A segunda edición dos seráns do Taller Atlántico Contemporáneo na Cidade da Cultura comeza este domingo, cun concerto dirixido por Diego García Rodríguez, con obras de Varèse, Kagel, Schnitke e Daugherty. Todo será introducido por un monólogo de Carlos Blanco, e ao remate o restaurante Abastos 2.0 de Compostela ofrecerá unha degustación.
O obxectivo dos seráns é compaxinar música, humor e gastronomía, en sesións abertas ao público e gratuítas. Cada concerto estará presentado por importantes personalidades do mundo do teatro cun pequeno monólogo que establece pontes entre o humor e a música. Tras o concerto, cinco importantes restaurantes ofreceranlles aos asistentes unha tapa de cociña contemporánea a partir de produtos da nosa xeografía, que favorecerá un momento de conversa así como de goce dos espazos que ofrece a Cidade da Cultura. Despois do de hoxe haberá catro seráns máis, en xuño, outubro, novembro e decembro.
Despois do de hoxe haberá catro seráns máis, en xuño, outubro, novembro e decembro
Por exemplo, entre os presentadores dos concertos, poderase ver e escoitar a Carlos Blanco, Julián Hernández, Kiko Cadaval, Implicadas no Desenvolvemento ou Nicasio Grandaille. E entre os restaurantes que colaboran están Pepe Solla, Abastos 2.0, Eirado da Leña, Yayo Daporta ou Culler de Pau.
E no que respecta á música, o cerne destas experiencias, os concertos estarán dirixidos por Diego Gª Rodríguez e Paul Daniel, e contarán con intérpretes internacionais, galegos e españois de primeiro nivel. O repertorio, que este domingo se abre con Varèse, Kagel, Schnitke e Daugherty, continuará nos meses seguintes con Schoenberg e Mahler (11 de xuño); Eduardo Soutullo -cunha obra de estreo- e Harrison Birtwistle (29 de outubro); un conxunto de compositoras actuais: Kaija Saariaho, Isabel Mundry, Gloria Rodríguez Gil e Raquel García Tomás (25 de novembro). E para rematar, John Cage (16 de decembro).