Entre 2005 e 2006 tiveron lugar as negociacións de paz entre o goberno español e a banda terrorista ETA, o interlocutor do goberno era o presidente do PSE, Jesús Eguiguren e en fronte tivo a Josu Ternera primeiro e a Thierry despois. As negociacións non chegaron a bo porto e a final de 2006 ETA rompeu a tregua co atentado do aeroporto de Barajas. Ese mesmo ano, Cineuropa cumpría vinte anos e un descoñecido director vasco chamado Borja Cobeaga era nomeado ao Oscar á mellor curta de ficción por Éramos pocos, protagonizada por Ramón Barea.
Pódese facer rir con este tema? Cobeaga demostra que non só se pode, senón que o resultado é terapéutico
Pasaron apenas oito anos, e este cúmulo de feitos sen relación aparente confluíron nesta vixésimo oitava edición de Cineuropa onde Borja Cobeaga presenta Negociador, unha película protagonizada por Ramón Barea e baseada libremente no errado proceso de paz entre o goberno do PSOE e ETA. Nun primeiro termo, a proposta podería non ter máis interese que o histórico pero se aclaramos que Negociador é unha comedia, o asunto gaña interese e relevancia: Pódese facer rir con este tema? Cobeaga demostra que non só se pode, senón que o resultado é terapéutico.
O director e guionista leva anos quitándolle ferro ao asunto vasco desde os pioneiros sketches de Vaya semanita ata o último gran éxito do cine español 8 apellidos vascos, onde asina o guión. Con todo, en Negociador dá un necesario paso máis ao mostrar as conversas de Eguiguren, Ternera e Thierry; desidealizando o ocorrido e quitándolle calquera halo de transcendencia, Cobeaga céntrase nos pequenos detalles dunha negociación deste tipo como quen paga as consumicións do mini-bar ou en como explicarlle a unha tradutora as diferenzas entre Pobo Vasco e Euskal Herría cando en inglés se din do mesmo xeito.
Onde unha parte ve un “diálogo” para a fin “da violencia”, o outro ve unha “negociación” para o fin “do conflito”, unha loita terminolóxica que reduce ao absurdo esta negociación/diálogo dende o primeiro momento. A frialdade da austera posta en escena contrasta coa calor das interpretacións de Ramón Barea, Josean Bengoetxea ou Carlos Areces. O filme con todo, non é unha sucesión de gags ou unha comedia disparatada, como poderían ser os seus anteriores traballos, Negociador é puro posthumor, fai rir pola vía da traxedia, nin banaliza nin perde a magnitude do tema que trata, de feito logo do sorriso hai golpes duros que o conxelan e nese equilibrio imposible, entre traxedia e comedia, é onde reside a grandeza da película.
Onde unha parte ve un “diálogo” para a fin “da violencia”, o outro ve unha “negociación” para o fin “do conflito”, unha loita terminolóxica que reduce ao absurdo esta negociación/diálogo dende o primeiro momento
Algúns din que esta película chega demasiado pronto, que pasou moi pouco tempo para falar da fin de ETA e, a maiores, facelo en clave de comedia. A reacción do público demostra o contrario, non hai mellor xeito de romper o silencio da tensión que co son da risa. Ademais, xa nos ensinou o mestre Gila que, independentemente de quen sexa o inimigo, o mellor xeito de solucionar un problema é iniciando unha negociación: “Está ETA? Que se poña!”