Os vídeos de Mofa e Befa e Francisco Castro abren unha nova campaña de apoio á Filosofía

Mofa e Befa gravando o vídeo de apoio á campaña © Filosofía si

O colectivo Filosofía Si vén de poñer en marcha unha nova iniciativa para reclamar a recuperación da materia de Filosofía no Bacharelato baixo o nome #VocesPolaFilosofía. A través desta proposta daranse a coñecer testemuños, en formato audiovisual, de diversas personalidades do panorama cultural galego. Francisco Castro, escritor e director da editorial Galaxia, foi o encargado de inaugurar esta proposta. Os teatreiros Mofa e Befa foron os segundos en publicar o seu vídeo de apoio.

Segundo a ex deputada e profesora do IES Politécnico de Vigo, Carme Adán –impulsora xunto a outros profesores e profesoras de Filosofía Si-, o obxectivo desta nova campaña é “conseguir unha maior visibilidade da necesidade de que os centros de ensino adiquen varias horas do tempo lectivo a ensinar a pensar, a pensar de xeito crítico”.

Ademais de Francisco Castro e Mofa e Befa, outras persoas destacadas da cultura galega xa confirmaron a súa participación en #VocesPolaFilosofía, como Jorge Mira, Sés, Xurxo Mariño, Sechu Sende, Inma López Silva, Ernesto Chao e Teresa Moure, entre outras. Os seus vídeos irán publicándose nos vindeiros días. 

Filosofía Si xa presentou no Parlamento Galego máis de 8.200 sinaturas de apoio á iniciativa, que será debatida no Parlamento nas vindeiras semanas. Ademais, no último mes desenvolveuse nas redes sociais a campaña #ChíaPolaFilosofía, na que participou de forma activa o alumnado de diversos centros de ensino secundario, publicando tanto citas célebres de filósofos e filódofas como reflexións propias.

Mofa e Befa gravando o vídeo de apoio á campaña © Filosofía si

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.