O WOS repite: Máis música, cine e coloquios en Compostela

Durante 5 días a cultura espállase por todos os recunchos da cidade © Javier Amosa

O WOS anunciou este mércores as últimas propostas cun completo cartaz que encherá a cidade de Compostela de eventos culturais do 7 ao 11 de setembro. No apartado musical, Vessel, Black Cobra, Tin Man, Pigs Pigs Pigs Pigs Pigs Pigs Pigs, ARIES, Pablo Electrocute, Nzumbe e Dj-Firmeza únense a Silver Apples, Thee Oh Sees, Roly Porter & MFO, Dead Meadow e The Soft Moon.

O festival será marco de moitas ocasións moi especiais, como a primeira data en España de Martin Kohlsted, o primeiro concerto en Europa de Silver Apples co seu novo disco, a presentación de Third Law de Roly Porter, a participación na estrea mundial de One more time With Feeling (o documental centrado no novo álbum de Nick Cave) ou a estrea en Galicia de obras de danza como Symbiosis, de Ziomara Hormaetxe, ou o espectáculo performático El Caballo del Sueño.

Na programación de cinema atopamos tamén Step Across the Border, B Movie: Lust & Sound in West Berlin (1979-1989). Ademais, o Festival Curtocircuíto e WOS programan conxuntamente unha Noite Curta ao aire libre na Praza da Quintana este xoves 1 de setembro que contará con Ulobit e o seu A/V Suite, e servirá para presentar a alianza entre os dous axentes culturais da cidade.

O programa de conferencias e encontros contará nesta terceira edición con seis coloquios orientados tanto a profesionais da industria cultural coma ao público en xeral. Na Cidade da Cultura e o CGAC terán lugar cinco coloquios, aos que se suma un Encontro con Simeon Coxe (Silver Apples), figura imprescindible na historia da música desde os anos sesenta. Estes sos os outros cinco coloquios programados: Sold Out!: Novas estratexias tecnolóxicas aplicadas aos eventos culturais; Festivais 2.0: Creatividade e risco na xestión cultural; Novos medios, novas realidades: innovación audiovisual e o seu impacto na industria cultural; Son & Visión: Unha historia do videoclip galego; e Publica a lenda: mito e realidade da prensa musical independente.

En conxunto, WOS presenta unha ambiciosa programación coa que reforza e mantén a súa vontade de ofrecer "un programa da máis alta calidade, convidar o descubrimento de novas propostas culturais e proporcionar aos asistentes experiencias únicas", segundo destaca a organización. Na web do festival están dispoñibles dous tipos de abono: O abono premium, que dá acceso a todos os espazos durante o cinco días do festival; e o abono weekend, que dá acceso a todos os espazos o venres, sábado e domingo. Así mesmo, pódense adquirir entradas para cada unha das xornadas por separado.

Así foi a edición 2015 do WOS

Un dos concertos da edición 2015 do WOS © WOS Festival
Durante 5 días a cultura espállase por todos os recunchos da cidade © Javier Amosa
A Cidade da Cultura e o CGAC acollerán un total de seis coloquios © WOS Festival
Programación musical do WOS 2016 © WOS Festival
Concerto de Chicharrón na edición 2014 do Wos Inc Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.