Os Beatles volven soar en galego en Liverpool con The Funkles

O secretario de Política Lingüística e membros de The Funkles, este martes en Santiago © Xunta

The Funkles son grupo tributo tributo cun achegamento aos Beatles moi de seu. A banda compostelá ten seis membros, cinco mulleres e un home, e interpreta os temas da mítica banda en inglés, pero tamén en galego. Así, na lingua propia de Galicia, soaron o pasado ano no International Beatleweek Festival, o certame que a finais de agosto enche Liverpool de sons dos Beatles e ao que este ano regresan entre o 25 e o 27 de agosto.

En compaña do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, cuxo departamento apoia a banda xunto a Galicia Calidade, catro dos membros de The Funkles presentaron este martes os seus plans para a súa segunda estancia en Liverpool. "O galego séntalle moi ben aos Beatles", aseguran dende o grupo, que xa fixo soar nun bo número de escenarios as súas adaptacións ao galego de éxitos como I feel fine ou Day tripper. Desta volta, ao repertorio sumarase Lady Madonna. 

O grupo galego ofrecerá na cidade británica un total de sete concertos nos "principais escenarios do festival", entre eles The Cavern

O grupo galego ofrecerá na cidade británica un total de sete concertos nos "principais escenarios do festival", entre eles The Cavern e farano nunha edición na que se prevé que a afluencia ao festival sexa especialmente intensa. Non en van, salientan dende a SXPL, "cúmprese o 60 aniversario" do local no que naceron The Beatles, pero tamén medio século da publicación do álbum St. Pepper's Lonely Herts Club Band. Estas efemérides cadran coa última edición do Beatleweek Festival no seu actual formato.

Dous anos e moitos escenarios despois -de Rusia a Finlandia, pasando por un ateigado concerto nas Festas do Apóstolo deste ano- The Funkles regresan a Liverpool e contribúen coas súas versións funk e soul a "proxección exterior da lingua galega", subliña García. Tras o seu paso por Liverpool na axenda do grupo aínda hai varias citas galegas como o Festival de La Luz, o 10 de setembro en Boimorto, o centro cultural Torrente Ballester de Ferrol (5 de outubro), a Festa do Marisco do Grove (11 de outubro) ou a Sala Garufa da Coruña, o día 14 dese mesmo mes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.