resto de actuacións a partir das 21:30 horas o venres e o sábado, nas prazas xa citadas.
Watermelon Slim comezou a tocar a guitarra na cama dun hospital militar en Vietnam, ferido, empregando a tapa dunha lata oxidada de café e o seu Zippo como slide. Gravou o seu primeiro álbum en 1973, un disco antibelicista chamado Merry Airbrakes. Ata 1999 non publicou o seu segundo traballo e dende entón encadeou 11 discos, todos con grande éxito, que lle valeron 17 nominacións aos Blues Music Awards.
YolanDa Brown. Esta saxofonista británica con raíces xamaicanas foi a primeira artista galardoada con dous premios consecutivos MOBO ao Mellor Jazz. Cun directo abraiante, o seu último álbum, Love Politics War, sorprendeu a todos pola destreza coa que mestura jazz, reggae e soul, e está cargado de mensaxes sociais.