"Trátase de que os estudantes teñan contacto coa realidade", di Emma Torres, decana da facultade de Comunicación de Pontevedra, sobre o acordo polo que 65 estudantes realizarán prácticas nos Feroz
Un acordo entre a Universidade de Vigo e a Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) permitirá a 65 estudantes do campus de Pontevedra facer prácticas durante a 12º edición dos premios Feroz. Participarán tanto no desenvolvemento das actividades previas como na gala de entrega de premios que terá lugar o vindeiro 25 de xaneiro de 2025 no Pazo da Cultura.
“Trátase de que os estudantes teñan contacto coa realidade, e hai algo fundamental no audiovisual e na organización de eventos que son os premios. Ter a posibilidade de que estudantes de Publicidade ou de Comunicación Audiovisual, e logo máis especificamente dos mestrados, poidan ver en primeira persoa o proceso de organización e o desenvolvemento dun evento deste tamaño é unha oportunidade que ademais se dá poucas veces na porta da casa, tan preto e con tanta accesibilidade”, salienta Emma Torres, decana da facultade de Comunicación de Pontevedra.
Torres celebra que a industria do audiovisual galego “sempre acolle” ao alumnado de facultade de Comunicación. “Existe unha cultura máis asentada do que significan unhas prácticas, sábese que un bolseiro vai aprender, colaborar e ter unha participación moi boa desde a innovación”, apunta, para engadir que no sector da Comunicación Audiovisual a maior dificultade é que como se traballa por proxectos, ten que coincidir que haxa un proxecto audiovisual no que poida participar o alumnado.
O acordo asinado entre a universidade e a AICE facilita que este curso e o que vén o alumnado da facultade de Comunicación teña asegurada unha experiencia real no sector
Por este motivo, o acordo asinado entre a universidade e a AICE, presidida pola xornalista María Guerra, facilita que este curso e o que vén o alumnado teña asegurada unha experiencia real no sector. A organización dos Feroz contará con estudantes dos graos de Publicidade e Relacións Públicas (62), de Comunicación Audiovisual (2) e do Máster en Creación de Contidos Dixitais e Redes Sociais (1). O alumnado acolleu a nova con moito interese e as coordinadoras de prácticas xa están a recoller candidatos e candidatas para estas prazas.
“A verdade é que desde que pasou a pandemia a participación do alumnado segue un pouco desactivada, entón, cando xorden iniciativas nas que o alumnado é moi proactivo sempre é unha ilusión”, conta a decana, que celebra que Galicia sexa o “terceiro polo do audiovisual no Estado, tras Madrid e Barcelona”. Unha circunstancia que ve moi ligada á “boa sintonía” desde o tecido empresarial e da formación dos estudantes, “con trinta anos facendo canteira de profesionais”.
Para Emma Torres, o feito de que o Concello de Pontevedra vaia acoller os premios da Asociación de Informadores Cinematográficos de España é “un fito máis” para o audiovisual galego. “Ao mellor non son moi obxectiva, pero penso que o bo nivel formativo que temos acadado en Galicia inflúe en que teñamos un bo audiovisual, un bo sector e, polo tanto, sexamos referentes á hora de organizar eventos deste tipo”, asegura a decana.
Este convenio é posible grazas á decisión do Concello de Pontevedra de que a gala dos premios Feroz se celebre na cidade do Lérez e vén acompañado dun ciclo de películas que se ven desenvolvendo desde o mes de outubro. A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, mostrouse encantada “da repercusión que está tendo a programación previa dos Feroz e a resposta da veciñanza”. De feito, explicou que “mesmo os directores e as directoras que pasaron polo momento están abraiados e abraiadas ao ver as salas cheas de xente para ver os seus filmes”.
"Estas proxeccións que se están a facer demostran que a xente quere ver cine e tamén que hai un interese por ver un cinema máis pensado e poder comentalo", destaca a decana
Por Pontevedra pasaron directores como Eduardo Casanova, Paula Ortiz, Lois Patiño ou Víctor Iriarte, cunha moi boa acollida tanto por parte do alumnado da facultade de Comunicación, onde tiveron lugar a maioría das proxeccións, como da veciñanza pontevedresa. Para a decana foi unha oportunidade de tecer rede da cidade co campus universitario, ademais de demostrar que hai público para un cine menos comercial.
Emma Torres explica que “o consumo de cine está sufrindo un proceso moi curioso porque a xente quere ver cine, a xente consome audiovisual, pero á hora de ir á sala de cine estamos fallando, a pesar de que hai quen está demostrando que se poden aplicar boas estratexias de marketing, está custando que a xente volva ao cine. Estas proxeccións que se están a facer demostran que a xente quere ver cine e tamén que hai un interese por ver un cinema máis pensado e poder comentalo”. A decana lembra que estamos nunha “época dourada” para o audiovisual, pois nunca se viu tanto, pero tampouco nunca se consumiu de maneiras tan diversas.