O venres 25 e o sábado 26 Carballo acollerá a estrea de O Electo, unha obra de Contraproducións e Focus con texto orixinal de Ramón Madaula, xa representada en catalán, e que agora o fai en galego coa dirección de Cándido Pazó e a interpretación de Manu Baqueiro e Antonio Mourelos. A obra amosa a vulnerabilidade dun político, que vai ser elixido presidente, pero que xusto antes de dar o seu discurso de investidura sofre un tic nervioso para o que necesita ser tratado de urxencia por un psiquiatra.
Será no marco do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), que chega á súa 28ª edición e que ata o 1 de novembro encherá Carballo de representacións escénicas, con nove estreas e un total de 38 espectáculos. Ademais, o festival inclúe un gran número de actividades que buscan crear públicos e, ademais, afondar na función social do teatro en temas como a desigualdade de xénero ou a xenofobia.
O Electo é unha coprodución entre Coproducións e a catalá Focus, que despois de representarse en galego (pasará por Vilagarcía e Vimianzo xusto despois de facelo por Carballo) xirará polo resto do Estado nunha versión en castelán. Falamos con Cándido Pazó.
Que imos ver en O Electo?
O Electo é unha comedia sobre a vocación política, interpretada por dous actores e que xa se montou no seu momento en Cataluña e Valencia. E que agora montamos en galego e despois a faremos en español no resto do Estado.
"Na obra unha das preguntas que se fai o espectador é por que unha persoa sente a necesidade ou a vocación de querer ser presidente"
Dá a impresión de que é unha obra moi acaida para o momento actual...
Pois si. Porque na obra unha das preguntas que se fai o espectador é por que unha persoa sente a necesidade ou a vocación de querer ser presidente ou outro cargo de igual importancia, postos que moitos non quereriamos desempeñar de ningunha maneira.
A obra amosa a fraxilidade das persoas que ocupan postos de poder. Semella que sempre nos interesa ver esa outra cara, aquilo que ocorre detrás dos focos...
Si, sobre todo amosa a vulnerabilidade da persoa que nun momento dado toma esa decisión. Aquí esa crise persoal amósase dun xeito un tanto choqueiro, porque está nese nivel de comedia. Pero si, metaforicamente, simbolicamente, un pode facer unha lectura máis profunda. Eu sempre parto da idea de que no teatro interesa todo aquilo que esperte a atención do público, que o divirta, que o emocione, que o mobilice, que ao cabo é o que quere dicir emocionarse.
A obra é unha coprodución e ten a particularidade de que tamén se representará no resto do Estado, en castelán. Como vai ser este proceso?
Esta é unha coprodución entre Contraproducións e Focus, unha produtora catalá que ten moita man na distribución por España. E nese aspecto esta é unha alianza que, estratexicamente, nos vai vir moi ben, sobre todo en termos de distribución, e xa se están recollendo os froitos.
"Unha das formas de que os nosos produtos se rendibilicen mellor, tanto en termos económicos como creativos, é que o ámbito se ensanche"
Non é algo habitual no sector en Galicia, non si?
Téñense feito algunhas coproducións puntuais con Portugal, moi auspiciadas dende o ámbito público. Pero unha coprodución deste tipo entre dúas empresas privadas é a primeira vez que se fai. Facémolo cunha obra que en termos de escenografía é potente, pero que en termos de reparto é máis modesta, numericamente falando, posto que unicamente son dous actores. Facémolo así porque como é a primeira experiencia que temos, e imos ter máis, queremos facelo nunha dimensión que podemos manexar e a partir de aí seguir empurrando fórmulas que permitan que os nosos produtos saian máis facilmente de Galicia. Nós montamos teatro para traballar nos escenarios galegos, pero unha das formas de que os nosos produtos se rendibilicen mellor, tanto en termos económicos como creativos, é que o ámbito se ensanche. E o ámbito ten que ser o conxunto do Estado e Portugal.
"Hai que imitar o proceso, non o resultado final, que non se pode imitar porque nunca sae da nada"
Que valoración fas do FIOT, despois de 28 edicións, moi consolidado e cunha gran proxección. Que lle achega á vila de Carballo e ao sector un festival coma este?
Hai unha singularidade no FIOT que se dá a diferenza doutros festivais que coñezo, non só galegos, que é que este é un festival-tempada. Normalmente os festivais duran unha semana, dez días, quince como moito. No caso do FIOT o festival conforma unha tempada e isto é algo que en Galicia non se acaba de conseguir: que sobre todo as vilas teñan unha periodo amplo de exhibición teatral e que as obras estean rodeadas por outro tipo de actividades de promoción, que se promova a relación co público, que haxa un apoio continuo da administración... O FIOT é un modelo non só para nós, os galegos, senón tamén para compañías do resto do Estado, que coñecen Carballo a través do festival. É un modelo que se confirmou como exitoso; os lugares que queiran ter un festival de teatro deberían ollar en primeiro lugar para Carballo.
Estes modelos constrúense a base de moito traballo regular, ano tras ano, avaliando o que funciona e o que non. Non son actos puntuais. Ás veces cando un evento ten éxito, como o FIOT, inténtase copiar o modelo noutros lugares, pero en ocasións cométese o erro de imitar o resultado e non o proceso que levou alí. Hai que imitar o proceso, non o resultado final, que non se pode imitar porque nunca sae da nada.
"Tan importante é a exhibición como a promoción e a conquista de espectadores e de seguidores"
De feito, nesta edición faise especial fincapé na 'creación de públicos', traballando non só o presente, senón tamén o futuro do teatro en Carballo...
Eu comparto esa idea de que non se trata unicamente de abrir o teatro e exhibir os espectáculos, senón que hai que fomentar a asistencia e tamén o compromiso e o coñecemento da existencia do FIOT e do propio teatro. E iso faise con distintas iniciativas, que algunhas funcionarán mellor e outras peor, pero que todas contribúen a iso. Tan importante é a exhibición como a promoción e a conquista de espectadores e de seguidores. Os seguidores son moi importantes tamén, xente que vai unha semana vai o teatro e outras non vai, pero que saben que existe o FIOT e que recoñecen que o FIOT é unha das cousas que lle poden dar prestixio á vila de Carballo.
Nesta edición incídese tamén na función social do teatro, a escena como unha ferramente para a conversa, a reflexión, ademais dun instrumento para divertir ou para emocionar...
Teríamos que volver definir a palabra divertir. Porque por exemplo Bertolt Brecht utilizaba constantemente a palabra, pero non a relacionaba necesariamente coa risa. Divertir é sacar á xente do seu día a día e que asista a unha función para que pense dunha maneira amena nun tema, cun conflito, nun problema. Digo ameno, porque me parece unha palabra máis acaída, unhas veces será para rir, outras veces para chorar, para asustarse, para preocuparse... En teatro sempre se di que vale facer todo menos aburrir ao público.
"[Trala morte de Celso Parada] Quédanos a memoria, tirar leccións de todo o que el fixo e seguir para adiante, facendo do teatro unha festa, que é o que el querería"
O festival tamén terá un espazo para a homenaxe a Teatro do Morcego e, sobre todo, a Celso Parada, finado hai dous meses. Que achegou ao teatro galego e que significou o seu pasamento?
Celso Parada era unha das persoas referente do teatro galego na súa xeración, que case é a miña, aínda que el era algo maior. Co traballo que fixo en Teatro do Morcego e co seu traballo individual. A súa perda, aínda que anunciada, foi moi triste e foi un trauma para o teatro galego. Cando se perden puntos de referencia iso sempre resta. Quédanos a memoria, tirar leccións de todo o que el fixo e seguir para adiante, facendo do teatro unha festa, que é o que el querería. E nesa festa ter sempre presentes a todas as persoas que estiveron nela e que hoxe en día fisicamente non poden estar pero que están aí, na memoria, na homenaxe.