FIOT: cinco semanas construíndo sociedade en Carballo a través das artes escénicas

Edición 2018 do FIOT © FIOT

Serán cinco semanas de actividade nas que Carballo se converterá no corazón das artes escénicas de Galicia cun total de 38 espectáculos

Xa está en marcha unha nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), que chega á súa 28ª entrega e que un ano máis converte as prazas, rúas, bares, mercados e auditorios de Carballo nun grande espazo de representación escénica. 

A extensa e variada programación chegará ata o 1 de novembro. Serán cinco semanas de actividade nas que Carballo se converterá no corazón das artes escénicas de Galicia cun total de 38 espectáculos, dos cales 9 serán estreas absolutas e 8 estreas no país, ademais de ducias de actividades paralelas dirixidas a públicos de todas as idades coa idea de achegar o mundo teatral á cidadanía. 

Carmen Maura, María Hervás e a Companhia do Chapitô, directoras como Carolina Román, Lucía Miranda e Miguel del Arco, Quico Cadaval, Cándido Pazó e Tito Asorey destacan na programación, que fará especial fincapé na muller, as violencias, a exclusión social ou a xenofobia, afondando no papel das artes escénicas como ferramenta para xerar conversa e reflexión arredor da sociedade actual.

O FIOT fai especial fincapé na muller, as violencias, a exclusión social ou a xenofobia, afondando no papel das artes escénicas como ferramenta social

A creación de públicos será outro dos obxectivos do FIOT, cunha importante programación paralela e actividades específicas, como son O Fiotiño (dirixido á xente miúda, a través dun campamento nocturno ou o certame de teatro lido), FiotEEN (funcións específicas para a mocidade e encontros coas compañías), Escola do Espectador (que este ano tamén se centrará no teatro social, as artes escénicas como ferramenta e o teatro documento), ou os Café con…, nos que público e artistas se atopan para abordar o proceso creativo ou de investigación.

Carmen Conde, no FIOT © FIOT

Patricia Lorenzo, Xograresa de Outono

Patricia Lorenzo será outra das protagonistas do FIOT, pois recibirá o premio 'Xograresa de Outono 2019'. O FIOT recoñece así a unha das grandes actrices galegas, que leva tres décadas dedicada á interpretación e traballando en diferentes eidos: teatro, música, dobraxe, cine e televisión. Destaca a súa participación en Chévere, compañía da que forma parte dende o ano 1994.

O Xograr de Outono busca recoñecer unha persoa ou entidade que destaque pola súa traxectoria na promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia

O Xograr de Outono busca recoñecer unha persoa ou entidade que destaque pola súa traxectoria na promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia. En anteriores edicións, foron xa merecedores deste premio Roberto Vidal Bolaño, Artur Trillo, Celso Parada, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Marcelino de Santiago “Kukas”, Alberto Gende, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, Susana Dans, Miguel de Lira, Mónica Camaño e Manuel Lourenzo. O acto de entrega do galardón desta edición está previsto para o 1 de novembro, previo ao inicio da función de Fariña.

A programación

A representación da obra de Tito Asorey, adaptación teatral do libro e da serie televisiva do mesmo nome, servirá para pechar o FIOT o vindeiro 1 de novembro, apenas unha semana despois da súa estrea absoluta na Coruña. Serán varias as obras que se estrearán en Carballo, destacando as producións galegas Medida x medida, de Producións Teatrais Excéntricas, e O Electo, de Contraproducións e Focus, coproducidas polo propio festival.

Na programación destaca a estrea das producións galegas Medida x medida, de Producións Teatrais Excéntricas, e O Electo, de Contraproducións e Focus

Cómpre salientar, igualmente a representación de Trópico de Covadonga, de Rodrigo Cuevas; Chicas y Chicos, de Lucía Miranda; Dados, de José Padilla, Premio MAX á mellor obra infantil e xuvenil; Jauría, de Jordi Casanovas, obra baseada na transcrición do xuízo da Manada; La Golondrina, de Guillem Clua coa interpretación de Carmen Maura; ou Juguetes Rotos, de Carolina Román.

Público do FIOT © FIOT

Así mesmo, haberá unha moi importante programación de teatro de rúa e de contacontos (na Rúa dos Contos), coa participación de Pedro Brandariz, Xurxo Souto, Carlos Blanco, MJ Pérez, Patty Diphusa ou Federico Pérez. As propostas máis singulares e vangardistas chegarán da man dos ciclos Micro-escenas Metro Cadrado e OTNI, que ten no israelí Kulu Orr e na peza A.K.A (Also Known As) dúas propostas destacadas.

Teatro do Morcego

Unha mostra servirá para percorrer os 30 anos de Teatro do Morcego, fundada polo finado Celso Parada

O pasado mes de agosto finou o actor, director e produtor Celso Parada, que hai 30 anos fundara xunto a Isabel Ávila Teatro do Morcego, un dos piares do crecemento do FIOT nas últimas décadas. Parada foi homenaxeado no festival no ano 2005 e nesta edición unha completa mostra no Pazo da Cultura servirá para percorrer os 30 anos de historia da compañía. Grazas ao traballo de Isabel Ávila, Tatán e Carlos Alonso o público asistente poderá ver pezas históricas de vestiario, escenografía, memoria gráfica e dramaturxia dos 31 espectáculos producidos pola compañía, nos que participaron máis de cincuenta actores, actrices, músicos, bailaríns e directores. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.