O Primavera Sound (até este ano o de Barcelona e a partir de agora tamén o de Porto), axuda cada ano a facermos unha foto fixa da saúde e tendencias da música popular contemporánea. Se temos que guiarnos polas bandas que recabaron o meirande entusiasmo -en Barcelona e no Porto-, digamos por exemplo M83, The Rapture, Black Lips ou Beach House, teremos que concluír que asistimos a un claro relevo xeracional, pero non tanto a unha emerxencia de novos sons. O que a xente quere é bailar, iso parece evidente, ou fuxir a esas outras realidades oníricas ou reais que nos achegou o dúo de Baltimore nun concerto máxico. O que a xente busca é a catarse ou anestesia, que o mesmo serve unha cousa ou a outra.
Porto pechou o seu primeiro exame cun notable en canto a asistencia, e malia aos inevitables erros organizativos (en Barcelona tamén pasa todos os anos e levan xa unha década de festivais), o Optimus gustou, o mesmo que o escenario do Parque da Cidade ou o ambiente -moi respectuoso coa música, como adoito en Portugal-.
E se a xente quere bailar, M83 e The Rapture atoparon as fórmulas exactas para cunha eficaz mistura de pop, electrónica e post punk interpretar hits perfectamente medidos
E se a xente quere bailar, M83 e The Rapture atoparon as fórmulas exactas para cunha eficaz mistura de pop, electrónica e post punk interpretar hits perfectamente medidos, que soan clásicos ou que simplemente se atopan no lugar e no momento preciso. Se cadra hai bandas que teñen o seu momento exacto aquí e agora, e as formacións de Luke Jenner e Anthony Gonzalez teñen no 2012 o seu tempo.
Black Lips, The Oh Sees, os cataláns Mujeres (ou mesmo os Dirty Three, a pesar das evidentes diferenzas) xogan a outra cousa, pero o resultado é semellante: pés que se moven, gorxas que berran e corpos que se axitan sen saber por que. Pero por algo será que este grupo de bandas tamén colleitaron o éxito neste festival, nun tempo necesitado de emocións, no que as mensaxes están máis claras que nunca e o que se busca é a acción. E diso vai o punk, fágase agora, en 1979 ou no 2025, de acción-reacción, de bandas gamberras. O resultado demostrou que isto era o que moitos necesitaban.
E parágrafo aparte merecen Beach House. Porque se dicimos que non se advirten na música correntes novas consolidadas, Victoria Legrand e Alex Scally necesitan apenas un piano e unha batería para crear un mundo propio. E convenceron, sen pretensións, nun escenario en penumbra, encaixados entre os quilovatios de Neon Indian e M83, xustificando o valor da música por si mesma, sutís e absolutamente demoledores.
Canda aos éxitos referidos, houbo tamén decepcións, e estas chegaron da man dalgunha banda consagrada da que se cadra se podía agardar moito máis. Por exemplo duns Spiritualized de brillante repertorio pero pobre selección de temas e posta en escena, seguramente prexudicados por unha chuvia que na tardiña do sábado acadou a súa máxima intensidade. Pero tamén duns Saint Etienne fríos de máis para mover o público da medianoite. Outros veteranos si botaron man de experiencia para ofrecer concertos redondos que se ben non deixarán pegada, xustifican que os nomes de Suede, Mercury Rev, Wilco, Flaming Lips, Codeine ou Rufus Wainwright se escriban con maiúsculas.
Se dicimos que no festival se albiscaron síntomas dun relevo xeracional, referímonos ás notables actuacións de Tennis, The Weekend, Wavves, Siskiyou, Baxter Dury ou mesmo de Victoria Falls, ou á sorpresa de Chairlifts
Pero se dicimos que no festival se albiscaron síntomas dun relevo xeracional, referímonos ás notables actuacións de Tennis, The Weekend, Wavves, Siskiyou, Baxter Dury ou mesmo de Victoria Falls, ou á sorpresa duns Chairlifts que cun son absolutamente fóra de época -e isto non é unha crítica- fixeron bailar a milleiros de persoas baixo a carpa do festival. Novos seguen sendo The XX, e a pesar de repetir sen moitos cambios o repertorio xa ofrecido, por exemplo, hai dous anos no Vigo Transforma (á espera da publicación do seu novo álbum, este outono, do que ofreceron algúns temas), foron o máis destacado do sábado, cun directo limpo e elegante, máis parecido a unha sesión dun dj que a un concerto dunha banda, por veces.
E novos son, igualmente, The Drums, que en cambio seguen sen ser capaces de demostrar no escenario a frescura que si ofrecen nos seus discos. Contraídos, estáticos, con excesivas poses de crooner, o seu directo necesita aínda de quilómetros ou dunha redefinición que deberán buscar no descanso que anunciaron que van tomar dende agora, despois de tres anos de xira continua.
Novos son, igualmente, The Drums, que en cambio seguen sen ser capaces de demostrar no escenario a frescura que si ofrecen nos seus discos
E así, cun sábado no que a chuvia foi protagonista, pechouse a primeira edición do Optimus Primavera Sound do Porto (que xa confirmou que terá continuidade no 2013), no mesmo día en que España sufría o seu primeiro rescate, uníndose a Grecia, Irlanda e Portugal. Porto e Vigo, capital Berlín, e 25 mil persoas bailando no tempo no que as cousas rematan.