María Meijide mostra o seu "diario expandido" na Fundación Eugenio Granell baixo o epígrafe 'Pánico no museo'. Unha vintena de pezas que conforman "unha colección que parece conectar coa realidade a través dunha mirada hedonista e íntima"
A artista plástica María Meijide ten despregada na Fundación Eugenio Granell, na praza do Toural de Santiago, unha especie de "gran diario expandido". A mostra Pánico no museo está vencellada ao ano de residencia artística que ofrece a entidade e do que foi beneficiaria o ano pasado. Nunha viaxe cara a súa propia forza interior, a exposición contén, en palabras da artista, "unha pintura furiosa e alegre que nos convida ao presente".
Trátase de "máis dunha vintena de pezas, case todo pintura acrílica con algo de acuarela e óleo, conforman unha colección que parece conectar coa realidade a través dunha mirada hedonista e íntima". Pánico no museo funciona como un título reclamo, case surrealista, un slogan que pregunta: que sucede?
Nun alegato á sensualidade, unha peza luminosa en neón sentencia: "Todos mis amigos me ponen cachonda" e nunha das salas pode verse un gran cadro dunha muller espida –a nai da autora–, que le tranquilamente un periódico.
A exposición pode visitarse ata o 29 de xaneiro na sede da Fundación Eugenio Granell e para despedila a artista organiza para o venres 27 dúas visitas guiadas de balde: unha ás 12:30 horas e outra ás 18:30 horas.
A artista organiza para o venres 27 dúas visitas guiadas de balde á exposición
María Meijide editou en 2014 unha cartografía emocional de Compostela, xa icónica, e ten creado varias publicacións como Galipop, un caderno de hoxe e de sempre (2020). Recibiu en 2021 o primeiro Premio ‘Jesús Núñez’ de Arte Gráfica e mantén o seu obradoiro visitable no Toural.
Nesta viaxe á autoconsciencia Meijide tamén vén de publicar o libro Autobiografía cuantificada ou que difícil é ser María Meijide, editado en galego por Tulipa Ediorial, que define como "unha especie de formulario de representación onde a lectora tamén pode escribir. É unha especie de peza de texto e arte conceptual que segue a liña hedonista e íntima da pintura, e ofrece tamén a posibilidade de enviar os textos e participar nun proxecto autobiográfico de publicación colectiva infinita".