'Odisea atlántica': o poema de Homero xa foi reinterpretado na catedral de Santiago

Columna de Ulises e despregamento dos seus relevos e, á esquerda, proceso de fotogrametría da columna © Museo da Catedral / KosmoTech_1200 Montaxe: Praza.gal

O investigador do CISPAC Francisco Prado-Vilar salienta o diálogo que se pode establecer entre a película 'Odisea', que vén de estrear Christopher Nolan, e a interpretación cristiá do poema de Homero que se levou a cabo na Columna de Ulises da catedral de Santiago nove séculos antes

Pasaremos o resto da eternidade revisando a Homero, igual que a outros autores que o lector poida ter na cabeza, pois todo o que nos pasa está xa descrito ou apuntado nas súas obras, dunha forma ou doutra. É por iso que cando aparece unha nova interpretación da Odisea, acompañada ademais de todo o aparato de Hollywood, como é o filme de Christopher Nolan, o poema que narra o regreso de Ulises a Ítaca tras a Guerra de Troia volve estar de actualidade. Se cadra, o que non contabamos era con que esta historia tamén nos ligase a Compostela, ao apóstolo e á catedral.

Francisco Prado-Vilar, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e investigador do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), presenta nun artigo publicado en Románico Digital unha nova interpretación da chamada Columna de Ulises, unha peza románica de mármore procedente da antiga Porta Francíxena da catedral –chamada así por ser a porta de entrada dos peregrinos, e substituída no século XVIII pola actual da Azabachería–, na que “un artista do século XII recreou a historia de Ulises entrelazando a memoria da mitoloxía clásica coa esexese cristiá”. Unha columna que está a recibir moita atención por parte dos visitantes que estes días se achegan ao Museo da Catedral, onde se conserva na actualidade.

O investigador traza un símil –“unha verdadeira navegación semántica”– entre Ulises e o apóstolo Santiago, a travesía do guerreiro de volta a Ítaca e a translatio do discípulo de Xesús a Compostela. “A asociación entre ambas travesías resultaba natural para un espectador medieval, pois se cría que Ítaca non fora o destino final de Ulises. Nunha traxectoria semellante á do Apóstolo, o heroe volvería a facerse ao mar para alcanzar os confíns do mundo coñecido, atravesando as columnas de Hércules e adentrándose no Atlántico, onde perecería con toda a súa tripulación, non sen antes deixar a súa pegada na toponimia. Segundo Isidoro de Sevilla, Olisipona (Lisboa) debía o seu nome a Ulises, o seu fundador”, describe Prado-Vilar no seu artigo.

Ulises preséntase "como modelo do peregrino que vence as tentacións do camiño e alcanza a súa meta espiritual"

Os cóengos encargados polo arcebispo Xelmírez de redactar a Historia Compostelá non deixaron pasar a oportunidade de aludir á Odisea e “incorporaron alusións á xeografía mítica” do poema grego. Na crónica que relata a grandiosidade da translatio do apóstolo sinalan que “alcanzou o porto de Iria (Padrón) tras sortear a Escila e Caribdis”, dous monstros que, como explica Prado-Vilar, reaparecen noutras pasaxes como imaxes dos perigos afrontados polo propio Xelmírez fóra do Reino de Galicia. Unha sorte de intento de “converter Compostela na Ítaca celestial de Occidente”.

A Columna de Ulises, custodiada no Museo da Catedral, leva o paralelismo da Odisea co cristianismo ao terreo da imaxe e “articúlaa como un sermón visual construído a partir de episodios cristianizados da épica homérica”. Ulises preséntase “como modelo do peregrino que vence as tentacións do camiño e alcanza a súa meta espiritual”.

As interpretacións alegóricas da viaxe de Ulises recorren de diferentes maneiras aos obstáculos –máis 'sedutores' que realmente físicos– que o heroe ten que superar na súa travesía. Lembra Prado-Vilar que no século III Hipólito de Roma empregou a imaxe das sereas –representadas xunto ás harpías nos capiteis románicos– para advertir os fieis das falsas doutrinas. A aventura das sereas vai desde o canto co que adurmiñan os navegantes ata o ataque que os precipita ao mar, cun Ulises que sae indemne porque permanece amarrado ao mastro da cruz.

Detalle da escena de Circe na Columna de Ulises da catedral de Santiago © Museo da Catedral de Santiago

“O heroe preséntase xa actualizado como un cabaleiro do século XII, con cota de malla, escudo e espada, convertido en imaxe do miles Christianus que combate as forzas que ameazan o seu regreso. É baixo esta transfiguración guerreira como o atopamos na columna compostelá”, destaca o profesor da USC.

Na banda central da columna represéntase o paso de Ulises ante as sereas. “A escena concentra o seu significado nun xesto no que Ulises rodea a cabeza dun dos seus compañeiros e lle tapa o oído para protexelo do canto mortal. A cera, identificada pola tradición cristiá cos Evanxeos, convértese no instrumento que permite resistir as voces enganadoras. Ao redor dos navegantes aparecen diferentes tipos de sereas e unha figura con trazos de Escila, vinculada na interpretación moral medieval á violencia do desexo”, detalla o investigador. A escena dialogaba, ademais, coa figura do rei David da antiga fachada, que vencía coa súa música outra serea.

O escultor converte a fuxida de Ulises do dominio de Circe nun combate protagonizado por un cabaleiro medieval, inspirándose tamén en modelos procedentes de sarcófagos romanos

“No seu emprazamento orixinal, esta oposición entre sons que seducen, ameazan ou salvan atopaba unha prolongación inmediata na propia experiencia da praza. Ás voces imaxinadas das sereas, a música de David e o silencio protector de Ulises sumábanse o rumor continuo da fonte, as modulacións do vento e da choiva e o bulicio do mercado que o Códice Calixtino sitúa ante a Porta Francíxena, cos seus mercaderes, cambiatores e transaccións”, contextualiza Prado-Vilar no seu artigo.

“No rexistro superior, a tensión contida da banda das sereas dá paso a unha acción de violencia aberta, centrada nun guerreiro e o seu cabalo caído, acosados por grandes aves e seres híbridos que converxen ao redor dunha inquietante figura feminina”. Aquí aparece a máis destacada novidade do estudo de Francisco Prado-Vilar, o papel de Circe, pois sinala que a comparación con textos de Isidoro de Sevilla e Boecio e con manuscritos do século XII permite interpretar a escena como unha representación do poder das paixóns para degradar a natureza humana. O escultor converte a fuxida de Ulises do dominio de Circe nun combate protagonizado por un cabaleiro medieval, inspirándose tamén en modelos procedentes de sarcófagos romanos.

Circe no Ovidio Napoletano e a súa reformulación na columna de Ulises. 'Metamorfoses de Ovidio', Bari, ca. 1100 © Biblioteca Nazionale di Napoli

Nestas interpretacións, Circe era a encargada de mostrarlle aos homes as consecuencias do seu sometemento ás sereas –é dicir, ás paixóns– “degradando a condición humana ata reducila a unha existencia animal”. “A figura compostelá –desenvolve o artigo de Prado-Vilar– parece construída a partir da iconografía de Escila que o propio escultor utilizara na banda inferior. Conserva dela a cabeleira desordenada e a expresión de fereza, pero transforma un dos seus atributos máis característicos: os cans que emerxen da cintura. Aquí unha desas formas animais adquire autonomía, adopta unha aparencia caprina, cos característicos cornos curvados cara a atrás, e convértese na montura da muller, configurando unha imaxe próxima á Circe do Ovidio Napoletano”.

"A columna é, en definitiva, un obxecto prodixioso: un sofisticado dispositivo que activa a imaxinación do espectador e embárcao nunha travesía única a través de mundos descoñecidos", di Prado-Vilar

Para o investigador a posta en escena do episodio de Circe na Columna de Ulises revela ata que punto o escultor reinterpretou a historia para inscribila na interpretación cristiá da viaxe de Ulises na Odisea. “Vista no seu conxunto, a columna queda enmarcada por dúas escenas icónicas concibidas como inversións dunha mesma situación. Na base, unha embarcación que transporta a un guerreiro recostado navega, sen naufragar, por augas turbulentas; na cima reaparece o mesmo mar axitado, pero a nave desapareceu e no seu lugar flota un corpo parcialmente mergullado. Á navegación que resiste o embate do mar responde, no extremo oposto do fuste, a imaxe do naufraxio”.

“A columna é, en definitiva, un obxecto prodixioso: un sofisticado dispositivo que activa a imaxinación do espectador e embárcao nunha travesía única a través de mundos descoñecidos”, conclúe Prado-Vilar.

Con esta publicación, o investigador quere salientar o diálogo que se pode establecer entre a película Odisea, do cineasta Christopher Nolan, e a interpretación cristiá do mito que se levou a cabo na catedral de Santiago nove séculos atrás. “Unha análise comparativa das formas en que a columna e a película de Nolan escenifican os episodios de Circe e as sereas permite comprobar ata que punto ambas as obras poden iluminarse mutuamente, facendo visibles en cada unha solucións narrativas, visuais e conceptuais que adquiren maior definición ao confrontarse unha coa outra”, asegura Prado-Vilar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.