As autoras volveron dominar a lista dos Premios Follas Novas, que celebraron onte a súa tradicional gala na que se reivindicou o papel do mundo do libro na historia recente de Galicia
Xa non é noticia. As autoras volveron dominar a lista dos Premios Follas Novas, que celebraron onte a súa tradicional gala na que se entregaron tanto os premios por categorías literarias como aqueles que recoñecen a figuras do mundo da literatura, da edición e do sector libreiro.
Nesta edición o premio á obra de narrativa foi para A noite das cebolas, de Rosa Aneiros (Edicións Xerais de Galicia). O premio ao libro de poesía recoñeceu Os pozos elegantes das clavículas, de María Álvarez Landesa (Alvarellos Editora). E o premio ao libro de teatro foi para Ubasute, de Paula Carballeira (Editorial Galaxia).
A gala tivo lugar no Teatro Principal de Santiago e serviu para reivindicar o papel do mundo do libro na historia recente de Galicia, unha historia que, segundo explicaron percorre catro decadas tanto para escritores, editoras e librarías. No transcorrer da festa, presentada por Xosé Barato, tivo un especial protagonismo a situación de Palestina, a través da presencia de Shahd Wadi, do libro que resultou gañador de iniciativa editorial e tamén das intervencións de algúns dos gañadores en distintas categorías. Manuel Bragado, premiado de honra pola AGE fixo un repaso pola situación editorial de Galicia e pediu “un trato digno para o libro galego, como fixo no seu día Agustín Fernández Paz” tamén propuxo o mestre e editor “que todos os sectores e administracións do libro se senten na mesma mesa”.
Manuel Bragado, premiado de honra pola AGE fixo un repaso pola situación editorial de Galicia e pediu “un trato digno para o libro galego"
Os premios Follas Novas están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Fedración de Librarías de Galicia (FLG), co apoio da Concello de Santiago, a Deputación de A Coruña, a Xunta de Galicia e CEDRO.
Cada unha das tres asociacións organizadoras entrega na Gala dos Follas Novas os seus premios de honra anuais, nos que se salienta unha figura das letras, unha editorial ou persoa destacable do mundo editorial e unha libraría. Nesta ocasión, os galardóns foron para Shahd Wadi, Manuel Bragado e para o fundador da libraría Follas Novas, Rafael Silva.
Premios FLG: Rafael Silva
En decembro de 1971, tres cregos impulsaron a creación da libraría Follas Novas en Santiago de Compostela, concibida inicialmente como unha libraría especializada en libro universitario. Pouco tempo despois da súa apertura, un dos fundadores, Rafael Silva, deixou a vida eclesiástica para dedicarse de cheo á xestión da libraría e tamén da súa editorial. O proxecto pronto foi máis aló da súa orixe académica, converténdose nun espazo clave para a difusión da cultura galega e nunha libraría que, a día de hoxe, continúa sendo de referencia en todo o país.

Premio AGE: Manuel Bragado
Manuel Bragado (Vigo, 1959) é editor, mestre e activista cultural. Foi director de Edicións Xerais de Galicia entre 1994 e 2018 e actualmente traballa como orientador en centros educativos de Redondela. Presidente da Fundación Luzes e colaborador habitual en Faro de Vigo, mantén dende 1999 a sección «Campo de Granada». Tamén é autor do blog Brétemas, recoñecido con varios premios, e publicou libros como Vigo, puro milagre e Vigo, abella da ribeira.
Shahd Wadi, nomeada Escritora Galega Universal pola AELG en recoñecemento á calidade da súa obra e ao seu compromiso coa defensa dos dereitos do pobo palestino desde unha perspectiva feminista
Premio AELG Escritora Galega Universal: Shahd Wadi
Shahd Wadi (Exipto, 1983) é unha escritora e investigadora palestina que creceu en Xordania e reside en Coimbra, Portugal. Doutorouse en Estudos Feministas na Universidade de Coimbra coa tese Feminismos de corpos ocupados, centrada nas narrativas artísticas das mulleres palestinianas no exilio, que deu lugar ao libro Corpos na trouxa (2017).
Reparte o seu tempo entre a escrita, a tradución, a programación cultural e o activismo feminista e palestino. Nomeada Escritora Galega Universal pola AELG, en recoñecemento á calidade da súa obra e ao seu compromiso coa defensa dos dereitos do pobo palestino desde unha perspectiva feminista.
Listado de obras OBRAS PREMIADAS NOS FOLLAS NOVAS 25
PREMIO Á OBRA DE ENSAIO E INVESTIGACIÓN
Abril é un país. Tereixa Constenla. Editorial Kalandraka.
PREMIO Á OBRA DE DIVULGACIÓN
Rotas (As mulleres que o franquismo agochou en Compostela). Montse Fajardo. Edicións Positivas.
PREMIO Á OBRA DE NARRATIVA
A noite das cebolas. Rosa Aneiros. Edicións Xerais de Galicia.
PREMIO Á OBRA INFANTIL
Como escorrentar un lobo. Antonio Manuel Fraga. Cuarto de Inverno.
PREMIO Á OBRA XUVENIL
Cartas na escuridade. Lois Pérez. Cuarto de Inverno.
PREMIO AO LIBRO ILUSTRADO
Papóns. Sandra Lodi. Editorial Galaxia.
PREMIO AO LIBRO DE BANDA DESEÑADA, GRÁFICO E HUMOR
Presas fáciles. Voitres. Miguelanxo Prado. Retranca Editora.
PREMIO Á INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA
Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina. VV.AA. Tempo Galiza Editora.
PREMIO Á OBRA TRADUCIDA
Os caravanistas, de Elizabeth von Arnim. Celia Recarey. Irmás Cartoné.
PREMIO AO LIBRO DE POESÍA
Os pozos elegantes das clavículas. María Álvarez Landesa. Alvarellos Editora.
PREMIO AO LIBRO DE TEATRO
Ubasute. Paula Carballeira. Editorial Galaxia.
PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO
O libro das abellas. Varias/os autoras/es. Apiario.Imaxe close delete_forever swap_vert
PREMIO PROMOCIÓN DA LECTURA
Culturgal