O 30 de outubro de 1920 publicouse en Ourense o primeiro número da revista Nós, que continuou editándose -en diversas etapas- ata 1936. A iniciativa nacera poucos meses antes, nunha xuntanza en Pontevedra na que participaran Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez. Foi o propio Castelao que propuxo o nome de Nós. A revista, vinculada ao pensamento nacionalista, pretendía normalizar o uso do idioma e elevalo dos usos orais á alta cultura. En 1923 abandonou o prelo de La Región, de onde saíran 15 números, e pasou a imprimirse en Pontevedra, ata que pouco despois a ditadura de Primo de Rivera suspendeu a publicación, tralo número 18. En xuño de 1925 apareceu de novo por iniciativa de Ánxel Casal na Coruña, coa colaboración de membros do Seminario de Estudos Galegos. A partir do número 88 imprimiuse xa en Compostela. O derradeiro número (139-144) saíu do prelo pouco antes do alzamernto militar de 1936 e non se chegou a distribuír; tan só dous exemplares sobreviviron á queima da imprenta de Ánxel Casal polos golpistas.
Dende hai anos colectivos sociais e culturais impulsan a conmemoración do aniversario da revista. En 2010 o Concello de Ourense e a Deputación Provincial de Ourense declararon o día 30 de outubro “festa local de interese cívico-cultural” na cidade de Ourense. A Asociación proCentenario de Nós 2020 vén traballando para difundir o coñecemento sobre a publicación e para preparar o seu centenario, que chegará dentro de dous anos. Para esa data hai tempo que se vén difundindo o Manifesto Ourense 2020, que promove Ourense como capital galega da Literatura.
Porén, este martes Camilo F. Valdehorras, Presidente-fundador da Asociación proCentenario de Nós 2020 e director do Grupo AuriaNós de Ourense, denuncia en Praza que "dado o escaso éxito na resposta social e o mínimo interese amosado polas institucións locais no acompañamento dos actos, a efemérides do Día de Nós está a esmorecer". O Concello de Ourense non programou ningunha actividade para celebrar este Día de Nós, delegando na Xunta de Galicia a responsabilidade de impulsar o centenario da revista en 2020. E tampouco a Deputación organizará actividade ningunha este 30 de outubro, aínda que hai uns días anunciou que solicitará a declaración de cidade creativa da Unesco para o ano 2019.
Lectura de artigos do 1º número da revista “Nós” no “segundo día de Nós” (2011)
Neste Día de Nós 2018 "sen programación de actos oficiais nin extraoficiais" a Asociación proCentenario de Nós 2020 insta á cidadanía ourensá a "abrir a consciencia á tradición cultural que atesoura a cidade e facérense responsábeis activos do seu legado cívico" e chama "a constituír a non-nata Comisión Ourensá Procentenario de Nós en xaneiro de 2019 como moi tarde. Ademais, pídelles ás distintas administracións que "leven a cabo unha programación ampla e diversa das Vísporas do Centenario de Nós, destinada ao lecer e ao cultivo dos ourensáns e as ourensás nas excelencias do seu patrimonio".
"Dado o escaso éxito na resposta social e o mínimo interese amosado polas institucións locais no acompañamento dos actos, a efemérides do Día de Nós está a esmorecer", alerta a Asociación proCentenario de Nós 2020
As críticas chegaron tamén por parte da oposición municipal, esixindo Ourense en Común "que sexa Ourense quen lidere e guíe a celebración do centenario da revista Nós en 2020". O seu voceiro, Martiño X. Vázquez, alerta de que a "cesión interesada de Jesús Vázquez á Xunta da organización dos actos do centenario pon en risco a candidatura de Ourense como capital europea da cultura e a centralidade de Ourense neste evento". Ourense en Común solicitará "que sexa Ourense, como berce da cultura galega, desta xeración e da revista Nós, quen lidere o guieiro a seguir no centenario, en contacto co tecido e o activo cultural da cidade, como a asociación Procentenario Nós, nacida precisamente para defender a conmemoración do centenario".