Os premios Follas Novas recoñecen o xornalismo cultural de Montse Dopico

Montse Dopico recolle o Premio Follas Novas de Xornalismo Cultural 2021 © Retransmisión da AGE

Os premios do libro galego que organizan a Federación de Librarías, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Asociación Galega de Editoras tomaron novos folgos neste 2021. Tras o ano marcado pola pandemia, estrearon a denominación de Premios Follas Novas e propuxéronse amosar que "a pesar das dificultades, o mundo dos libros non só non se detivo, senón que está facendo fronte ás dificultades con toda a enerxía e a inventiva que requiren os tempos".

O galardón foi concedido a Montse Dopico polo seu "traballo exhaustivo e profundo arredor do mundo cultural", o "rigor co que trata os argumentos" e a "profundidade das súas entrevistas"

Nesta liña, a organización dos galardóns optou tamén por recuperar a presencialidade do acto de entrega, ao que só puideron acudir os finalistas para cumprir as normas sanitarias no Teatro Principal de Santiago, mentres que o resto do público puido seguir a través de internet unha gala que pode ser recuperada integramente nesta ligazón.

Un dos traballos distinguidos foi neste ocasión o de Montse Dopico. A colaboradora de Praza.gal levou o premio na categoría de Xornalismo Cultural "por un traballo exhaustivo e profundo arredor do mundo cultural". A organización dos galardóns destaca tamén o "rigor co que trata os argumentos" e a "profundidade das súas entrevistas".

Montse Dopico recolle o Premio Follas Novas de Xornalismo Cultural 2021 © Imaxes tiradas da retransmisión da AEG

"Non podemos deixar que nos exploten no nome da cultura"

Ao recoller o premio Follas Novas, Montse Dopico amosouse "profundamente agradecida" e centrou o seu discurso nos dereitos laborais no sector cultural en xeral e no xornalismo en particular. "Non podemos deixar que nos exploten no nome da cultura", sintetizou, xa que "non pode ser, a estas alturas, que sigamos confundindo compromiso con traballo". "Somos traballadores e traballadoras e téñense que respectar os nosos dereitos", concluíu.

Antes deste galardón, o traballo xornalístico de Montse Dopico xa fora recoñecido noutros certames. É o caso dun dos premios Comunicar en Igualdade do 2019, pola reportaxe Sesé Mateo: a palabra que resiste a morte, publicada en Praza.gal, ou do premio Alfredo Vicenti de Xornalismo Cívico cunha entrevista publicada neste xornal á  profesora e investigadora da UDC Belén Fernández Suárez.

Alén do devandito galardón de xornalismo cultural, os premios Follas Novas distinguiron a autores e autoras como Aurora Marco, Xurxo Mariño ou Suso de Toro. Tamén a Elvira Riveiro, Natalia Carou ou Rita Gutiérrez. Esta é a listaxe completa:

Premios de honra

Premio da Asociación de Librarías de Galicia: Manuel Arenas
Escritor Galego Universal: José Luandino Vieira
Premio da Asociación Galega de Editoras: Xulio Amigo

Ensaio e Investigación
Irmandiñas (Edicións Laiovento). Aurora Marco

Divulgación
Unha mente que voa (Edicións Xerais de Galicia), Xurxo Mariño

Narrativa
Un señor elegante (Edicións Xerais de Galicia), Suso de Toro

Infantil
Mar de Mazá (Editorial Galaxia) Elvira Riveiro

Xuvenil
O mal querer (Baía Edicións), Natalia Carou

Gala de entrega dos premios Follas Novas 2021, no Teatro Principal de Santiago © AGE

Libro ilustrado
Contrahistorias de Galicia (Edicións Embora) Rita Gutiérrez (Ilus)

Banda Deseñada
O derradeiro libro de Emma Olsen (novela gráfica) (Editorial Galaxia). Pablo Prado

Iniciativa Bibliográfica
A lavandeira de San Simón (Edicións Xerais de Galicia). Eva Mejuto/Bea Gregores (Ilus)

Tradución
A nosa negra (Hugin e Munin), Harriet E. Wilson, tradución de María Reimóndez

Poesía
A Desvértebra (Chan da Pólvora), Ana Romaní

Teatro
Só un home bo (Edicións Positivas), Raúl Dans

Libro mellor editado
Nós Outras, (Chan da Pólvora) Marica Campo e Menchu Lamas

Iniciativa fomento da lectura
Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Proxecto literario en rede
Galicia encantada, coordinada por Antonio Reigosa

Xornalismo Cultural
Montse Dopico

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.